Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os amantes de Rois (9)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 22 de octubre de 2024
23.
Falando de exteriores... Para ser plenamente sincero, transparente, tamén te debo informar dos meus vicios, amén das miñas virtudes:

Non fumo, nin me gustan as mulleres que fuman. Ao terminarse a guerra, ¡a incivil!, unha das cousas que escasearon foi o tabaco; papel si que había, que nolo mandaban de JEÁN, que está aló por Alicante, ou iso creo. Os nosos paisanos deron en suplir o tabaco, ¡aqueles mataquintos do Juán March!, por outros mataquintos, pero da súa invención: Follas secas de tróqueles (Digitalina purpúrea, ou tamén, estalos, estraloques, dedaleiras..., e cen nomes máis). ¡Debe estar o purgatorio cheo daqueles suicidas inocentes!

¿Licores? ¡Non os hai mellores que eses sabores, esas emocións, que libo ao contemplar as túas fotos!

¿Xogar: ás cartas, á lotería...? Só quero recibir, e ter, a fortuna que saia do meu suor, do suor do corpo pero tamén da mente. Débollo a meu avó, e tamén aos pais, que sempre me dixeron: Gañarás o pan de cada día coa suor da túa fronte, pero nunca coa suor dos de enfronte! Esa lección tamén a teño apresa, por días de vida.

¿Cobizar a muller do próximo...? Se consigo esa que admiro, esa que tanto me gusta, as outras..., para os meus veciños; iso si: desexándolles que tamén sexan felices!

¿Ronco na cama? Miña avoa, que ten o costume de achegarse de noite á miña cama para comprobar se estou ben tapado, di que durmo coma un anxo. ¿Será que estou ensaiando para cando durma contigo?

Coido que estas son as miñas virtudes; en canto ás taras ou defectos, por moitos que teña, por moitos que leve ao matrimonio, ¡casándome cunha Mestra..., vacina anticipada, anticipada e segura!

¡Ai Deus, canto me fas falar, pero, non se di: Fulano fálalle a Fulana, para significar que están presentándose, coñecéndose? ¡Pois iso: Eu tamén!

Xosé María

24.
¡Cases ben, cases mal, casa con unha do teu igual! ¡Ai, Deus, en que compromiso me vexo! ¿Igualar á miña..., prometida? Prometida aínda non; esperanza diso, si, moita!

Como non teño Normal onde me ensinen a normalizarme terei que ser, que facerme, autodidacta. Xa comecei, pero dispóñome a acelerar nos meus exercicios espirituais.

Xa sei que é unha utopía renacer, volver á inocencia bautismal, pero eu, igual que lavo o corpo tódalas mañas tamén quero, tamén farei, lavar a conciencia tódalas noites con un profundo e sincero exame. Vouche dicir cal é a miña oración vespertina, para que a aprendas se non a sabes, pois será o que penso dicirlles ás sabas. ¿Cando? ¡Cando as comparta contigo! "Con Deus me deito, e con Deus quero levantarme; que a Virxe María me cubra co seu manto, nesta cama e sempre. Señor, dáme penitencia en vida, e na morte salvación, que se morro esta noite me sirva de confesión. Amén".

Xosé María

25.
O eclipse, o apagón, a reviravolta da "esculca". ¡Declárolle a guerra á esculca! Eu, si, eu, que intento demostrarcho.

A esculca, da que aínda quedan moitas cicatrices, foi, e aínda é, unha epidemia machista. A rapazas, eran, ¡e aínda sodes!, unha mercadoría que se vende na trastenda. Os homes, os rapaces, e por eles seus pais, estiveron valéndose, século tras século, de persoas da súa confianza que espiaban, ¡que esculcaban!, nos fogares que lles eran familiares, coñecidos, as calidades, de par dos defectos, das mozas casadeiras: moral, vicios e virtudes, esterilidades na familia, e sobre todo..., ¡cartos, dote!

Isto, ao meu ver, é humillante. ¿Remedios? Intento poñérllelo. ¿Como? Se me franqueo cunha rapaza, á que pouco máis coñezo que por fotos e por referencias, dándolle ocasión, tempo, información persoal e directa de quen son, e de como son, estoulle declarando a guerra á escravitude susodita, estoulle cedendo, ¡a ela!, o papel de esculcadora, ¡que xa ía sendo hora diso!

Amor..., ¿non te ofendes se te chamo así, dado o aprecio que che teño? Amor, digo, é unha obriga, miña, moral, neutralizadora daquelas desviacións machistas, cambiar en nós aquelas aberracións. Aquí me tes, en coiros; quero dicir, en coiros anímicos, non penses mal, para que me vexas, e para que me peses, tal e como son, presentándome a min mesmo.

