Lugares sen contaminación
Santalla, Iago - miércoles, 25 de septiembre de 2024
Cada vez quedan menos lugares para respirar aire puro. Víctor Jara, cruelmente asasinado polo réxime de Pinochet, reivindicaba lugares sen contaminación e cantaba, con ironía, aquilo de "Las casitas del barrio alto". Calquera que escoite a Víctor sabe do seu ecoloxismo e, tamén, da súa sensibilidade cos máis necesitados. Víctor sempre estivo co pobo traballador. Quizais por iso me vén ao recordo cada setembro e imaxino que está no meu hoxe defendendo as causas xustas fronte ao capitalismo que nos abafa.
Imaxínoo dando un concerto en Palas defendendo un Ulla limpo e puro, ceibe da porcallada que trae a celulosa. Víctor defendería non violar nin roubar esta riqueza que nos foi legada en perfecto estado. Isto é o que está loitando a veciñanza da Ulloa que, por certo, logrou implantar moitos negocios ecolóxicos que viven do entorno sen danalo. Actúan localmente e pouco a pouco fixeron a súa vida.
Todo o contrario é o que se presenta no proxecto da celulosa. Destacan os postos de traballo que, supostamente, van dar pero obvian os que van arruinar. Por non falar do desprezo co que tratan á comarca. Cabe lembrar o informe de Altri afirmando que na comarca hai un 25% de analfabetos. Non sei se, neste 25%, inclúe aos técnicos que virán traballar para a celulosa.
En todo caso, na Ulloa temos moitos deses lugares puros dos que falaba Víctor Jara. Imos deixar que nos rouben o paraíso a prezo de patacón?

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora