Correspondencia entre Eduardo Blanco-Amor e os Irmaos Álvarez-Blázquez da Editorial Castrelos
Rivero, Manuel - lunes, 28 de octubre de 2024
As tres cartas conservadas na Fundación Penzol, arquivo (1969-XMAB-Blanco Amor), foron emitidas nos meses de setembro, novembro e decembro do ano 1969.
O cerne dos textos é o proceso de nomeamento do Delegado do Centro Galego de Bs. Aires en Galicia, cargo que con imperiosa necesidade precisaba Blanco-Amor, e con vehemencia solicitou axudas, aos que consideraba que podían ou debían ser os seus valedores.
Nese contexto, hai que entender a reacción negativa, froito dunha mestura de resentimento, persecución, desconfianza e distanciamento. Momento de confusión, que o leva a sinalar aos presuntos culpables, sen diferenciar aos reais, que eran maioría, dos ficticios ou imaxinarios, que traballaron de forma desinteresada e de boa fe para que conseguira ese nomeamento.
A primeira carta manuscrita nun folio, por ambas caras, en papel timbrado de Blanco-Amor, foi emitida o día 19-IX-1969, desde Ourense. No texto describe un escenario, que visto desde fora, semella unha alianza de todos contra el. Esta falsa suposición, froito de informacións sesgadas, foi contraproducente, minguou a súa estima e credibilidade, afrouxou os vínculos de amizade e afondou as variables negativas que viña arrastrando: debilidade económica, delicada saúde, peso dos anos, falla de forzas, inspiración e creatividade. Estaba metido nun círculo vicioso que se retroalimentaba de forma continua, con dous efectos perigosos: rebote e aumento, cada vez formaba parte do seu vivir diario con máis frecuencia e incrementaba a súa dimensión e o seu efecto negativo:
"Querido Emilio: Acabo de llegar de una gripe que me tuvo-¡en Madrid!- quince días espatarrado en la cama.- Todavía toso y blasfemo.
En mi correspondencia de regreso hay una carta de Pepe Núñez Bua, sobre el tristísimo asunto de mi probable Delegación del Centro Gallego que, a lo que parece, sirvió para que me "jugase sucio" toda la intelectualidad gallega. Paco del Riego, [Sebastián Martínez-Risco Macías] S. M. Risco, toda la Academia... Faltabais vosotros.-
A tu hermano José Mª, fue al primero que encargué el asunto- tú estabas presente, creyendo que le era un asunto grato -tanto como lo es justiciero- y muy fácil de hacer. Cumplió el encargo, para favor de mi oponente el polifuncionario Naya, a quien la vejez le depare la misma inseguridad y los mismos desengaños que a mí, y en mi tierra.- He aquí el fragmento de la carta de J.N. Bua: Fai tres días que falei con Prada. Díxome que tiña estado dous antes con Reboredo no Centro Galego, e que lle dixo que tiñan confirmado a Naya, non por recomendación de Sebastián [Martínez-Risco] senón por unha información (semella que di provabel) de [Xosé María] "Álvarez Blázquez". La carta es del 3.11.1969.
Pensaba ir a Vigo en cuanto dejase mínimamente de toser, para el asunto de la edición.- Naturalmente esta desconcertante, y nada leal, noticia modifica notoriamente nuestras relaciones, mientras no se me desengañe de esta doble conducta, que también puede ser un error informativo".
[En 1963 comeza o proxecto editorial de Castrelos, coa intención explícita de revitalizar o libro en galego e convertelo nun negocio editorial normalizado. Xosé María Álvarez Blázquez organizou o seu catálogo a partir de dúas coleccións troncais: "O Moucho" e "Pombal" (...) En 1979, Castrelos foi adquirida por Galaxia (1)]
Ao revisar o catálogo das publicacións da editorial Castrelos, non atopie ningunha edición ou reedición de textos de Eduardo Blanco-Amor.
A segunda carta, é un texto escrito a máquina, por Xosé María Álvarez Blázquez, nun folio por ambas caras en papel timbrado de Ediciones Castrelos de Vigo, coa data do 21 de novembro de 1969.
Texto correcto, seco, duro, reflexionado, aclaratorio e ben estruturado. Describe os feitos, co realismo e a vivencia en primeira persoa, nas súas palabras: "E agora ven a verdade, cruda, ispida, doorosa":
"Meu querido amigo: o meu irmán Emilio deume a lér a túa carta, na que trasmites un informe errado - non quero poñer máis calificativos - de Núñez Bua encol da miña intervención no teu posibel nombramento de Delegado do Centro Gallego de Buenos Aires. A carta doéume fondamente, tanto pola túa reacción, que, de outra banda, considero natural como pola oficiosidade do informador, que ben podía, á súa vez, terse informado millor - e non por vía do satélite Prada - denantes de por a ninguén en entredito.
