Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Qué traio na maleta? (2)

Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 15 de noviembre de 2024
Vindo do xeral ao particular: Aquí mesmo, metro arriba ou abaixo, naquela feira do 21, foi onde lle pedín, e me concedeu, acompañala, na inmediata Festa do San Cosme, en Gondel. ¿Lémbraste, Guillermina? ¡Eu si, pero estou sen pedirche desculpas, e diso teño remorsos! Ela, unha rapaciña tímida e inocente, de saias longas e pelo "ao Garçón". Comezaba a ter, e merecíaos, moitos pretendentes, dada a súa simpatía innata, así que me apresurei a pedirlle palabra..., para o San Cosme!

Guillermina era de palabra, así que, obtida a súa, esperaríame toda a tarde, que daquela as noites eran propiedade das curuxas, das curuxas e tamén da Garda civil, así que as virxes seguían sendo virxes; o único perigo podía estar nos recunchos do camiño de volta, pero era improbable xa que os retornos facíanse en grupo, por aldeas; coma quen di, por castros. Ela non faltou, ¡coido que non!, pero eu si, mais non por culpa miña senón daquel fausto / infausto telegrama postal que me esixía coller o tren correo, de inmediato, para presentarme en Madrid, no Ministerio, nas Cías. do Ministerio. Con dezaoito anos cumpridos; exactamente dezaoito, un mes, e un día. ¿Éxida, ou condena? ¡A esa idade, e naquelas circunstancias, que máis dá Arxentina que Palacio de Buenavista, Segunda Cia. de Destinos, se todo é / era emigración!

Perdóame, Guillermina, que cho pido con todo respecto; perdóame aquel plantón involuntario..., precisamente por irme voluntario, con antelación; pero fíxeno á forza, ¿Qué traio na maleta? (2)obrigado polas circunstancias, impelido pola miña renuncia daquela Beca que tiven, ¡que a gañara!, no Instituto de Lugo, xunto coas irmás Hermida, pois as becas, daquela, obtíñanse en rigorosa oposición. ¡Seis becas convocadas, e só tres aprobados! Presidira don Delio Mendaña, do que dicían..., ¡que non regalaba nada! Seu pai, don Policarpo, ben acreditado que estaba nesta feira dos ovos, das pitas e dos ovos, competindo coas irmás do Foxo, que estaban acostumadas a engana-las nosas mulleres! Así, con aquela deserción do arado, tan temperá, aquel pipiolo, aquel zoqueiriño de Bergland, asegurábase tres anos de rancho, aínda que incompletos, pois, por culpa dos apuntes, que no Centro de Estudios Mercantiles y Económicos dábanos a última hora, tan tarde que, nin collendo o "Metro" en San Bernardo daba chegado á última quenda das ceas ministeriais. ¿Penoso? ¡Que va; máis ben normal pois outro tanto lles pasaría, nos seus traballos, ao resto dos nosos traballadores por entón emigrados!
-.-

A forza propulsora dos que se senten / dos que nos sentimos, incómodos. Nacemos con ela, así que ten un efecto progresivo, multiplicador dos esforzos. O home é de seu, de natureza, inquedo; pero non todos reaccionamos coa mesma intensidade ante os estímulos que nos rodeen, ¡que nos aceleren! Cada persoa é un mundo, así que é unha temeridade xeneralizar, pero dentro diso hai móbiles que temos en común: Ao meu voulle chamar "Agravio comparativo". Sentíame nivelado, intelectualmente, cos da miña escola que pasaron ao Instituto, así que, ¿por que tiña que gardar ovellas e cavar no monte mentres aqueles ex-compañeiros lle daban ao latín e falaban en castelán, que era entón a lingua da xente de carreira?

Para máis agravio, cando viña o tempo das vacacións dos que foran compañeiros meus da escola, fose da de meu pai -mestre dos de "a ferrado"- ou na pública, cando os vía na misa, na feira ou nas festas da bisbarra, aqueles "estudantes" xuntábanse, alternaban, cos da súa ¿clase social? A min, como moito, dicíanme "Ola" ao pasar, e para iso non sempre. Ben marcado me quedou aquel día da festa do Santo no que o César do Herdeiro, daquela en segundo ou en terceiro de Bacharelato, alí no Campo de San Cibrao, se quedou mirando para min en actitude de espera a que lle falase, eu! Captei tan ben a mensaxe que me volvín de costas, e aos poucos aparteime do sitio. ¡Hai que pasar por elas para entendelo!

¿Entender aos cativos? A necesidade imperiosa que ten un neno de ver satisfeitas as súas demandas enfróntase, con demasiada frecuencia neste mundo das limitacións, ás circunstancias, non sempre superables, da súa familia; ás veces por pobreza económica, pero outras por pura ignorancia, fogareña, pero tamén ambiental.

