Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Premios Bacelos de Prata 2024

martes, 01 de octubre de 2024
Lembro moi ben a primeira vez que visitei a Casa dos Ulloa, pazo de aboengo, situado en Esposende do concello de Ribadavia. Acababa de mercala o amigo Cándido Vázquez coa finalidade de convertela nunha casa rural. Aquel pazo fora moradía da familia dos Ulloa coa que emparentara o catedrático Álvaro das Casas, un home clave no rexurdimento do galeguismo na década dos anos trinta do século pasado. Sendo catedrático no Instituto de Noia fundara o grupo xuvenil "Ultreia", un movemento asociativo sen precedentes na historia de Galicia. Chegou a ter inscritos máis de tres mil mozos; as mulleres eran ben poucas, por certo. Moitos deles foron cualificados militantes da causa galeguista anos despois, desepeñando postos relevantes na reconstrución da identidade galega.

Naquela visita Cándido Vázquez amosarame unha amplísima documentación que atopou arrombada nunha das dependencias do pazo. Carteis das festas da parroquia de Esposende editados en lingua galega, e moitos recordatorios ou obituarios, que así se lles chamaba a este tipo de publicacións, para anunciar as exequias de persoas falecidas, todas elas impresas tamén en lingua galega.

Álvaro das Casas foi tamén fundador da UCRA (Unión de Colleiteiros do Ribeiro do Avía) en xaneiro de 1936. Pouca vida tivo aquel proxecto asociativo, que foi tronzado pola sublevación militar. Pero os seus obxectivos prevaleceron, e aínda hoxe teñen vixencia. Facía moito fincapé na necesidade de recuperar as castes de viño autóctonas, o control de calidade, e, sobre todo, identificalos coa cultura galega. Entre a morea de papeis atopada sorprendéronnos os centos de etiquetas destinadas a identificaren os envases da marca do viño que Álvaro das Casas pensaba comercializar en lingua galega.

Por volta dos anos noventa recuperamos o orixinal discurso galeguizador de Álvaro das Casas. Constituímos unha asociación co seu nome e convocamos os premios "Bacelos de Prata" para premiar aos adegueiros que etiquetan as botellas en lingua galega. Os premios ampliámolos a outros produtos agroalimentarios que fan o mesmo.

Este ano o xurado concedeullelos a dúas marcas comerciais ben coñecidas: unha de viños e outra de produtos lácteos.

A Adega Pazo Lalón, que está situada na localidade de Barro de Gomariz, no veciño concello de Leiro. Elaboradores de viños desde o ano 1992, botando man da máxima tecnoloxía, pero sendo fieis a unha maneira tradicional de facelos. Cómpre dicir que pola súa calidade foron distinguidos con premios ben reputados no sector vinícola.

Kalekói, constituída en 2014 no concello de Rodeiro (Pontevedra), elabora iogures naturais con froitas de tempada, e leite envasado procedente das vacas que pacen na propia explotación agrícola de 42 hectáreas de extensión. A marca converteuse nun produto de referencia nos máis recoñecidos centros de distibución de produtos de alimentación.

Estas dúas marcas comerciais son a expresión do éxito empresarial baseado na excelencia das súas ofertas comerciais, que decidiron, ademais, aliarse estratexicamente co idioma galego como un elemento diferenciador, e reforzar así a autenticidade da oríxe xeográfica onde se elaboran. Un amplísimo sector do consusmidores ávidos da galeguización da economía prefiren estes produtos por esa peculiar característica.

O próximo sábado, día 5, ás 12:00 horas, as portas da adega da Casa dos Ulloa estarán abertas para recibir a todas as persoas que miran con simpatía este proceso galeguizador da economía galega. A cantora María do Ceo animará o acto coas súas celmosas melodías.

Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES