Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Correspondencia entre Eduardo Blanco-Amor e Rodolfo Prada Chamochín (1969-1970)

Rivero, Manuel - lunes, 14 de octubre de 2024
Nesta etapa, temos documentadas tres cartas, con diferente temática.
A primeira, desde Bs. Aires, en papel timbrado da Comisión do Homenaxe a Rodolfo Prada, coa data do 5 de maio de 1969, escrita a máquina, con sinaturas autógrafas do Secretario e do Presidente do Centro Galego. Documento da Fundación Blanco Amor (EBA Prada, Rodolfo 1), comeza cunha breve exposición de entrada, que xustifica o acto e cerra co agradecemento da súa adhesión:
"Co galleo de que o gran patriota e periodista galego don Rodolfo Prada cumpre niste ano o cincoentenario de laboura cultural ininterrumpidamente, sempre o servizo de Galicia e de todo canto fai ás inquedanzas da nosa patria e do noso ser diferenciado, a coleitividade galega de Buenos Aires lle fará un xusto e ben merescido homenaxe - nunha cea patriótica e galeguista - que se levará a cabo o o día 6 de San Xoán ás 21, no casal do Centro Ourensán, rúa Belgrano 2186 (...). A laboura cultural e patriótica que iste esgrevio e fidel loitador galego ven desenrolando no correr distes cincoenta anos, xa sexa na tribuna ou no xornalismo galego e arxentino (...). O pregarlle a vostede a súa valerosa adesión pra iste aito saudásmolle coa nosa meirande estimanza (...)"
A man, na parte superior dereita, con letra de Blanco-Amor, "Cont. 1º-VI-69", a ben seguro, que agradecendo a invitación e adheríndose á honrosa celebración.
A segunda carta, emitida desde Ourense, leva a data do 25 de Santos de 1969, escrita a máquina nun folio por unha cara, coa sinatura autógrafa de Blanco-Amor. Texto escrito con présa, nun momento de profundo pesar, desacougo, incerteza, no que asoma un presente escuro e anticipa un futuro preocupante.
O tema central é o proceso de nomeamento do Delegado do Centro Galego de Bs. Aires na Galiza, que con tanto empeño era buscado por Blanco-Amor e os seus amigos. Cargo, que ben merecido tiña, varios eran os motivos: traxectoria persoal, implicación profesional, necesidade económica, idade e delicado estado de saúde. Numerosas variables entrelazadas mostraban un diagnóstico crítico, un prognóstico complicado e unha difícil terapia. As múltiples xestións que non acadaron os froitos esperados.
Na carta solicítalle a Rodolfo que deixe de interesarse polo proceso. Reprocha, séntese traizoado, amortizado, esquecido, humillado, perseguido e malquerido, quere que ese feito, marque un antes e un despois na súa experiencia vital co Centro Galego:
"Meu vello e querido Rodolfo: Sin ningunha tua a que corresponder, póñoche istas liñas pra que me fagas o favor seguinte, xa que ti, bondadosamente, fuches un dos primeiros en acoller como posibel a ideia de que se me concedese a delegación do noso Centro, na dimisión voluntaria do seu ocupante natural pra mentres quixese, Paco del Riego, con mais amosados méritos, pra ilo que todos nós xuntos.
O que veño a pedirche agora é que, tanto por ti, como pola zona das tuas amizades e infruxos, deixedes de intresarvos no caso de referencia. Se ve que hai niste asunto unha vountade escura, persoal ou coleitiva, de que eu non ocupe ise posto; e si cadra vai mais alá nos seus anceios: a miña total "amortización" e definitivo afastamento do meu significado político en relación coa colectividade galega de Bs. Aires; proceso que xa había comenzado denantes da miña volta á Terra pra vivir nela e servila, ó meu xeito, o tempo que inda me quedase. Non discuto nada deso, e o mellor teñen razón os que así pensan. Non é do caso, noustante, porse a pescudar nos orixes e desenrolos de toda ista longa persecución na que nunca fun chamado a diálogo nin xiquera, a xuizo, que é o menos que a costume democrática concede a os seus "inculpados". Non se trata desto; trátase de saír diste novo enredo, distas "reavivadas" circunstancias capaces de amargurar os anos da miña vida que deberan sere de paz interior, de serenidade, de obra literaria madura na nosa lingoa - á que teño xa dados catro libros-; da colleita mínima de moito que levo sementado, aunque grande parte caíse antre as pedras do camiño, como é [ ] en todos os que vivemos moito e traballamos moito. Teño direito a unha pouca de pace e a unha migalla de reinvindicación, que non é o mesmo que venganza: lixo das almas mingoadas. Solo quixera contar aínda con tempo pra ver a os mesmos que me fan ouxeto de tan longa e misteriosa saña, frente ó medo da vellez en soedade, privados de toda espritual axuda e vendo como se tasa a eito, negativamente e sin discriminación, a totalidade das suas vidas, que é o que eles fan conmigo, sin que me acade nin seña capace de reconstruir na miña concencia - mais severa do que se coida - as razós ouxetivas de tanta e tan longa malquerencia.
Non me nego eu a acompañalos no seu propósito; e quero, nefeuto, cortar pola miña parte toa relación coleitiva con Buenos Aires, polo menos, no tocantes, ó "Centro Galego" como política.
