Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ollada aberta

domingo, 29 de septiembre de 2024
Nas lecturas vese ben a relación entre a primeira parte do evanxeo e a lectura do Antigo Testamento. Son mensaxes antigas que non deixan de ter actualidade. Pois o bo non perde valor co paso do tempo.

Cóntasenos no libro dos Números do Antigo Testamento que Moisés tiña un grupo selecto de setenta anciáns. Eran anciáns, uns pola súa idade unida ao saber, outros érano non tanto pola súa idade canto pola súa sabedoría e bo xuízo. Moisés valíase deles para tomar certas decisións e dirixir axeitadamente o pobo. Baixo a autoridade de Moisés estaba quen sería o seu sucesor e que de momento atendía sobre todo á defensa do pobo fronte a posíbeis agresións exteriores. Chamábase Xosué. Pois ben, cóntasenos que un par de persoas, que non pertencían estritamente ao Consello dos Anciáns, se puxeron pola súa conta a "profetizar", é dicir, a animar relixiosamente a xente. Poderíase pensar que operaban algo así como "francotiradores", naturalmente a favor do pobo e coas mellores intencións. Eles, pola súa parte, sabíanse movidos polo Espírito de Deus. E ben sabemos que o Espírito de Deus é xeneroso, amplo, infinito, super-infinito...

Mais nunha sociedade fortemente xerarquizada como era aquela iso resultaba algo estraño. Quizais por iso un rapaz vailles contar aos responsábeis xerárquicos o que estaba a pasar. Xosué enrabéchase contra Eldad e Medad (así se chamaban os espontáneos animadores relixiosos) e ínstalle a Moisés a que os reduza de novo ao seu posto de simples subordinados. Pero Moisés tiña seguramente máis trato con Deus e máis experiencia da súa grandeza e amplitude de miras ca Xosué. Sabía que Deus non se esgota nas persoas concretas nin nun grupo determinado. Sabía que Deus é infinitamente meirande ca o mundo e que a humanidade toda. Era consciente de que o seu Espírito enche a realidade toda e sopra como quere e cando quere a través de milleiros de acontecementos e por medio das máis diversas persoas, por insignificantes que poidan parecer. En consecuencia, Moisés non se deixa levar polo ímpeto xerárquico e excluínte de Xosué e respóndelle desta fermoso modo: "Quen dera que todos os do pobo do Señor fosen profetas e que o Señor lles dese o seu espírito!".

A verdade é que sería moi fermoso que tamén entre os que participades na Eucaristía imitásedes dalgún xeito os voluntariosos Eldad e Medad, comunicándovos mutuamente as vosas vivencias cristiás. Pois formarmos unha comunidade cristiá significa que somos un grupo humano de irmás e irmáns que nos sentimos movidos por unha común fe en Deus, Nai-Pai noso, e en Xesús, fillo benquerido seu e irmán noso. Canto máis espírito fraternal e mutua acollida teñamos, tanto mellor.

Xa desde un punto de vista simplemente organizativo e de eficacia funcional, as cousas van normalmente mellor en calquera empresa humana canto máis implicación e corresponsabilidade exista. Lembro que, sendo eu aínda mozo, se me quedou moi gravada unha frase do sucesor na dirección dunha famosa Congregación Mariana de Cuba, que naqueles tempos foi considerada modélica. O fundador desta Congregación denominada "Agrupación Católica Universitaria" era un xesuíta, parente meu, que se chamaba Filipe Rey de Castro. Pois ben, trala súa morte repentina a mediados do século pasado, o seu sucesor contábame que o fundador desa agrupación lle dixera unha vez, ante a complexidade das actividades que se desenvolvían nela, o seguinte: "Este tipo de obras ou se levan co dedo maimiño ou non hai maneira de levalas". É dicir, hai que saber confiar nos demais e delegar responsabilidades e actividades noutras persoas. Pois ben sabemos que Deus non escatima en espallar os seus dons, o seu Espírito, entre cantas e cantos estean dispostos a acollelos.

En tempos antigos, Moisés sentíase xa feliz coa axuda espontánea e entusiasta dos mencionados Eldad e Medad. En realidade, o exemplo de Moisés revive dalgún xeito en Xoán o Bautista, cando este se sentía feliz ao ver que o Xesús, a quen el bautizara, era agora (e non el) quen atraía as multitudes e ía formando e reunindo pola súa conta apóstolos e discípulos. Se Moisés ou Xoán o Bautista tiñan esta amplitude de miras, esta conciencia da grandeza do Deus que se comunica a cantos queren acollelo, en Xesús esta actitude era fonda e plena. Pois el, en canto fillo benquerido, ten experiencia íntima da grandeza de Deus Pai. El sabe da súa infinita bondade e xenerosidade, querendo comunicarse a todos por medio precisamente da persoa de Xesús, manifestación última e definitiva de Deus Pai ao mundo.

Podemos así entender ben a reacción de Xesús ante o que o seu apóstolo Xoán lle comunica de que hai alguén que profetiza e bota demos no nome de Xesús sen el pertencer ao grupo dos apóstolos e discípulos e, polo tanto -tal como pensa Xoán- sen ter dereito a facelo. Con este modo de pensar e de proceder resulta ser Xoán, nesta ocasión polo menos, continuador da incorrecta actitude de Xosué no Antigo Testamento.

Así, pois, como Moisés non conxeniara coa actitude de quen sería o seu sucesor como guieiro do pobo de Israel, así tampouco aproba Xesús o celo excluínte de Xoán. As palabras coas que Xesús corrixe Xoán reafirman en realidade a maneira de ver as cousas, ampla e xenerosa, de Moisés. Pois Xesús replicaralle claramente a Xoán: "O que non está contra nós, está connosco".
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES