Un mar de amizade
Blanco Torrado, Alfonso - martes, 24 de septiembre de 2024
Teño a fortuna de estar a traballar en parroquias lindantes a outras do concello de Curtis, no que considero un alongamento da Terra Chá, de feito moitas das familias veciñas nosas teñen raíces e parentela na outra banda da Corda dende fai séculos, e o máis fermoso é que arestora as nosas asociacións colaboran na recuperación das esencias do noso pobo dende este mar de amizade e creación colectiva. Dende fai anos, moita mocidade de Teixeiro e Aranga axudan na preparación e desenvolvemento do Festival de Pardiñas, e canto me alegra que tamén partillamos coa Asociación Orixes da Montaña os nosos toldos coma puiden desfrutar na Feira dos Oficios da Montaña, o pasado 18 de agosto en Teixeiro. Actualizaron actividades tradicionais das nosas aldeas: a malla, os oficios, os traballos e o divertimento protagonizado polas veciñanzas..., sempre conservando a nosa identidade rural coma berce da cultura do país. Xa semanas anteriores Curtis lembraba as feiras de 1900 con música e artesanía, a través de obradoiros de zoqueiros, forxa, madeira..., nunhas xornadas arredor do queixo e o leite da comarca. Infinidade de veciños desta banda noutrora, a pé ou en tren, frecuentaban as feiras de Curtis, unha via de transporte que reforzou os mercados desa vila coma os de Parga, e que hoxe urxe unha revitalización. Mais estes ceos luminosos tornaronse escuros e ateigados de dor cos laios de tantas vitimas do fascismo na ditadura coma proban o Río Mandeo e as foxas de Santa Mariña, Aranga, Vilarraso... E xa noutro eido a loita por unha producción industrial sostible cando o peche de Sidegasa, porén celebramos a preocupación actual pola busca de empresas que respectan o medio e que son innovadoras en tecnoloxías ecolóxicas no polígono industrial de Teixeiro que emprega tanta man de obra deste contorno, así a instalación de paneis solares en InLeit ou aproveitamento da biomasa de Greenalia. Unha porcentaxe importante destas iniciativas económicas de Teixeiro atenden ao cultivo e rendemento do noso desenvolvemento rural.

Blanco Torrado, Alfonso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora