Quizais me van tirar mil potas de barro á cabeza co que eu vou falar sobre da Santa Compaña, pois os datos que eu teño recollidos desde moi neno, discrepan moito sobre do que eu leo deste famoso acontecemento da nosa terra.
Normalmente dise, que a Santa Compaña é unha procesión nocturna de ánimas que volven do máis alá, pero polos estudos que eu levo feito e xa desde neno como dixen, na miña casa falábase moito sobre deste misterioso fenómeno e cando fun adulto, incluso o investiguei fóra da contorna da Mariña de Lugo, como por exemplo, en zonas da Terra Cha e Castro. Á Santa Compaña tamén se lle chama A Estantiga ou Estadea.
Dáse a casualidade de que tódalas persoas que eu consultei nos distintos lugares da nosa xeografía, coincidían coa mesma forma e xeito deste fenómeno, caracterizado a día de hoxe como "lenda".

O fenómeno da Santa Compaña, e repito, segundo os meus estudos, non o pode ver calquera, ou sexa, que a Santa Compaña no se lle aparece a calquera, pero pode ocorrer, que o medo ou a suxestión, lles pareza a outras persoas, habela visto.
A tódolos que me informaron sobre da Santa Compaña, lles escoitei falar do mesmo asunto. Quen pode ver a Santa Compaña?, pois a Santa Compaña poden vela todos aqueles que cando os foron bautizar na igrexa, eses nenos foron unxidos con óleo dos mortos e non con óleo dos vivos.
Que é o que ven estas persoas?, estas persoas non ven unha procesión de ánimas como a maioría comenta, o que ven é un enterro nocturno.
EXPLÍCOME: A persoa que ve ese enterro nocturno, debe apartarse e deixar pasar libremente o cortexo fúnebre. Se esta persoa non se aparta, acaba esmagado polas persoas que acompañan o cadaleito co cadáver.
A persoa que ve este enterro, sabe quen é a persoa que vai dentro do cadaleito por unha curiosa razón, a razón de que os que van detrás do cadaleito son os familiares do defunto, de aí, que esta persoa saiba quen morreu, porque mira aos familiares e incluso ás persoas que levan o ataúde, que son amigos ou familiares do finado.
Cando estas persoas ven este cortexo fúnebre, saben así quen vai morrer nun tempo máximo de quince días. Normalmente estas persoas nunca o comentan para non desgustar ao que vai morrer nin ás familias. É un segredo totalmente hermético.
Aínda que en España non existe unha lei específica de horario para enterrar un defunto, hai que destacar, que de xeito extraoficial non se pode enterrar un cadáver de noite, de aí, que estes enterros tiveran tanta resonancia e sobre todo, moita incredulidade ao non poder visualizalo o resto das persoas.
Pero veremos un caso aquí en Foz dun veciño noso. Na nosa guerra civil e concretamente na localidade de Teruel, nun dos combates, morre o alférez Segundo Vázquez López con 28 anos de idade. Morre o día 19 de febreiro de 1938.
Segundo Vázquez era un dos que adiviñaba con total exactitude quen eran as persoas que ían morrer e incluso predicía con total precisión, en cada combate que compañeiros morrerían nel.
Vázquez un día agoirou a súa propia morte e díxollelo a todos os compañeiros da compañía, incluídos os mandos militares.
Todos de acordo, comentáronlle da posibilidade de cambialo de lugar ou incluso, que non fora ao combate no que el dicía que ía morrer, pero Segundo díxolles que non se podía, que o seu destino estaba nese combate e así aconteceu.
Pediulle aos seus superiores se lle daban uns días para vir a Foz a despedirse de amigos e familiares, e de volta ao fronte, alí en Teruel, deixou a súa vida. Está soterrado no cemiterio parroquial de Foz.