Este que lo es, este que é tal e como se despelota nas súas cartas,

Xosé María

26.
¿Falaremos de política..., algún día? A min tróuxome aquela Dicta Blanda de Berenguer. Túa nai, daquela, estaba en estado de boa esperanza; pero, como te ías criar nunha república, a cegoña agardou a que pasasen os Reis..., ¡os Magos, por suposto! Como ves, teño boas fontes de información.

Podre a monarquía, logo veu unha República, pero durou pouco..., porque estivo mal fundada e peor dirixida. A todo isto, don Hermenegildo, aquel "Comandantín", que así lle dicía a Asturiana nomeándoo, púxose en plan de apearse do camelo magrebí para subirse ao cabalo, á Babieca, de Mío Cid, aquel que "por Burgos entrove", cunha diferencia, que o Cid perseguía aos mouros e don Hermenegildo utilizábaos; ¡ata os premiou devolvéndoos a Covadonga! Asustou aos nenos, que nos criamos caladiños, en pleno xaxún, a base de caldo de verzas, e menos mal que os nosos pais tiñan un horto delas! Así que, de política, non sabemos nada, que nada nos dixeron, mortos en vida, mortos de medo.

Meu pai, perseguido á morte desde o cuartel de San Cibrao...; o Santo era o lugar, pero o matón creador-fundador daquel cuartel foi o ilustre, José López de Haro y Vara del Rey, futuro laureado. ¡Si, si; laureado, o perseguidor! Durmindo nunha pedreira, envolto nunha trapeira, mecido por sapos e pinchorras, meu pai; algún día farei nela, nesa pedreira, un panteón-vivenda, unha "Casa Nova", para honor seu e goce teu!

Teu pai, algo parecido: escondendo un parente, teu primo Seijas, outro perseguido, que durmía na vosa pataqueira; etc. Todo iso deixounos marcas, ¿non si?, así que, de momento, mentres dure a Dicta Dura, de política non falaremos. ¿Verdade que non, chatiña?

Non nos espera un porvir político moderado. Explicareime: España é unha cocteleira de razas que aínda está en fase de axitación, de asentamento, de maduración. Eu mesmo, co primeiro dos apelidos descendente dun tal Gomá, suevo; e o segundo, que procede de Tarragona, que por iso acaba con un "b" en lugar da "v" que lle queren poñer os meus veciños. ¿Concibes un bo cóctel sen unha boa axitación?

Polo que respecta ás mulleres tedes a desgraza de que convivides cuns homes que levan ao lombo o machismo de sete, case oito, séculos de islamismo, séxase, de nestorianismo. O islamismo, as súas consecuencias, teñen de arma negativa que ese machismo lévaos a unha proliferación que non se corresponde coa riqueza natural nin coa produtividade de moitos dos seus países orixinais. ¿Futuro? O islamismo esmorecerá cando as súas mulleres lles collan envexa ás europeas, e se subleven; ¡cando copien de vosoutras!

Franco, amigo dos mouros e contrario dos comunistas, ou iso aparenta; casado cunha asturiana presumida e ambiciosa, que se cree neta de don Pelaio, cousa na que se equivoca porque aquel Pelaio tivo as raíces aquí en Galicia, concretamente no Vallis Viridis, vai ter a sorte de que entre os Usas e mailos bolcheviques non hai, nin pode haber, paz, así que Franco terá, logrará, un apoio americano, calculado, porque lles convén aos Usas ter bases militares no terreo intermedio; quero dicir con isto que vai para largo, salvo que nalgunha das súas cacerías un galego dispare ao invisible, que pode ser o mesmo anano, ¡ou á súa filla, cando estea baixando a braga detrás dunha matogueira! Nestas circunstancias, vimos dunha ditadura, e caemos noutra.

A República tivo unhas cantas precipitacións liberatorias que ocasionaron desmandos; quixo ilustrar creando miles de escolas, pero o froito delas é lento: ¡hai que cria-los nenos, hai que educalos! No 34 votaron a favor das dereitas, por..., ¡por decepción!; e aí comezou a rebeldía dos rebeldes: uns porque non aguantaban que os apeasen dos seus cabalos; e outros polo seu complexo escravista.

Neniña, calma, que non están, nin estarán os tempos para falarlles de política aos nosos fillos; cando melloren, cando nos asentemos, ¡ou nos deixen asentar!, será cousa de pensar en listas abertas, para escoller os mellores, cousa que será difícil..., ¡polo que escasearán!

Namentres, paciencia, meu amor; ¡a prepararse, para contribuír á preparación deste país que, de ser hesperia (país de coellos), pasou a ser un país de vulpes, de estraperlo e de estraperlistas; por engado, machista, que só ten para as mulleres unha "Sección Femenina", e para iso, circense,
Xosé María
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES