O escritor e profesor lucense Claudio Rodríguez Fer dedicou moitos anos ao coñecemento e estudo da persoa e da obra do seu querido e admirado amigo Ánxel Fole, a quen considerou un avó literario e a quen dedicou numerosas obras, dende o primeiro libro sobre o narrador, "A Galicia misteriosa de Ánxel Fole", ata a súa única biografía, "Ánxel Fole. Vida e obra", pasando polas súas edicións de "Contos de lobos",
"Cartafolio galego", "O mundo lucense de Ánxel Fole", "Ánxel Fole 1903-1986. Unha fotobiografía", "Contos de Mesopotamia" e os tres volumes da "Obra literaria completa" do autor en cuestión.
Ademais, Fole aparece con frecuencia na produción poética de Claudio Rodríguez Fer, quen o citou en "Tigres de ternura", quen lle dedicou o poemario "Lugo blues", quen o incluíu nos seus "Fotopoemas" e quen o lembrou moi emotivamente na composición "Un vello e un rapaz. Proxecto de revolución na muralla de Lugo", pertencente ao poemario "A loita continúa", onde evoca a súa temperá relación: "O vello pareceulle ao rapaz un avó que coñecía todos os segredos da tribo. / O rapaz pareceulle ao vello un poeta romántico con aspecto de anarquista ruso. / O vello descubrira o inferno exactamente en 1936 e estaba condenado ao silencio. / O rapaz descubrira o silencio sen data e non pararía ata condenar o inferno. / O vello ía para vello e o rapaz ía para novo: / todo estaba disposto para que non se producise o contacto. / Pero contra todo prognóstico ninguén puido impedir que sucedese o encontro. / E xuro que aquel puro contacto foi capaz de transformar sinxelamente o mundo".
Por outra banda, Claudio Rodríguez Fer procurou sempre divulgar a obra de Fole: como docente, explicando a súa produción en diversas universidades de Galicia e do mundo; como cinéfilo, participando en diferentes proxectos audiovisuais foleanos e, como publicista, promovendo a edición de trípticos divulgativos e a instalación dun mosaico mural sobre a súa obra no Instituto Ánxel Fole de Lugo cando exercía como catedrático de literatura en dito centro.
A este incansable labor sumouse neste ano de 2024 a edición de "O cine na vida e na obra de Ánxel Fole" feita polo Agrupación Fotocinematográfica Lucense Fonmiñá, presentada no seo da Semana de Cine de Lugo. Ademais, durante esta, o poeta descubriu unha placa de recoñecemento a Ánxel Fole no Paseo do Cine de Lugo, en presenza de representantes institucionais da Deputación e do Concello lucenses; do presidente de Fonmiñá, Xulio Xiz Ramil; do director do evento, Manuel Curiel, e dos fotógrafos José Manuel Guisasola e Eduardo Ochoa, este colaborador de Claudio Rodríguez Fer en libros como Lugo blues ou Meta-relatos. Así mesmo, participou no acto a actriz lucense Melania Cruz, quen inaugurou outra placa a ela dedicada e quen nos seus inicios teatrais fora protagonista da primeira representación de Fer como dramaturgo, "Km. 526", obra sobre a represión fascista da muller en Galicia.
"O cine na vida e na obra de Ánxel Fole" evoca o significativo lugar que ocupou o cine na vida de Fole, facendo especial referencia aos directores, actores e películas que suscitaron o seu máximo interese, pero tamén analiza a presenza do cine na obra de Fole, tanto en canto á temática como á técnica. Así mesmo, detense nas crónicas retrospectivas que Fole dedicou á historia do cine en Lugo, sen esquecer anécdotas tan divertidas como a dunha ocasión na que unha película en inglés subtitulada deixou de oírse na sala e o público protestou a berros ata que se escoitou dicir en medio do barullo: "-¿E que máis vos dá túzaros? ¡Se non sabedes inglés...!"
Mais, tras tratar do cine na obra de Fole, o autor considerou tamén a obra de Fole no cine, comezando polas históricas e pioneiras adaptacións dos seus contos nas curtametraxes "O documento" e "A caixa de morto", dirixidas por Enrique Rodríguez Baixeras, quen contou na segunda cun daquela aínda mozo Fernando Trueba como axudante de dirección. Logo ocupouse da adaptación televisiva do conto "O tesouro" feita por Xaime Fandiño Alonso, interpretada por actores que habían ser famosos dentro e fóra das artes audiovisuais galegas, como Manuel Manquiña, Luis Tosar ou Luis Zahera.
Claudio Rodríguez Fer documentouse integralmente para realizar esta investigación, pois entrevistou a Fole sobre ditos temas durante anos e procurou os tan numerosos como dispersos escritos cinéfilos de Fole na prensa e nos seus libros. Foi isto o que lle permitiu reunir nesta fermosa edición, ilustrada por excelentes fotos de Fole debidas a Eduardo Ochoa, por imaxes da época considerada e por carteis das películas aludidas, datos de Fole tan descoñecidos como fascinantes. Así relata, por exemplo, a aparición da sala que seguiu aos primeiros locais históricos, rexentada polo seu irmán Salvador Fole: "Despois destes locais cinematográficos (Círculo, Palacio Luminoso, Lugo-Salón e o heterónimo Teatro-Circo / Teatro Principal / Gran Teatro), apareceu en 1936 o Cine España, situado na rúa do Progreso, ao que seguirían varios máis. Inicialmente, ía ser o primeiro cine lugués con nome galego, Xolda, pero, segundo Fole, comezada a guerra civil, as autoridades franquistas repudiaron o nome en galego e impuxeron o máis español posible: España".
Mais Claudio Rodríguez Fer non esqueceu interesantes referencias de Fole ao seu admirado Charlot e ao seu antecedente Max Linder; ao seu director preferido, o libertario francés René Clair; ao cine soviético de Eisenstein que vira antes da guerra e que volveu visionar co propio Claudio Rodríguez Fer durante a transición á democracia; ao expresionismo alemán de Fritz Lang; ao omnipresente cine estadounidense dende os clásicos Griffith, Vidor ou Ford; ao cine de terror, misterio e suspense que sempre atraeu ao constante narrador da Galicia misteriosa; ao vangardista Buñuel, único cineasta español que lle interesou realmente por considerar "chabacano" a boa parte do resto; ao cine kafkiano de Welles e ao cine existencial de Bergman, a quen eloxia enormemente; ao revolucionario cine latinoamericano de Rocha e Leduc; aos actores e actrices que lle chamaron máis a atención e ata as últimas películas que visionou con gusto, como a musical "Cabaret".
Ler "O cine na vida e na obra de Ánxel Fole" de Claudio Rodríguez Fer é un pracer para a memoria histórica, pois lémbranse os avatares do cine en Lugo, incluída a imposición e a censura durante o franquismo; para a vista, pois proxéctase un marabilloso panorama fotocinematográfico ante aos ollos; para o ouvido, pois relátanse anécdotas que Fole recolleu case magnetofonicamente; para a sensibilidade artística, pois considérase con gusto a estética da chamada sétima arte; para a elevación espiritual, pois acométese con profundidade o sentido da vida humana a través do celuloide, e para a conciencia cívica, pois trátase de temas sociais e políticos que non poden nin deben deixarnos indiferentes. Como sempre, feliz conxunción ética e estética de Fole e Fer, que seguen a ser un vello e un rapaz de cine e de película.