Postas as cousas niste terreo, non teño máis remedio que falarche con toda craridade, cousa que quería evitar, suposto pos en duda a miña lealtade e con elo moitas cousas máis. Aos poucos días da miña chegada a Buenos Aires, e apenas fun conocendo a aquelas xentes, decidinme a lanzar con calor a proposta do teu nombramento nunha xuntanza oficiosa, na que estaban presentes varios membros da Directiva e da Comisión Cultura. Díxenlles por adiantado que era o único que lles iba a pedir, solicitando perdóns pola inxerencia en asuntos que eles conocían moito mellor que eu, e, sobre todo, tratándose de unha personalidade como a túa, que lle era moito máis familiar a eles que a min mesmo, etc. (Todo o que se di cando se defende unha causa). E agora ven a verdade, cruda, ispida, doorosa, pero que xa non podo evitar: a resposta negativa foi unánime e rotonda. Non se ergueu unha voz en teu favor. Si estivesen alí presentes Prada e Núñez Bua non poderían informante de outro xeito, so pena de seren uns mal nacidos, que non o son.
Tal foi a reacción en masa de aquela ducia longa de personas, que eu non sabia por onde saír, e pedín disculpas de novo. Quixéronme dar algunhas razóns, que rechacei, por non violentar a ninguén e por non meterme no que non me petaba, como fixen, fago e farei sempre na miña vida. As razóns, si as hai, saberanas eles e cicais ti. A min, cumprido con esceso un deber de amistade, non me importaban e siguen sin importarme. Como o ambente estaba enrarecido e algúns daqueles homes confuso pola estraneza que sen duda mostraba a miña cara, alguén -non recordo quen- dixo que en realidade non se trataba de opoñerse a túa candidatura, senón que era improcedente pensar en tal nombramento, xa que non estaba decidido si Naya debería continuar ou non. O que, si se quería, era restituir a Del Riego, desfacendo así o entorto de Mourente. Entón interviñen de novo pra decir: 1º, que con Del Riego falara eu días antes do viaxe, precisamente por propia indicación túa, e que me manifestou dun xeito terminante non aceptaría o cargo, como xa llo tiña dito a eles, pracéndolle en cambio moito que foses ti o sustituto; 2º, que incruso Del Riego me autorizara, se facía falla, a insistir nesta decisión e apoiar a túa candidatura. Quedaba, pois, espedito o camiño por ese lado. Entón se me dixo que, en tal caso, o único que tiñan que considerar era si quedaba Naya ou non, e foi nise momento - soi entonces, quede ben sentado- cando se me pediron informes sobre él. Eu os din honradamente, decindo o que sei da súa persona, que non é nada malo. E ahí, xustamente ahí, rematau a miña intervención encol do teu asunto, do que non tornei a falar pra nada nos días que permanecín en Buenos Aires. Soupen, si, que dous ou tres días despois se recibiu unha carta de Martínez Risco apoiando a Naya, e se me dixo que esta carta confirmaba os meus bos informes. Naturalmente, non hai que decir que din tales informes de Naya, primeiro, porque os merece -ao menos pra min, e isto é tan subxetivo que soio a min me toca o discutilo -; Segundo, porque a túa partida estaba perdida, e coidei que sempre sería preferibel que quedase Naya a que puxesen no seu lugar a un parvo calquera. Si agora resulta que pesaron máis os meus informes que a defensa de Risco, según o sospeitoso distingo de Prada, será cecais porque se me considerou máis desapasionado.
Eso é todo, e non quero saber máis do asunto, porque a miña conciencia respecto a ti está ben tranquila. Se tí queres sabelo, escribe alá, manda a quenes queiras copias desta miña carta e que che digan honradamente, os que de veras esteñan informados, cal foi a miña actuación.
Soio me culpo de unha cousa: de que, ao chegar de volta, non te houbese buscado pra decirche, con toda a crudeza do caso, o que pasou. Non o fixen por ese pudor e respeto que as xentes ben educadas nos priva de decir aos amigos as verdades amargas. Pra outra vez xa o sei.
Sabes que son sempre teu amigo, que te aprecia e ademira".
Este texto axúdanos a entender a carta que con tanta celeridade, Blanco-Amor lle enviou a Rodolfo Prada o día 25 de Santos de 1969.
O terceiro documento, é unha tarxeta timbrada de Blanco-Amor, desde Ourense -1-XII-69.
Breves palabras, entrañables e agradecidas, que transmiten arrepentimento, dor e desánimo:
"Meu querido amigo: teño estado doente, sen demasiados folgos para contestar a túa carta, que moito agradezo.
Irei neste fin de semana a Vigo, e falaremos.
Unha aperta forte do teu bó amigo.
E. Blanco-Amor
Mándoche copia da carta ó Prada".
NOTA:
1. Edicións Castrelos. Universidade da Coruña https://ediciongalizafranquista.udc.gal

Rivero, Manuel