Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os amantes de Rois (11)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 29 de octubre de 2024
30.
Rezando. Veño da catedral, onde sempre estou, e me sinto, feliz, considerando que o Santísimo Sacramento se non estivese a gusto, e con gusto, cos de Lugo, xa se houbese ido, que por onde andar ten, xa que todo é seu!

Cando vexo rapaciñas, na catedral ou ao redor dela, coas saias longas, ¡ata os mesmísimos zapatos!, sen que teña que preguntarlles, xa o sei, xa as coñezo: ¡Son compañeiras túas, alumnas da Normal, futuras Mestras, dispostas a ensinar de todo...; de todo non, pois as pernas ben que as tapan! Se elas rezan, con esa cariña de inmaculada que teñen, todas, todas ou case todas, ¿eu? ¡Pois a imitalas, a imitarvos!

Coido que aínda non cho teño dito, pero teño unha promesa que, Deus mediante, cumprireina cando teña diñeiro meu, propio, e se para daquela me acompaña esa virxe de Rois, mellor que mellor:

Miña nai pasou dous ou e tres anos morta en vida. O médicos dicíanlle que era tuberculose, e que os fillos fuxísemos dela, que non se nos ocorrese comer nos ataños que ela utilizase, etc. Pero nisto que se lle ocorreu que meu tío Afonso, que de Madrid fóra de vacacións co seu taxi, a trouxese aquí a Lugo, para que a vise o seu parente Luis Vilabella, que é medico. Díxolle que non tiña trazas de ter a tuberculose, pero que mellor a levase a Madrid, ao Hospital da Princesa, que tiñan "moita ciencia ao lombo". Así o fixeron. En Madrid vírona, e operárona, os Drs. Jiménez Díaz e Duarte. ¡Que tiña un quiste "hidatídico pulmonar monstruoso", así que a operaron, PERO..., tíñao tan profundo e tan enraizado que a tiveron retida para unha segunda operación. Nisto, as monxiñas da Caridade, preocupadas por aquela gravidade, fixéronlle unha novena á Virxe Milagrosa, e tan ben se portou que, cando o mesmo día de rematar aquela novena volveron a enferma ao quirófano..., ¡as raiceiras do quiste desapareceran, soas, milagrosamente!

Refire miña nai, ¡esa beneficiada, que algún día pode ser a túa sogra!, que naquelas circunstancias, con tal asombro, ata os médicos se axeonllaron, ¡e rezaron! Pois eu, agradecido que son, que debo ser, pois daquel milagre tamén fun beneficiario, teño o propósito de pasarme algún día polos Padres Paúles, calle García de Paredes, 49, Madrid, e comprarlles unha imaxe da Milagrosa, que a levarei / levarémola para Montecubeiro, pedíndolle, de paso, que bendiga o noso casoiro, e que siga protexendo aos seus devotos.
Os amantes de Rois (11)
Outro milagre será este de poder asistir á primeira procesión en Montecubeiro,
mesmo detrás da súa imaxe.

Xosé María

31
Tomeille o pulso a Lugo. Como teño que volver para o meu Bergland, que xa están coas faenas estivais, ¡e eu de xolda!, subín á muralla para outear Lugo, para atusmarlle ao futuro de Lugo.

O tren, que non se cansa de ir desde Madrid á Coruña, e viceversa. Os coches de Liña, que son radiais xa que todos parten de xunto, ou de cerca, da súa muralla. O mercado, as tendas, a Delegación de Hacienda... ¡Ai Lugo, Luguiño, que segues recadando..., coma no tempo dos romanos!

Pouco fai falta cavilar para decatarse de cal vai ser o noso futuro próximo:

Están comezando a chegar remesas das Américas, ¡os minorazos, compadecidos da miseria dos maiorazos; ou é á viceversa, iso da miseria?

Riadas de xatiños que baixan para a estación, camiño das riquezas, das alleas: Coruña (onde aqueles que requisaban para Franco nas feiras agora teñen matadoiros, e solares! Madrid, Barcelona, Bilbao... ¡E nós a caldo de patacas, das podres, pois as outras tamén se venden!

Soldadiños das quintas sucesivas, camiño dos cuarteis, onde, ¡de entrada!, serán rapados, ¡ao cero! ¿Coronilla? ¡Non, toda a cabeza, para que lles abrande, para que sexan submisos!

Mulleres que soben ás tendas, para mercar refaixos, que llelos vexan nas mallas, ao agacharse, ao espallar.

Seminaristas, ¡codeleiros!, que os sacan a paseo para que comproben por si mesmos que Deus está en todas partes, pero maiormente no Seminario; ¡nos dous, xa que Lugo ten dous!

¿As industrias, esas fábricas de engadir valores, para exportar, onde están? Mira que ata me puxen a man de viseira, e ollei ata o alto de Garabolos, pero chemineas fabrís só vin..., as de cocer o caldo dos grelos!

Mestriñas de Lugo, pídovos: que non só letras, que aprendades, tamén, algo de ciencias, que este pais, esmagado que quedou da guerra, precisa moitos científicos. ¿E de onde saen, de onde poden saír? ¡O seu fermento está en vosoutras, futuras mestriñas!

Desde a miña aldea seguirei escribíndoche. ¡Palabra!

Xosé María

32.
Fixeime no noso Lugo, pero, o resto de España? ¡Ai, miña Estrela, que non quero asustarte, pero si precaverte!

Meu Avó di que España "está coa regra, e sen bragas". ¡Sangue, enterros fóra dos cemiterios, casas e fábricas peor que se tivésemos un terremoto de forza máxima, que non sei cal é!

Despois da I Mundial tivemos unha boa ocasión de medrar, en tódolos aspectos, de exportar, de sentirnos maiores en idade, dignidade e goberno, pero..., ¡non tivemos Goberno! Os Borbón saíron bribóns, amigos da cama, máis que da Patria. E a Ilustración, cega de nacemento, analfabeta, que por iso a República deu en crear escolas, pero os ilustrados dela chegaron tarde para atallarlle ao bravío desatado co cambio de ¿corte?, quixen dicir, de cuadra.

Pero a todo isto, un galego, que non era galego senón Franco, un tanto anano de corpo pero altivo de feitos, para presumir de lexionario..., ¡noivo da morte!, levounos ao matadoiro.

Estreliña querida, moito esforzo teremos que facer para levantar un pouco a cabeza, para saír destas pobrezas e destas humillacións. Eu, pola miña parte, penso estudar e traballar a reo, para que nada che falte; do esencial, quero dicir; o resto teremos que pedirllo a Deus.

Se Deus nos conserva a saúde, o que outros fagan tamén o podemos facer nós. Eles, os malditos, afundiron España cantando "Arriba España! ¿Cal será o noso papel? ¡Devolverlle a pel a ese touro que temos de mapa..., nas escolas!

Ardo en desexos de traballar e de estudar, todo á vez, así que ti, por favor, ¡confía en min!

Xosé María

33
¡Outra vez o coche de Trigo! Pasei o domingo en Lugo..., por vago, que así non tiven que subir a costa de Ribón para ir á Misa no meu Montecubeiro; e despois, á tarde, ¡outra vez o coche de Trigo, pasando por Rois!

Viña moita xente, así que tiven que vir aló arriba, niso que chaman "a baca". De "vacar" non, pois desde aló arriba os ollos non descansan, ¡tanto que hai para ver nesta paisaxe edénica! Vin matinando que nós seguimos no Paraíso, pois, de expulsados, o Adán e maila Eva emigraron ao Finisterrae peninsular, que comeza nos Ancares e remata aí onde Noé desembarcou coa lancha do diluvio.

A matinación interrompina ao achegarnos a Rois, que se me foron os ollos en tódalas direccións..., ¡pero non estabas, non estabas á vista! ¡Ai, Deus, que quero ser admitido nese lugar edénico, Fillo adoptivo de Rois..., cando teu pai me conceda a túa man! ¡A túa man, pois o corazón teño que facer por merecelo, eu; farei por ser outro San Xosé, pero eu con muller, Deus mediante!

En Lugo estabamos cerca, pero aquí, de vacacións ti, e de mallas eu, a proximidade é meirande: Estivemos como árbores transplantadas, e de novo enraizadas. ¡Canto nos acordaremos destas terriñas cando teñamos que vivir noutras latitudes, pero tamén é un sino pois a emigración fíxose para os galegos; a nós, a esta xeración, tamén nos expulsarán deste paraíso..., por lei daquela herdanza, pola soberbia, polo desagradecemento en definitiva!

Agora, desde Bergland, volverei a poñer os ollos no ocaso solio..., para seguir co astro cando pase polos Campos de Cirio, despedíndose do teu Rois.

¿Estaremos máis cerca aquí, agora, no verán? A miña mente sempre a levarás enriba, espiándote, gozando da túa proximidade espiritual, así que, ¡a prepararse para cando o teu crego te ordene de..., de María, non, de esposa!

Xosé María
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES