O día 30 de setembro cumpríronse douscentos anos do falecemento do científico máis importante e recoñecido que tivo Galicia. Agora están aparecendo gran cantidade de artigos en xornais e revistas sobre el e eu tampouco quero deixar pasar a data sen dedicarlle unhas liñas a este xenio galego da matemática e da ciencia no que atopo paralelismos dabondo con moitos mozos da miña época que saimos da aldea e tamén tivemos que esforzarnos por adaptarnos á vida dunha vila ou dunha cidade, empezando pola linguaxe e seguindo polos costumes e formas de entender a realidade.
Eu empecei achegándome á figura de Xosé Rodríguez a comezos dos anos oitenta do pasado século. Entón empezaba a pescudar sobre o pensamento ilustrado en Galicia e acudía case todos os días ao Arquivo da USC, situado daquela no faiado da Facultade de Historia. Alí coñecín e fixen amizade co entón Profesor de Historia moderna, Xosé Ramón Fernández Barreiro. El foi quen me conduciu cara dúas figuras claves da Ilustración na universidade compostelá: o médico e Catedrático de Física Experimental, Francisco de Neira, e o matemático Xosé Rodríguez.
Como moitos rapaces saíu Xosé Rodríguez dunha descoñecida aldea preto de Lalín e foi enviado ao Seminario que entón era unha oportunidade e un medio de promoción social para un neno do rural. Completados os estudos de Filosofía e Teoloxía na Universidade de Santiago decátase de que a súa vocación é outra: a das matemáticas, a científica. E é agora cando este mozo desprega as súas as, emprende voo e vai a colocarse á par cas máis audaces aguias da ciencia en Europa. Pero vaiamos por partes.
As orixes
Pedro Joseph Rodríguez González -como así figura na partida de bautismo- naceu na parroquia de Sta. María do Bermés, preto de Lalín o día 25 de outubro de 1770. O Bermés

pertencía entón a provincia de Lugo e á xurisdición do Deza. El foi o primeiro dos sete fillos do matrimonio formado por Ambrosio Rodríguez e Francisca González, uns humildes labregos que a maiores obtiñan uns ingresos extras grazas a un muiño que funcionaba 6 meses ao ano e un par de cabalos cos que tamén traballaba como arrieiro. Iso dáballes certos folgos na súa axustada economía labrega. Aquel neno, como todos os compañeiros da aldea, axudaría nas labores agrícolas adaptadas a súa idade, iría a chamada escola do ferrado e seguramente que a familia e os amigos pronto se decataron de que o rapaz era máis esperto e asisado ca maioría. Seu tío cura tamén o notaría e, tras falar ca familia, fíxose cargo da súa educación.
No Seminario en Monforte
Nestes momentos o Colexio do Cardeal, o de Nosa Señora da Antiga estaba dedicado a Seminario diocesano -Diocese de Lugo-. Este Colexio foi fundado polo Cardeal Rodrigo de Castro, fillo de dona Beatriz de Castro, condesa de Lemos. Inicialmente foi entregado aínda sen rematar aos xesuítas en 1620 que o rexentaron ata 1767 en que foron expulsados do territorio español por Carlos III. Pouco despois funcionou como Seminario da Diocese de Lugo. Alí formábanse os futuros clérigos en Humanidades, Filosofía e Teoloxía. Alí acode tamén Xosé Rodríguez da man de seu tío , o crego don Pedro. No Seminario estuda Humanidades e un ou dos anos de Filosofía para incorporarse á Universidade de Santiago en outubro de 1787.
Na Universidade de Santiago
A marcha a Compostela coincide ca morte do seu mecenas, seu tío Pedro Rodríguez. Grazas ao seu brillante expediente consigue unha beca e entra como colexial no San Xerome.
Na Universidade obtén o grao de Bacharel en Filosofía en 1790. Cinco anos despois obtén o título de Bacharel en Teoloxía. Aínda que alongou un pouco máis os estudos de Teoloxía non acadou a licenciatura na mesma, desviando a súa atención cara as matemáticas e a ciencia, a súa verdadeira vocación á que dedicaría o resto da súa vida.
Onde estuda Matemáticas Xosé Rodríguez? Entre 1775 e 1792 rexenta a cátedra de Matemáticas Luís Marcelino Pereira ata que se marcha de Oidor da Real Chancelaría de Valladolid. El era membro-fundador da Real Sociedade de Amigos do País de Santiago, o que nos mostra o seu talante ilustrado. Esta cátedra estaba en Artes, pero pensada para futuros médicos. Con toda probabilidade Xosé Rodríguez coñeceu a Luís Marcelino Pereira, pero non sería alumno oficial. Quizais recibiu clases privadas del, como do matemático beneditino Bernardo Foyo, substituto de Pereira nalgunha ocasión.
Hai que ter en conta que nestes momentos a Universidade galega debátese entre o sector colexial -nomeadamente o Colexio de Fonseca que pretende manter os seus privilexios- e un grupo reformista ilustrado que trata de cambiar os programas de ensino e darlles maior peso ás matemáticas e ciencias experimentais dentro dos plans de estudo. Este problema que xa ven arrastrándose dende mediados do XVIII ca reforma de Ulloa de 1751 é un tanto longo e prolixo e excede as pretensións deste artigo, pero que se atopa ben documentado na obra de Xosé Ramón Barreiro Fernández, a quen lle debo precisamente que me ocupase destes temas. Non se pode pasar por alto o papel crucial que desempeña neste momento a figura estelar de Francisco de Neira -de quen me teño ocupado noutros artigos- catedrático de Medicina e introdutor da Física Experimental na Universidade compostelá. El, tras o período de formación en París, Londres e Edimburgo, bolseiro do goberno español, trae a Compostela as novas ideas dos saberes experimentais e logra a cátedra de Física Experimental en outubro de 1789. Os intentos reformistas do Dr. Neira chocan constantemente co muro conservador colexial, refractario a toda innovación e que utiliza todo tipo de escusas para esquivar as mesmas ordes do Consello de Castela. En 1796 Francisco de Neira gaña por oposición a cátedra de Clínica do Real Colexio de Medicina Práctica de Madrid. Pero o seu paso por Santiago deixou pegada no grupo de ilustrados -a escola físico matemática compostelá- que alentou e no que poden incluírse, entre outros, a González Varela, Pedro Pardo de Bazán, Dr. Camiña, Dr. Vega, Pedro Antonio Sánchez e tamén o xoven matemático Xosé Rodríguez. Ademais deste grupo está a Sociedade Económica de Santiago na que están a cabeza Páramo e Somoza, Pedro Antonio Sánchez, Luís Marcelino Pereira, Antonio Gil de Lemos e outros moitos ata chegar a completar 404 socios en 1787. E tampouco se pode esquecer a importancia que ten o faladoiro que se reúne semanalmente na rebotica de Suárez Freire a onde acudía e se daría a coñecer Xosé Rodríguez e onde recibiría consello e apoio para ir a estudar ao estranxeiro.
A cátedra de matemáticas
Trala marcha de Luís Marcelino Pereira en 1792 a Valladolid, a cátedra de matemáticas foi ocupada por substitutos. En 1797 Rodríguez opta á cátedra de Matemáticas, pero o claustro elixe a Cristóbal Pecul. Rodríguez presenta un recurso ao Consello de Castela solicitando que saque a cátedra a concurso. Entre tanto no curso seguinte Rodríguez foi nomeado substituto polo claustro. De novo o recurso de Pecul consigue que o reintegren á cátedra no curso seguinte.
En 1800 iniciase o proceso de oposición á cátedra de matemáticas. Noméanse a matemáticos, como membros do tribunal examinador: Francisco Roldán (enxeñeiro hidráulico), Francisco Yebra (do Real Consulado da Coruña) e José Alonso López

(matemático na Escola de Gardamarinas de Ferrol). Pecul non se presenta. A competencia de Rodríguez en matamáticas é tal que, como di Aller Ulloa, deu lugar "a que los profesores del Departamento de Ferrol, que se habían llamado para jueces de este concurso, quedasen sorprendidos con los conocimientos de Rodríguez, y dijesen que más bien ellos podían ser sus discípulos" (Aller Ulloa, R., 1929): D. José Rodríguez González (o matemático do Bermés)" en Seminario de Estudos Galegos, III, Santiago, p.9).
Durante a súa estancia en Santiago, Xosé Rodríguez coincide co principal impulsor da renovación científica da universidade, o catedrático de Medicina e logo de Física Experimental, Francisco de Neira. El, tras completar a súa Formación en París, Londres e Edimburgo, retorna a Santiago para cambiar os planos de estudo da Universidade galega e incorporar o novo saber científico presente nas universidades europeas. Iso significaba moitos cambios e remover a cómoda rutina de moitos. Só logra persuadir a una minoría de colegas, aínda que del arranca a escola físico matemática de Santiago, que dará figuras, como Rodríguez, Casiano del Prado ou Fontán.
Resulta difícil imaxinar que un ilustrado inquedo, como Francisco de Neira, non mantivera relación e mesmo amizade cos membros da Sociedade de Amigos do País de Santiago e co grupo da rebotica de Suárez Freire. Sen dúbida ningunha, a inquedanza polos saberes experimentais contaxioulla a amigos, alumnos e algúns profesores universitarios. O historiador Xosé Ramón Fernández Barreiro fala do grupo ilustrado compostelán no que inclúe a Xosé Rodríguez. Aínda que non está documentado, é moi probable que o Dr. Neira, ben coñecido polas súas polémicas nos claustros de Universidade en prol da nova ciencia empírico-matemática, tivera moito que ver con esa mecha que prendeu o lume da paixón pola ciencia naquel mozo do Bermés que asistía aos faladoiros ilustrados en Compostela. E foi aí precisamente onde atoparía os seus amigos e mecenas que descubriron nel as súas calidades excepcionais e lle axudaron para ir a formarse ao estranxeiro.
Estadía no estranxeiro
Trala toma de posesión da súa cátedra de Matemáticas, Xosé Rodríguez exerce a docencia universitaria durante dous cursos. Aconsellado e apoiado polos seus amigos da tertulia que tiña lugar na rebotica de Suárez Freire, marcha a París a ampliar a súa formación científica. Durante a súa estadía na cidade do Sena conecta cun centro punteiro na Matemática e na Xeodesia: O Colexio de Francia onde establecerá relacións con científicos como François Arago, Jean Baptiste Biot, Laplace, Méchain e outros. A preparación e calidades do científico galego quedarían patentes entre eles e iso abriríalle as portas a novas metas.
A medida do arco de meridiano terrestre
Fieis ao principio de igualdade da Revolución Francesa, os ilustrados tratan de establecer un sistema universal de pesas e medidas que acabe co embrollo da heteroxeneidade reinante nos distintos países e rexións. Por esa razón se esforzan en lograr a medida precisa dun cuadrante de meridiano para poder establecer unha unidade de lonxitude universal que sirva de referencia para todos. De paso tamén estaba en xogo a forma do esferoide terrestre.
Xa na antigüidade se discutía sobre a forma da Terra. A teoría que sostiña que a Terra era plana chocaba cos que defendían a forma redonda baseándose na observación dos eclipses lunares. Así Eratóstenes, Hiparco e Ptolomeo foron firmes defensores da forma esférica do globo terrestre. No séc. XVII o científico holandés Snell utiliza a triangulación como método para medir grandes áreas. Máis tarde, Newton e Huygens conciben a Terra como un elipsoide, algo achatada nos polos, en consonancia coa teoría cartesiana dos remuíños. Os ilustrados impulsan a medición dun cuadrante de meridiano para precisar a forma da Terra e establecer un sistema universal de medida. Neste contexto, comezos do XIX, retoman os franceses o proxecto e encárganlle a Méchain a tarefa en 1802, pero morre dous anos despois de iniciado o traballo. Por ese motivo, o organismo oficial do goberno francés, o Bureau de Longitudes, nomea a François Arago e a Jean Baptiste Biot responsables da misión que agora tiña que adentrarse en territorio español. Piden o preceptivo permiso e tamén solicitan que se integren na misión dous científicos españois: Xosé Rodríguez e Chais Isnail. Botaron dous anos medindo a costa mediterránea para dar o salto as Baleares. Nesas andaban cando os sorprendeu a Guerra da Independencia contra Napoleón. O francés Arago caeu prisioneiro en Mallorca e foi o seu amigo Xosé Rodríguez quen o visitaba asiduamente e lle preparou a fuxida co risco que supoñía para ambos. Arago nunca esquecería ese feito e manteríase entre ambos unha amizade de por vida.
Comisionado a Inglaterra
En 1809 vai comisionado polo goberno español a Inglaterra para seguir ensanchando os seus coñecementos científicos, nomeadamente en Astronomía, porque os ingleses estaban interesados na súa aplicación á cartografía e para precisar rutas marítimas para o comercio. Participa cos científicos da Royal Society na elaboración dun mapa de Inglaterra e será precisamente diante desa institución científica onde presente, a través do seu amigo Mendoza de los Ríos, a publicación máis coñecida del e difundida polo seu biógrafo Ramón María Aller, Observations on the measurement of threes degrees of de meridian, conductery in England by Lieutenant Colonel William Mudge. Nela corrixe algunhas medidas debidas a erros de cálculo ou ao método empregado polo Tte. Coronel Mudge. A ponencia levantou certa polémica na que non se cuestionaban os datos de Rodríguez senón que se quería ver un certo posicionamento a favor do espírito da Revolución francesa. A todo isto, Rodríguez foi alleo a esa polémica xa que tivo que regresar apresuradamente a Santiago porque tras tan longa ausencia da súa cátedra, a Universidade sacara a concurso a súa praza. Rodríguez solicita reintegrarse á cátedra onde exercerá dous cursos: de 1812 a 1814.
En outubro dese ano foi comisionado de novo polo Rei para pasar dous anos en Alemaña co fin de perfeccionar os coñecementos de Ciencias Naturais e Mineraloxía. Diríxese á Escola de Minas ( Bergakademie) de Freiberg, pero de paso por París, o seu referente científico, quédase alí un tempo para encontrarse cos seus amigos franceses e poñerse ao día nos avances da ciencia. En Freiberg coñeceu a Abraham Werner co que estuda Mineraloxía. No verán de 1816 diríxese á Universidade de Gotinga, ao Observatorio de Astronomía onde contacta e se relaciona co matemático Friedrich Gauss.
Na primavera de 1817 atópase de novo en París onde vai permanecer dous anos que aproveita para seguir progresando na ciencia. Alí coñece a fai amizade co considerado o pai da Cristalografía, o abate Haüy, cóengo honorario de Notre Dame e Presidente da Academia de Ciencias de Francia, autor do Traité de Mineralogie. El agasallouno cunha colección de modelos cristalográficos que irían para a Universidade de Santiago, onde se conservan na Facultade de Físicas.
Durante esta estancia en París fai unha labor moi frutífera para a Universidade galega: seleccionar e mercar material de laboratorio para o ensino da Física e matemáticas xa que está ben asesorado e mesmo coñece artesáns cualificados que poden fabricalos. É neste momento cando un grupo profesores de Santiago encabezados por Domingo Fóntán, seu discípulo e amigo, se dirixen ao claustro e ao Reitor para aproveitar esta circunstancia favorable e facer un pedido a Rodríguez para que adquira o material científico. Ao fin cómprese agora o vello desexo do Dr. Neira quen en 1788 dirixiu esa mesma instancia ao claustro universitario, pero obtivo o non por resposta, alegando, como escusa, que a Universidade non podía distraer 70.000 reais para traer o gabinete de Física. Xosé Rodríguez fai un primeiro envío de material en febreiro de 1818 dende París e chega a Santiago, tras pasar antes por Baiona e A Coruña, a finais de maio dese ano.