No meu caso o drama era compartido; tiven conciencia diso desde neno, ¡de verdade! Eu sufría, asemade, por min, pero tamén por meus pais, que lles notaba os seus desánimos, a súa melancolía, as súas impotencias. Estaban vivindo unha traxedia familiar polifacética, shakesperiana, agravadas as desgrazas pola persecución franquista, aquelas durmidas na pedreira da carballeira, das que meu pai quedou baldado, por días de vida. Algo xa teño dito, pero o resto déixoo quedar no tinteiro pois o lector abondo terá coas súas, sen compartir bágoas alleas. Así que, falarei dos nenos en xeral:

No inicio da vida, da vida exterior se entende, as necesidades teñen que ver coa supervivencia, o alimento, o abrigo, os afectos circundantes, os desprazamentos...; en xeral, a nosa participación naquilo que vemos ou tocamos. Segundo nos entendan, segundo nos regulen as compracencias, así iremos desenrolando a paciencia, pero tamén a capacidade de frustración, a vergoña, o noxo, o medo, e demais sensacións vitais incorporadas do medio no que nos estean criando.

Amasando no pan da personalidade. Dicía miña avoa: De pouco serve que a fariña sexa boa se non sabemos ou non queremos amasala! Pois, co neno, tres cuartos do mesmo! Ao fermento, nas crianzas, chámaselle conciencia moral; e dentro desa conciencia fulgura unha luz, un farol, ao que chamamos "vocación", que nos di ata onde e por onde podemos navegar. A mecánica difire se imos a remo, a vela, ou a motor. ¡Son as posibilidades, as circunstancias orteguianas!

O impulso persoal está no querer; pero as limitacións, as directrices, están no poder, e poderes hainos de dous tipos: o moral e mailo material. O poder moral ten de temón a conciencia moral, que vai regulando a conducta na dirección que a persoa, de acordo cos seus principios, considera correcta. En canto ao material, sen fariña non hai masa, pero a masa tamén pode, e debe ser, aproveitada con xeito, cousa que non se fai en tódalas artesas. A multiplicación do pan fíxoa Xesús, pero a nós incúmbenos aproveita-las migas, facer o milagre do aproveitamento. ¡Canto doe ve-lo estrago que fan algunhas familias, coa de penurias que os circunscriben, que nos rodean, aínda que non nos impresionen! Nisto tamén somos doutores os emigrantes, tanto os que se van como os que veñen; antes, pero agora, tamén!
-.-

Grazas ao cacharro de escribir do Mestre de Gondel, Sanfiz, e despois á Academia de ¿Qué traio na maleta? (2)Calvo Sotelo, "E.R.T.", servidor sabía Mecanografía e Taquigafía, artes que, sumadas ao padroádego do entón Capitán, Luís Lombardero, valéronme un destino; ¡cousas do Destino, se dicía daquela! No Consejo Supremo de Justicia Militar, Fortuny, 4. Aquel xogo era un tanto desigual: 18 Generales, incluído o General Presidente (Ponte y Manso de Zúñiga), fronte a 15 mecanógrafos. ¡Case empatados, que xa é un milagre! Seríao no mundo civil, pero, daquela, no militar, non!

Miña Guillermina, hoxe dona Guillermina, aquela que acompañei na feira do 21 de Setembro do ano 1948, e potencialmente, co pensamento, na inminente festa de Gondel, tanto se aínda estás na terra como se te fuches na viaxe definitiva, de emigración definitiva, que non o sei, nin vexo a quen preguntarlle, o obxecto da presente oración é..., pedirche desculpas! Teléfonos non había, nin na miña casa nin na túa, -en Mosteiro, daquela, tampouco, que aínda non llelo pediran a Fraga as irmás do Pacio-, e mandarche un recado..., ¿por quen, na aldea; por unha pomba mensaxeira? Debinche escribir, debín, desde Madrid, explicándome, xustificándome, pero, ¡dábame tanta vergoña dicir que firmara por tres anos de presidio, de cuartel..., para poder estudiar algo, algo máis, que estaba canso do meu auto didactismo, incluso de poñer escola, daquelas do ferrado, que xa a fixera en Piñeiro, do Corgo, e tamén en Librán, da Valeira, cando nin alumno merecía ser! Os emigrantes, estes desertores do arado, sexa para os nosos cuarteis ou para países estranxeiros, ¡outros cuarteis, con outra disciplina, pero, cuarteis en definitiva!, sempre che saímos ás escondidas, avergoñados; ¡sempre! Polos motivos que fosen, pero, ¡sempre! Por culpa das nosas miserias, das propias pero tamén das herdadas!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES