Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha ducia de galeguismos na linguaxe popular riopratense.

lunes, 30 de septiembre de 2024
Non é doada a tarefa de determinar o léxico completo de palabras galegas que participaron na formación da linguaxe riopratense, sexa na lingua popular ou no lunfardo. O certo é que os nosos emigrantes deixaron a súa pegada pero nunca se fixo unha investigación filolóxica para identificar, sen dúbidas, todas as nosas palabras. Hai pequenas achegas feitas por afeccionados patrióticos coma ser Luís Seoane ou Antonio Pérez Prado. Eu recollín, aló polo ano 2000, un pequeno mollo de aquelas expresións que coido teñen unha clara orixe galega. O investigador arxentino Xosé Gobello (a quen visitei na compaña do inesquecible doutor Pérez Prado) só fai referencia a palabra lurpiar como orixinaria galega no seu moi coñecido Diccionario Lunfardo. Outras palabras nosas quedan escurecidas detrás da calificación de portuguesismos pero a historia común da Arxentina e do Uruguai amosa que a presencia de emigración portuguesa a partir de 1870 foi mínima e por tanto sen influencia sobre o castelán que se falaba nas dúas cidades-porto do Río da Prata. Outro asunto ben distinto é o desembarco de milleiros de galegos e de millóns de italianos das diferentes rexións que Garibaldi consigue unificar en 1870. O que quero suliñar é que cando nace o tango xa temos vivindo en Bos Aires e Montevideo a moitos galegos que sen decatarse están sendo creadores de novas expresións da linguaxe popular que axiña son recollidas polos poetas do tango. Non esquezamos que un precursor da temática tangueira foi un galego das terras lucenses de Ribadeo, o moi importante poeta gauchesco ou nativista Xosé Alonso-Trelles Xarén. Quero dicir que antes de que o tango fose canción (primeiro foi só unha danza) xa temos a un emigrante galego facendo versos de calidade que logo foron cantados polo inmenso creador Carlos Gardel (Carlos Escayola Oliva).

ARRANYAR
Arreglar, componer, reparar, enmendar el menoscabo que ha padecido una cosa (Gobello)
En galego arranxar: 1) Poñer en orde; 2) Dispoñer, acomodar; 3) Procurar, tratar de; 4) Concluir un asunto. Para Gobello é do sur de Italia (arrangià).

BANDAYO
Pícaro, pillo. Para Gobello vén do portugués bandalho.
En galego ten dúas acepcións: 1) Farrapo; 2) Persoa sucia, de mal aspecto. Un bandallán, bandallas ou bandalleiro.

BARUYO
Alboroto, bulla, gritería (Gobello)
En galego: 1) Confusión, desorde, mestura de xente ou cousas de varias clases; 2) Vocerío, bule-bule; 3) Ruído.

BICHOCO
Caballo inútil para la carrera. Cadudo. Tal vez de bicho choco: bicho o animal cueco o patituerto (Gobello)
En galego bicho ou bechoco ten dúas acepcións: 1) Verme das carnes e froitas; 2) Verme que serve para pescar troitas coa cana. Vén de becho, en latín vulgar bestiu, nome dun animal pequeno.

BOLICHE
Pequeno despacho de bebidas con lugar reservado a partidas de naipes o de taba (Gobello)
En galego: 1) Arte de pesca introducido en Galicia polos catalans (cat. bolitx); 2) Antiga botella de gaseosa que tiña unha boliña de cristal na gorxa. Bolichada, bolicheiro.

BURACO
Agujero. Es el port. Buraco. Agujero (Gobello)
En galego un buraco, burato, furaco ou furado ten dúas acepcións: 1) Abertura ou rotura producida en calquera superficie, un orificio; 2) Oco, oquedade.

CANCEL
Cancel, verja o puerta que cierra el zaguán (Gobello)
En galego unha cancela (lat. cancellu=reixa) é unha sinxela porta dunha soa folla, feita de táboas que se coloca nunha portela para abrir ou pechar o paso a unha leira ou camiño.

CISMAR
Cavilar. Es el port. cismar: meditar (Gobello)
En galego: 1) Meter discordia, promover líos; 2) Cavilar, pensar teimudamente en algo; 3) Insistir sobre algo, teimar [do latín schisma=separaración]

CHANTAR
Encajar, colocar con ímpetu y fuerza. No debe descartarse la influencia del genovés ciantà: plantar.
En galego: 1) Cravar, espetar; 2) Fincar; 3) Plantar na terra; 4) Cercar con chantos unha leira; 5) Poñer unha prenda de vestir; 6) Poñer a alguén nun sitio na contra da súa vontade [chantóuno fóra]. Do latín: plantare.

CHUMBO
Proyectil de arma de fuego. Del port. chumbo: plomo (Gobelo)
En galego: 1) Metal pesado; 2) Chumbada; 3) Bala de arma de fogo [enchéulle o corpo de chumbo]; 4) Persoa molesta; 5) Cousa moi pesada. Do latín: plumbu.

DESCANGAYADO
Deteriorado, estropeado, menoscabado. Del port. escangalhado: quebrantado, roto (Gobello)
En galego: 1) Perder as forzas por cansancio [está escangallado]; 2) Desencaixar os ósos, experimentar frouxedade corporal. A expresión procede de cangalla ou cangallo que é unha persoa alta e desgarbada e tamén o nome de cadanseu dos paus combados do xugo no que se introduce o pescozo dos bois.

EMPURRAR
Introducir enérgicamente. Del galaico-port. empurrar: hacer tomar algo a la fuerza, empujar (Gobello)
En galego: 1) Botar os cans a algo ou algúen, encirrar; 2) Enrabexar; 3) Empuxar con forza; 4) Obreigar a alguén a tomar unha decisión; 5) Atacar, acometer.
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES