Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Qué traio na maleta? (1)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 12 de noviembre de 2024
¿Qué traio na maleta? (1)
¿Que, que traio? ¡Vaia pregunta máis necia: O que traemos todos, tódolos retornados, moita experiencia e pouco diñeiro; para máis inri, se atopamos baleiro o campo da feira..., dan ganas de chorar!

Estou de volta; de volta de todo; afellas que si! Escangallado, abafado; do traballo, pero tamén dos traballos. Sobre todo, saturado de lembranzas: as da miña crianza, e tras delas, as de todo por aló por onde andei; tantas, e tan apisoadas as teño que, ao non caberme na chola, paseinas á maleta. ¿Do que non, que ía traer nela?

Non, non son aquel Pensador de Rodín, aquel "Le Penseur", por máis que os da Graña, ¡eles tamén!, me retratasen dun xeito parecido:

O de Rodin estaba, pero eu regreso, que así o evidencia a miña maleta. Os retornados de América traían baúis, que "mundos" lles chamaban, polo de grandes que eran, e pola de cousas que traían! Eu, e coma min, estoutros de Europa, coa maleta, chega, ¡e xa viñese chea!

¿Que ten outra cara este tipo da maleta? E logo, non representa ao emigrante? ¡Se tal é, se tal fai, se tal cometido ten, eu, como emigrante que tamén son, nesa figura, nesa representación, nesa evocación, estou; vaia se estou! ¿Que de corpo presente non? ¡O ¿Qué traio na maleta? (1)que importa do ser é ser, e só se é en espírito pois a carne fómola deixando, a desgarros, en farrapos, prendida nas silvas das trochas da nosa emigración, da persoal, da propia!

Daquela, feita esta aclaración, tedes que admitir que aquí dedícanme unha festa, no Campo da Feira, ben grande e ben mantida por certo, pero o caso é que..., ¡non veño, non estou para festas, pois, na idade de bailar, emigrei, chorei, e despois diso..., abafoume a morriña! Pousei a maleta e senteime no saco, que xa non podo nin coa alma, de saturada que a teño, de martirizada que a traio.

Estes que me reciben, ¿fano con cariño? ¡Aínda que só sexa por protocolo veciñal...! Cariño, si, pero tamén algo de decepción, pois, en cadansúa familia, en tódalas casas, sen excepción, estaban afeitos ás remesas dos emigrantes, e desde que estas foron a menos..., que menos que unha festa evocadora!

¡A de cartos que mandei, que mandamos! As arcas dos Bancos, dos Bancos e das Caixas, que en definitiva Bancos son / eran, grazas a nós, se non a min si aos meus colegas, estiveron repletas, pero estes morgados, os herdeiros, os da casa, en vez de engadir valores, valores paparon, e o caso é que nin por iso luciron! O que non paparon eles déronllelo aos Administradores do Estado, ¡outros morgados!, tan importantes, todos, todos eles, que so pensaron en importar. Como dicía Unamuno, "Que inventen ellos", que nós, con inventar as festas, temos de sobra! Por falta de iniciativas, aqueles sobrantes, os monetarios, tamén emigraron: para Madrid, Barcelona, Vascongadas...; e aquí, que? Toda a industria que vexo é esta de tras miña, ¡carpas da festa!

¡Galicia, unha terra rica de xente pobre! ¡Ai Castelao, Castelao, se vises esta crise, a actual, que de seguro a verás polo alto que estás, seguro que xa dis o contrario: Unha xente rica, enriquecida maiormente coas nosas remesas, coas da emigración, que, ao ter de sobra, o único porvir que calcularon foi ese invento de secar, de esterilizar as hortas, plantándolles eucaliptos! ¡Ai Rosendo Salvado, que fuches, que eras, outro retornado, ávido de traer novidades, que inocente fuches traéndonos eucaliptos na túa maleta; sería a cambio das preces que lles levaches aos australianos? ¿Por que o fixeches, Reverendo Padre? ¡Que ninguén mo diga, que xa o sei: Como era algo molesta a rega dos prados, aquilo da "pilla - pillota", e tamén a sacha dos hortos, ti, caritativo, ¡ala!, reas de eucalyptus, que son útiles, ¡moito!, para fabricar papel hixiénico, papel de señoritos..., que así aforraban nas verzas de limpa-lo cu, e xa non fosen ortigas..., se os pillaba lonxe da horta!

.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES