Só acendo a televisión polas noites para ver unha película ou algún partido de fútbol que boten por aberto. Non vexo programas, nin series, nin noticias, nin rabo de gaitas. As noticias tan só as leo nos xornais, e nestes foi onde souben que a TVE estreaba un programa dun tal David Broncano. Toda esta introdución vén a conto porque, o venres, lin que a Defensora de Audiencia de RTVE solicitoulle ó equipo de "A Revolta" que se eliminasen "aquelas bromas e xogos de palabras relativos ás drogas". Eu, isto, e aínda que nunca vin tal programa, considéroo unha pequena censura.
Entendo que o tema das drogas é un asunto moi serio, pero creo que ás veces somos tan mexericas que non sabemos distinguir un chiste dunha realidade. Ou se o sabemos, non queremos diferencialo. Como o programa seica está na franxa esa de access prime time (como semella que isto non ten tradución ó castelán, eu, de chulo, pásoo ó galego "acceder ó horario de máxima audiencia"), tales bromas ou palabras groseiras semella que non se deben pronunciar porque poden ofender a sensibilidade do espectador; cando, máis seguro que unha hora antes do programa, nas auténticas noticias do Telexornal, asomen pola pantalla as guerras de Oriente Próximo ou de África ou abusos policiais ou pelexas de mozos desbocados ou imaxes das miserias de certas cidades... Estas non feren a sensibilidade do espectador. O Broncano seica nos fai trousar, vomitar cun chiste sobre a droga. O dito: mexeriqueiros con sensibilidades esperpénticas. E a liberdade de expresión que se vai a tomar por aquel sitio.
Só quería falar desa censura, desas bromas, desas decisións estúpidas, pero, como non, e unha vez máis, ten que aparecer a maldita guerra por medio. Xa teño escrito que tamén as hai en África, pero esas quedan por eses lugares que nin nos van nin nos vén. Polo que tan só nos queda o xenocidio israelita (a de Ucraína xa encaleceu nas nosas mentes), ó que non lles chegaba coa zona de Gaza, que xa atacan o Líbano. Coa escusa de atacar a Hezbolá, os israelitas lanzan bombas a esgalla, sen importarlles onde caen. E, como non, adoitan caer en escolas ou lugares de refuxiados, nos que, aínda que haxa algún que outro terrorista, o que si sempre hai en maioría son mulleres e nenos. A Comunidade internacional segue a poñer o grito no ceo; incluso Estados Unidos, aínda que, estes, por detrás, cun sorriso burlón o con bágoas de crocodilo, transfírelle ós israelís armas e máis armas para que sigan bombardeando ós nenos.