Ao ano seguinte, 1819, fai outra remesa de material para a Universidade e para o seu amigo Fontán, que estaba traballando na elaboración do mapa de Galicia. Rodríguez preocupouse pola renovación da ciencia na Universidade de Santiago e ademais deste material científico, tamén enviou libros de ciencia para a universidade e amigos ademais de produtos para a botica de Suárez Freire. Unha das pezas que envía dentro dun caixón é un metro de cobre milimetrado que se conserva na Facultade de Física da USC.
Estando en París, recibe unha tentadora e suculenta proposta procedente do zar Alexandre I de Rusia. Non se trataba da dirección do Observatorio de San Petersburgo, como afirman algúns articulistas porque aínda non existía e non se inaugura ata 1839. Parece que a misión eran traballos xeodésicos, de triangulación e medida, nos que o noso matemático era brillante. O soldo sería duns 40.000 rublos, uns 32.000 reais da época. Rodríguez procede con nobreza e antes de tomar unha decisión comunícalle a proposta recibida ao goberno español, que fora quen lle financiara a súa formación no exterior. Conscientes da súa valía e non querendo perdelo reclámano para Madrid onde o nomean profesor do Museo de Ciencias Naturais e Director do Observatorio de Astronomía cun soldo algo máis reducido, pero que Rodríguez acepta de bo grado. Presenta entón a súa renuncia a cátedra de Matemáticas da Universidade de Santiago onde logo sería dignamente substituído polo que fora seu discípulo e amigo, Domingo Fontán.
Participación na vida política
Tralo trunfo de Riego vólvese á Constitución de Cadiz e convócanse eleccións. Xosé Rodríguez presentase por Santiago e sae elixido Deputado a Cortes. El non era o que diríamos "animal político", senón home de ciencia. Nas Cortes defendeu a importancia da Universidade Central , como foco que debe irradiar luz ao resto do país, nomeadamente nos saberes experimentais, matemáticas e ciencias da natureza. Unha segunda cuestión que defende e que consigue aprobar e o apoio do Estado á produción e importación de material de ciencia experimental e de laboratorio e máquinas de uso didáctico reducindo aranceis e impostos.
O último ano, como deputado en 1823, séntese moi decepcionado polo cariz que ían tomando os acontecementos, polos duros enfrontamentos entre radicais e moderados. Iso lévao a abandonar Madrid collendo so o necesario e deixando depositadas as súas pertenzas no Museo de Ciencias. Serían recuperadas dez anos despois da súa morte polos seus herdeiros.
Deixa Madrid a finais de abril de 1823 e hospédase en Santiago na casa do seu amigo Julián Sánchez Freire. No verán de 1824 fai un viaxe a Portugal e visita Lisboa, Oporto e Coimbra. Non lle foi de todo grato porque se atopou con algúns deputados españois que estaban exiliados por mor do cambio de réxime. Rodríguez, que era un home moderado, parece que non chegou a sufrir ningún tipo de persecución nin represalias.
Regresa de Portugal a Santiago, á casa do seu vello amigo e os problemas de saúde que viña arrastrando dende uns tres anos atrás agrávanse agora.
Morre, tras facer testamento no que nomea a Julián albacea, o día 30 de setembro de 1824.
Os seus restos mortais foron soterrados na Igrexa da San Agostiño, preto do mercado de abastos de Santiago. A día de hoxe, non está sinalado o lugar preciso onde xacen. Hai medio século que se cubriu de baldosa o templo e non se tivo coidado de sinalar a súa tumba. É impensable que o seu amigo Suárez Freire non se ocupase de darlle unha sepultura digna e ben localizada. Pero o paso do tempo, a ignorancia e a desidia fixeron que se botase terra encima e permaneza no anonimato a súa tumba. É lamentable que a día de hoxe non se faga un esforzo por localizalos e se trasladen ao Panteón de Galegos Ilustres.