Correspondencia entre Eduardo Blanco-Amor e Rodolfo Prada Chamochín (1971)
Rivero, Manuel - lunes, 21 de octubre de 2024
As dúas últimas cartas, que temos documentadas, son de Rodolfo Prada, polo contexto, coñecemos que houbo tamén dúas de Blanco-Amor, das que non se conservan os documentos.
A primeira, é un texto escrito a máquina, nun folio por ambas caras en papel timbrado de Rodolfo Prada, coa sinatura autógrafa, do día 6 de xuño de 1971. Documentos da Fundación Blanco-Amor (EBA Prada, Rodolfo 3a, 3b e 3c). No documento 3c, en tinta vermella, coa letra de Blanco-Amor, aparece o seguinte texto, "Prada contestada 17-XI-71". A pesar de solicitarlle que conteste axiña, Blanco-Amor, tarde algo máis de cinco meses. Todo indica, que non quedou conforme coa xestión do encargo que lle fixo con urxencia, na carta do 25 de Santos de 1969.
Prada, tece o texto con informacións diferentes. Comeza, coa desagradable noticia do premio de novela do Centro Galego de Bs. Aires, no que tiñan postas tantas expectativas, de aí a frustración producida, que afectou profundamente ao interesado e ao seu entorno máis achegado. Blanco-Amor, precisaba recibir ese premio, principalmente polo importe económico (200.000 pesetas), que ían contribuír a paliar a súa falta de liquidez. Este escenario de incertezas e carencias, foi co que tivo que convivir ata o ano 1976, no que a Fundación Barrié, lle concedeu unha pensión vitalicia de 250.000 pesetas anuais. Mediante esta prestación económica, tiña cubertas as súas necesidades básicas e o risco de exclusión social, ao que tanto temía, quedaba descartado.
A novela gañadora do Premio Galicia do Centro Galego de Bs. Aires, do ano 1970, foi "Adiós, María" da autora, Xohana Torres.
Rodolfo, coñecedor da delicada situación de Blanco-Amor, quere axudalo a través de dúas vías: publicación da novela non premiada e ca tradución ao galego do Martín Fierro. Alégrase do seu nomeamento de académico e dálle información dos actos do día de Galicia:
"Benquerido amigo: Aló polo mes de febreiro do 1970, escribinche carta correspondendo a unha tua do mes de Santos de 1969, da que non tiven resposta. Dende entón non tiven notizas direitas tuas e somentes sei te ti por vías indireitas. ¿É que voltas a estar enfurruñado conmigo...?
No seu intre, entereime do resultado do concurso de novela galega do Centro Gallego. Levei un fondo desgosto de que o teu traballo, non embargantes térese considerado como de outísimo vaor literario, non foi premiado. O parescer, asegún indicios que me chegaron por vías indireitas, por conter certas esceas "non santas" pra xentes de moitíma "pulcritude" espritoal... ¡ancradas no pasado! (...) E pensar que no xurado había persoas que se din de apaixoado liberalismo".
" ¿Qué pensas facer con isa novela? Eu che prego que me mandes unha copia pra ver si consigo, dalgún xeito, sua pubricación eiquí.
Tiven a ledicia de saber que istás proposto pra membro de número da Academia Galega. ¡xa era tempo! ¿Quén con máis tiduos ca ti no conxunto de escritores galegos de hoxe? Ben se honraría a nosa academia ca tua incorporazón.
Ca derradeira reforma dos estatutos diste Centro Gallego, ficou trocado a vella comisión de Cultura nun orgaísmo semi-autónomo chamado Instituto Argentino de Culltura Gallega dotado con mais de 25.000.000 de pesos por ano. Eu fun desiñado membro do mesmo e nil fíxoseme presidente da Comisión de Literatura (...). Querse percurar, antre outras cousas, inxertar o nome de Galiza no ambente cultural arxentino, de xeito que perdure cando fique esgotado o caudal humano galego, que por falla de renovazón, vai mermando día a día con impresionante velocidade. Nise senso, eu ando a matinar no seguinte: Que se faga unha traduzón ao galego do Martín Fierro (...) Agora ben, eu entendo que ninguén coma ti, antre tudolos escritores galegos, máis capacitado pra tarefa de tanta dificultade, tan compremetodora e de tanta honra pra Galiza, no ambente arxentino. Mais, denantes de concretar o proieto, necesito saber se ti estarías disposto a aceitar isa misión. Dende logo que sería saber de base de fixar o tempo indispensabele,- que non podería ser curto -, pra realizada; e tamén de fixar os honorarios a pagarche, que deberían ser xenerosos, dado o esforzo que elo che demandaría. Reitero que ninguén como tí pra elo, posto que, por ter vivido tantos anos niste país, conoces ben a temática da obra, a espiritualidade do gaucho arxentino e o senso de léisico de Hernández (,,,) Si te decides a facer a traduzón, sería tamén unha maneira de que o teu nome perdure no ambente arxentino (...).
Pras Xornadas galegas do día de Galiza diste ano, o Centro Galego invitou a Victoria Armesto e tamén o seu home (...). Ca presencia diles vaise inagurar no Centro Gallego un mainífico busto de Castelao (...). O mesmo tempo, farase o acostumado homaxe frolal a Rosalía, no cal falará Victoria Armesto (...) ¡Prégoche contestarme axiña!"
A segunda é un texto escrito a máquina, nun folio por ambas caras en papel timbrado de Rodolfo Prada, con sinatura autógrafa. Documento da fundación Eduardo Blanco-Amor (EBA Prada, Rodolfo 4a e 4b) coa data do 25 de setembro de 1971.
A demora na contestación, está xustificada, porque non aparece o documento inculpatorio contra Blanco-Amor, que os seus opositores afirman coñecer pero que ningún ten. Os feitos aos que fai referencia Rodolfo, na súa contestación, conten partes polémicas, debido as suposicións que fai Blanco-Amor e que non concordan coa realidade. Ao falar dese "outro", sen nomealo, lévanos ao seu homónimo José Blanco Amor, que a pesar das coincidencias de apelidos, sempre tiveron unha relación tensa e distante. Prada, aclara que xa non forma parte da dirección do "Correo de Galicia" e que lle gustan os artigos sobre Castelao. A través do contexto asoma a posibilidade de ir a Bs. Aires e de asumir o reto da tradución do Martín Fierro (proxectos que non se materializaron). Vai cerrando o texto, pedindo que lle aclare algunhas dúbidas da carta de Basilio:
"Benquerido amigo: A seu tempo, tiven o pracer de recibir tuas cartas o 16 de Xunio e o 30 de Agosto derradeiros, cuia resposta fun demorando na percura de que se me enseñe unha carta que din escribiche ti a Mourente, cando asumiu a presidencia do Centro Galego, felicitándoo i espresándolle a tua adhesión ... carta que é o argumento que veñen esgrimindo certas xentes pra xustificar o que se te non houbese nomeado persoeiro da entidade ahí na Terra... Máis é o caso que a suposta carta aínda non conquerín vela ... que si a ten fulano, que si a ten zutano, pro a carta non aparés...Dai que me decido hoxe a escribirche.
De primeiras quero por en craro algo en relación co primeiro párrafo da tua carta do 16 de xunio. Nel, ao empregar o plural "vosotros" incruicheme no fato dos organizadores asistentes ao banquete que lle deron a ise "outro" a quen ti te refires e que termiñou "traicionándovos"...Pois ben, teño que decirche que a min non me traicionou, posto que eu me neguei rotunda e reiteradamente a requerimentos de xente achegadas a min como Puente e Abraira e de xentes achegadas a ti como Cosme Méndez e Estévez pra que eu figurase entre os firmantes da tarxeta de invitación ao banquete, un dos achegados a ti, aínda me falou por teléfono no derradeiro intre querendo convencerme co argumento de que, o "homenaxeado", lle había dito que lle intresaba moito que figurase antre os invitados ..¡Nin quixen dar o meu nome, nin quixen asistir!...Procedía esí, porque ise "suxeto"- que había sido segredario do Grupo Galeguista sendo eu presidente facía tempo que tiña traicionado a patria Galiza. Fágoche esta acraración, agora que vexo que me incruies antre os parvos que naquil intre lle fixeron preitisia; parvos ou "vivos", xa que o de marras picaba outo a veira do entón vice-presidente diste país ,..a quen tiña engaiolado cas crónicas parlamentarias que facía no xornal "La Nación", no cal, inconcebibelemente, lograra empuleirarse, pesie a haber tido "alquilada" sua pruma ao peronismo...viñen a saber, fai pouco, que se foi ou o botaron do dito xornal, no seio de cuia redaición o chamaban "o trepador"... non sei onde andará a "trepar" agora.
Comprendo a tua aititude que me espós no referinte ao Centro Gallego, mellor dito as suas autoridás. Eu abrigo a espranza de que a de virar o vento e de que se che fará a merescida xustiza.
Outro párrafo da devandita carta, dame a impresión de que ti iñoras que eu xa non teño intervenzón algunha no "Correo de Galicia", dende fai uns tres anos ou máis. O parescer, eu non che informei delo no grado encontro que tivemos en Ourense no vran de 1969. A cousa ven dende os Xogos Froraes que amañarou Valentín Fernández apoiado por Puente, en cuia organización e desenrolo eu non quixen participar, por entender que o moito diñeiro que ía custar - e que custou - non era a mellor maneira de empregalo pra proveito da cultura galega. O comprobar que D. Manuel se deixaba manexar por Valentín, eu terminei por alonxarme do "Correo", - cuia direición práiticamente exercía dende a sua fundación, inda que, por propia vountade, non figuraba como direitor- , deixándolle o campo a Valentín e Regueira que viñan aspirando a elo.
Sabía dos teus mainíficos artigos encol de Castelao por referencias de amigos, mais aínda non tiven o pracer de os lere. O envío do folleto por vía marítima que me anonciabas, non me ten chegado. Si o despachaches no mes de Xunio, xa tiña que me haber chegado. Agardo recibilo con verdadeiro anceio e de antemán che quedo moi agradecido.
A posibilidade de que me falas de facer unha visita a este país, prodúxome moita ledicia. ¡Ogallá se concrete!. Teño a seguranza de que o pasarías ben e que terías boas satisfauciós. Conmigo conta incondicionalmente pra canto che poda ser de utilidade. Poderíamos organizarche unha conferencia no centro Ourensán, cuia comisión de cultura presido, dende logo remuneradas como xa é agora de práitica e de obriga por eiquí. E de seguro que os centros Lucense e Pontevedrés se interesarán en ofrererche as sua tribúas. (Esquecía decirche que o Centro Ourensán conta agora cun bó e amplo salón, na parte baixa do seu edificio). E de seguro tamén, que o propio Centro Gallego, a querer aloumiñarte dalgún xeito e che pedirá que honres seu salón "Castelao" con unha conferencia ou ca tua participación nalgún acto cultural de categoría. As cousas han voltar ao seu rego!. - Aconsélloche que aproveites o boleto que istá a teu nome en Iberia. A tua viaxe sería proveitosa pra colectividade e pra cultura galega.
Falaremos entón da traduzón do Martín Fierro na que eu matino e sono día e noite. Traduzón que soio ti é capaz de facer. E ti non podes eludir isa obriga a prol do prestixio de Galiza.
Leín con moito intrés a carta do querido amigo e gran galego Basilio, que deixou eiqui brillantísimo ronsel. A subscribo enteiramente. ¿A que libro de Cuevillas fai referencia?. O libro do oco en branco da carta de Basilio, refírise a "Los Gallegos" de Costa Clavel? Anque eu axudei a financiar a edición, participo de xuizo que me indicas. Alguén me pediu unha contribución pra editar un libro honroso pra os galegos e a dín sen coñecer o contido nin o nome do autor... vouche mandar un dos varios exemprares que me deron como contribuínte. E ti xulgarás. Aínda tampouco eu vin o libro de Xohana Torres.
En canto a tua novela, eu matinaba encarar sua publicazón a través do Instituto Argentino de Cultura Gallega do Centro Gallego, mais diante do que tan rotundamente me dis, teño que me auster. Cando veñas en novembro falaremos delo".

Rivero, Manuel