Nisto é no que che pido que me axudes. Hai que porlle remate a todas isas xestiós que comezaron algús xenerosas amigos. As persoas que, por min ou a requerimento de outras, teñen intervido, ou, polo menos foron "tocados", son: Cosme Méndez, Eduardo Pérez, J. Núñez Bua, Manuel Puente, Luís Seoane, e quizais algún outro que poda esquecérseme niste intre. Faime o favor de falarlle axiña; e aínda mellor, de mandarlles copias dista carta; non no fago eu porque estou doente, saíndo dunha rexa gripe, nin ando moi sobrado de medios pra mandalas facer. Insisto que faise preciso que andes apresa, o mais, de contado que poidas. Xa non se trata do de eí, senón que hai que cortar eiqui o crecente estupor e a grande estraneza que causan estas cousas sin que vaian acompañadas de algún xeito de esplicación, de razonamento ouxetivo. Bastante hai que coordinar eiqui pra que nos poñamos a discrepar encol de outras que non teñen importancia mais aló do intrinsecamente persoal, pro as que istas resoluciós contraditorias, istes silenzos, ou palabras a medias, nas que, anda misturada a honra das xentes, o mellor sin afán de causarlles mal, pero causándollo, poden trocarse en discusión política sin beneficio para ninguén, mais aló dos peixeiros de río revolto que decote están ó axexo".
A terceira carta, documento da Fundación Blanco-Amor (EBA Prada, Rodolfo 2), escrita a máquina nun folio por unha cara en papel timbrado co nome de Rodolfo Prada, sinatura autógrafa, con data do 8 de febreiro de 1970.
O texto, contén tres partes diferenciadas:
No comezo, sente vergoña por tardar tanto en responder á carta de Blanco-Amor (25 de Santos de 1969). Este retraso era comprensible, dado que lle solicitaba un favor difícil de entender e en parte complicado de xestionar:
"O primeiro que tiven que facer ao poñerme a escribir istas liñas, foi apañar do chao a miña cara que se me caía de vergoña".
A continuación entra no relato da contestación a carta do 15 de novembro, con algo máis de dous meses de retraso. Xustifica a súa dor, que tamén comparte, dálle sabios consellos, márcalle novos retos, anímao a seguir adiante e fai predicións sobre o próximo premio do Centro Galego, que por desgraza para Blanco-Amor, non se cumpriron:
"A tua carta, querido Eduardo, impresionoume fondamente. Estou nun tudo contigo, pos atopo xustificada a margurada manifestación que n-ela fás. Tamén eu me sentín margurado cando cheguei eiqui e tropecei coa ilóxica decisión que tiñan tomado, facendo ouvidos xordos a cantas xestiós fixeron calificadas persoas a prol de ti. ¿Estulticia, mala fe, falla de visión, interferencias de certas "eminencias grises"? ¡qui lo sá!.- Ti debes sobrepoñerte a elo, coa garrideza espritoal que che sobra, e deixar pasar a enxurrada porcallenta. Tua mellor venganza é, que mandes a boa novela en galego, que eres ben capaz de facer xenialmente - si é que non a tes xa feito, asegún teño referencias - ao concurso do Centro Gallego pra iste ano, dotado con un millón de pesos moneda nacional, ou sexan: Duascentas mil pesetas, na case seguranza de que á ser a trunfadora, pois non albisco escritor galego que a poida facer, na nosa língoa mellor ca tí.
Sei que te teñen confirmado na representación ao Congreso Galego da Emigración. Meu consello é, que non refugues ise nomeamento, nin amoses enfurriñamento as autoridás do Centro. Un día ven detrás de outro, e as cousas poden trocar... O teu valimento non pode sere asulagado e prevalecerá... En contratempos de ise xaez, a mellor maneira de encaralos é a serenidade. Elo é o procedimento de máis eficacidade e máis garrido".
A través do texto, coñecemos o falecemento de Virxinia [Pereira Renda], muller de Castelao, e as súas últimas vontades. Rodolfo Prada tamén fora o albacea de Castelao:
"Del Riego mandoume teu belido artigo encol da morte da nosa benquerida Virxinia. Miñas felicitaciós. A probe morreu en Madrid [23-12-1969]- ¡Alcontra dos seus desexos!. Nunha carta que lle escribiu a Manolita, pouco denantes de se enfermar, lle decía que non quería morrer en Madrid, que quería morrer eiquí perto do seu Daniel...- Fixera testamento en Salamanca no mes de outono, no que me honrou desiñándome herdeiro de canto tiña eiqui. O encarregándome mandar ao Museo de Pontevedra toda a obra artística de Castelao. Envíareina por Núñez Búa quen viaxará a isa a finaes d-iste mes.
No lateral esquerdo en horizontal a tinta escrebe e asina: "Ténme sempre ao teu dispor para canto che poida ser de utilidade e reciba fortes apertas de teu decote amigo e irmán. Asina [ilexíbel]
A cotío, Manolita e eu, estamos a lembrar os intres ledos pasados na terra na tua compañía- E a miúdo gozamos ollando as fotos que ti nos tiraches".
Rivero, Manuel
Rivero, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES