Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - jueves, 26 de septiembre de 2024
A sombra que me asustou

A sombra que se me achegou case me asustou. Era dunha pomba e pensei que se me botaba enriba. Acabou aterrando no toldo da terraza, xusto tamén no momento en que eu sentaba na mesa. Vin a sombra tan cerca e a tal velocidade que me alterou o corazón, mesmo o sentido. O descoñecido, ás veces, mete a un nun apuro. Descoñecido porque, antes de ver a pomba, vira tan só a sombra.
Pingas de Orballo Coa tranquilidade xa -logo da alteración-, tomo o café e incluso deixo que, á causa do asombro, asome un sorriso de consolación. Hai instantes, momentos, ocasións nas que un movemento estraño ou ignoto repercuten ou inciden no sosego do guerreiro. Un guerreiro que, pobre, se asusta dunha simple sombra.
Agora, sen sombra, e xa sen café, observo á propia pomba que, finalmente, acabou na beirarrúa e buscando migallas por entre as mesas para poder levalas ó papo, ó bandullo. Observo, así mesmo, a foto dunha revista que está noutra mesa, como dúas rancheiras sorrín ante unha tractoreta de leña, medio apoiadas, ou máis ben arrimadas, a parede dunha carreira. Non fan sombra porque parece que, elas, xa están á sombra. Aínda que, desde esta distancia, tal perspectiva pode causarme algo de engano. É igual, con sombra ou sen sombra, a foto está no fondo da páxina, á dereita.
Completamente calmado, sigo os pasos da pomba. Porque aínda non marchou e porque cada vez se achega máis a min. Ó mellor quere pedirme perdón polo susto que me deu coa súa sombra. Lánzolle unhas migallas de galleta en sinal de desculpas aceptadas. Cólleas e emprende de novo o voo. E agora si que a súa sombra xa non me alterou.
Lóxica pura, pura lóxica

Lóxica pura, pura lóxica. Se o vento zoa é porque o aire asoma. Se cheira a fume é porque algo se queima. Portugal arde e no ceo galego o fume topa ó mesmo sol. O silencio deixa de ser silencio cando aparece o ruído e cando non hai ruído é porque o silencio volveu do infinito, ou do máis alá do infinito. Lóxica pura, pura lóxica.
A muller apareceu coas pernas rabuñadas. Seguro que andou polo monte coma as cabras. O home cargaba cunha machada ó lombo. A lóxica pura ou a pura lóxica dinos que vén de cortar leña. Ou que vai cortala. Desde aquí non lle aprecio moi ben o fío á Pingas de Orballomachada. Se lle dou á chave da luz, acéndese a habitación. Se lle volvo dar, tal habitación queda ás escuras. Ou en penumbra. Se o río soa é que auga leva. E se non é boi é vaca. Depende! Pode ser burro ou ovella. Mesmo unha simple becerra.
O carballo caeu en toda a súa largueza. Por culpa da machada citada. O que significa que o home viña xa de cortar leña. O que denota que a muller esfolárase xuntando a garameñada. Ou non. Ó mellor andou ás moras e serían entón as silvas as causantes das rabuñaduras. O carballo queda agora preparado para, noutro día, cortalo ós cachos. Sería de parvos cortar un carballo e deixalo sempre alí, tirado; ou para apodrentar. Por lóxica pura ou por pura lóxica tal carballo irá para arder na cheminea ou nunha desas cociñas de ferro, nunha desas vellas que son bonitas e... eternas.
Lóxica pura, pura lóxica. Se asubío non canto e se canto non asubío. Se quedo calado, remato. Se remato será porque quedo calado. Quedo calado. Remato.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES