O idioma, coitelo da dor
Santalla, Iago - miércoles, 09 de octubre de 2024
Dicía Manuel María que
O idioma é a vida,
O coitelo da dor,
O murmullo do vento,
A palabra de amor.
Falaba do galego que se mantivo ceibe nas lareiras, nas carballeiras e nos confíns do mar sucado por xente que quería un país libre. Un idioma forxado, tamén, en camas e en eiras que xogaban con el a soñar un porvir. O tempo tróuxonos liberdade, puxo o noso idioma na escola e deulle o valor institucional que merecía. Esa institucionalización levounos a celebralo todos os 17 de maio, conmemorando os 'Cantares Gallegos' de Rosalía e lembrando cada ano unha figura senlleira.
Para o ano que vén, a RAG decidiu acertadamente volver á orixe homenaxeando ao noso cancioneiro popular, representado en cantareiras Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira, Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar. Nelas son moitos os nomes que evocamos tanto colectivamente como de xeito persoal (por exemplo, eu considero que os meus avós, transmisores de contos e cantigas, tamén son homenaxeados) . O caso é que a música tivo un papel fundamental á hora de manter e potenciar novamente o galego. Hoxe en día, a música séguenos potenciando e situando na esfera cultural a pesares da ignorancia deliberada dos medios de comunicación propios.
Se abriu este camiño, coido que a RAG debe seguilo, sen esquecer que hai moitas e moitos agardando con xustiza o seu día, é hora de meter como Letras galegas a nosa música e aí tamén hai moitos esquecementos para rescatar. Cada un terá os seus nomes pero hoxe, en Facebook, alguén lembraba como Andrés do Barro foi número 1 nas listas españolas cantando en galego. Non unha vez, senón varias. Entón, esta xente que mantivo viva a chama, tamén merece un oco no corazón do 17 de maio.
Pensemos, tamén, noutros como Suso Vaamonde que dedicou a súa vida a cantar aos poetas e poetisas contemporáneos poñéndolle voz aos poemas máis combativos. Toda esta xente que oralmente se expuxo en público defendendo o idioma, debería ter un recoñecemento porque, grazas a elas e a eles, xunto cos nosos literatos, hoxe temos un coitelo para a dor.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora