Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A degolación, enterro e o mito de Pardo de Cela

Meilán García, Antón X. - jueves, 03 de octubre de 2024
O día 3 de outubro do 1483, Pardo de Cela -xunto co fillo- era degolado despois de saír da casa dun cóengo, Fernán Balea, onde lle fixeron asinar un testamento e codicilo para desembargar bens da igrexa. E fóra xa lle tiñan todo preparado: o cadafalso desde onde caeu a cabeza rodando ata a porta da seo, e a cada volta que daba da súa boca saía un "credo" e os seus ollos miraban ao ceo; o enterro fíxose "con grande autoridade", pon A Relazon, con misa de Requiem, cantada a coro por todo o Cabido, con órgano e incenso sobre o cadaleito e despois sobre a tumba no presbiterio, á dereita do evanxeo, no mesmo sitio no que 5 séculos despois apareceron (e seguen) os seus restos, ¿para cando Cabido mindoniense unha sinal da cova do Mariscal? ¿para cando? Do que non se deron conta nin os Acuña nin os cregos mindonienses era que a sangue verquida diante da catedral traía un regueiro de loita na Frouseira, un regueiro de traizóns na propia Frouseira e na casa do secretario do bispo en Castrodouro, onde o colleron, e un regueiro que desbordou en Mondoñedo na casa do cóengo Fernán Balea, e que a xente comprobou e veu cos seus ollos a complicidade da igrexa na degolación, por iso esa sangue alí verquida e con tantas sinais aos ollos da xente, axiña o converteron en Mito. Primeiro foron os Romances, que xograis e cegos cantaban nas feiras e romerías, e despois chegaron as poesías, pezas de teatro, novelas que pasaron a formar parte do noso acervo literario coa marca do Mariscal. E aínda máis, o Mito gravou o seu nome en rúas de pobos de Galiza en recoñecemento á súa memoria. Se os Acuña e os cregos mindonienses souberan que acabaría en heroe, de seguro que lle farían como ao de Soutomaior: unha manta de paus e ao furaco, e Pedro Madruga nunca máis volveu a madrugar.
Meilán García, Antón X.
Meilán García, Antón X.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES