Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os amantes de Rois (8)

Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 18 de octubre de 2024
-.-

20.
Sigo en Lugo...; entrei en Lugo, pero Lugo aínda non entrou en min. Vouche contar...; contar, non, relatar, pois os contos son outra cousa: Veu meu pai para comprarse un traxe, que agora que empeza a vestirse ben nas aldeas non se pode ir con traxe de pana ás festas. Fun con el, e entramos nunha tenda da calle General Franco..., ¡de Franco tiña que ser!, precisamente no intre en que lle dicían a outro comprador: - "Hable en castellano, que no le estoy entendiendo lo que me pide".

O señor, decepcionado por incomprendido, xa se ía sen face-la compra, cando se lle achegou meu pai: -"Agarde un momento, que lle vou ensinar galego a este tendeiro... Rapaz, escóitame, que che vou dar unha lección gratis: Se ti es castelán, e por tanto castelá falante, xa te podes volver para Castela, a segar, que estamos no tempo diso, e os galegos que a están suando na túa terra que se veñan para aquí, a vender tecidos cataláns! Se non lle vendes a este señor, eu tampouco che compro, que tamén son galego. ¿Verdade que me entendiches?

O rapaz baixou a vista, e atendeunos, aos dous! Eu tamén aprendín algo: Que é posible, que é máis eficaz, dar tortas, a quen as merece, sen levantar a man que levantándoa, pois non hai arma mellor cós razoamentos.

Para intro-inspeccionarnos, que non é igual que intro-verternos..., séxase, para reflexionar, din que a aldea é máis axeitada cás urbes, e iso que tamén din que a "urbanidade" cultivouse precisamente nas urbes! Ese cliente de Lugo gañara, merecera, na súa aldea, aqueles cartiños, aqueles gaños que lles ía deixar aos de Lugo..., e nin con esas! O sabio foi, ¡é!, meu pai, que naceu e se criou nunha aldea, noutra, e nela se fixo sabio. ¿Quen é sabio? Todo aquel que é feliz, bondadoso, sincero cando se expresa, e ademais diso, equilibrado nas súas decisións; por engado, defensor, defensor do pobre, do ígnaro, de quen estea en inferioridade de circunstancias. ¡Eu quero seguir sendo de aldea, aínda que chegue a vivir na cidade; séxase: son, e quero seguir séndoo, aprendiz de sabio!

Ti, que estudias en Lugo, ¿verdade que te molesta se te acusan, ou tratan, de paleta? Lugo, dos romanos, non só herdou unha muralla senón, e tamén, un certo aire aristocrático, patricio, pedante, que só poñen por encima deles aos casteláns, equivocándose niso: Casteláns son aqueles herdeiros da Isabel I, aquela reina usurpadora que ordenou ao seu Delegado: "No cejeis en la castra y doma de Galicia". Isto descubriuno, e ensinoumo, meu pai, pois neses libros de Historia cos que vos aproban na Normal seica non está; ¡nin está, nin estará, mentres non pasemos da Dita dura á Dita branda!

Como ves, non só estou aprendendo mecanografía e taquigrafía, senón que, coa vista e coas orellas, tamén aprendo socioloxía. Algún día irei á túa escola; ou mellor dito, porasma no fogar, que así terei un doutorado..., en Ciencias terrestres, ademais das espirituais!

O teu rapaz, aínda que ti, aínda, non sexas miña,

Xosé María

21.
Sigo reflexionando... Pero ata sería máis exacto dicir que, ¡flexionándome! Esta muralla, que me fai baixar a cabeza para venerar aos nativos, ¡aos escravos!, que morreron arrincando tantísima pedra aí nas pedreiras de Labio (lapio = da pedra), uns; outros carrexando nela, ou subíndoa e paredando. Pobriños, que por iso se esbarrigou tanto; ¡claro, ao podrecer aqueles cadáveres, a pedra esvarou!

A outra é lembrando aos mortos do Medullius (Monte da Meda, Monciro), a ara dos que, de secas no verán as súas lagoas dos cumes, ante a acometida final, definitiva, do tal Ciro, os nativos envelenáronse.

¿Que nos trouxo aquel Ciro? ¡Latixos! ¡E encima diso, de xubilación déronlle as terras da túa parroquia, pero os seus escravos, para disimular, deron en chamarlle "Cirio", en lugar do seu fundador, Ciro. E, ¿que nos levaron, que nos arroubaron? ¡Ademais dos trigos de Flammoso (flama), Chamoso, que nunca tal viran, aquela marea das espigas, 7.000 libras de ouro e prata que, segundo Plinio, era o que adoitaban levarse, en promedio, cada ano, e máis que levarían se o Finis terrae estivese máis aló, máis aló ou máis arriba! Menos mal que aos poucos veu Santiago e ensinounos, demostrounos, Os amantes de Rois (8)que aqueles deuses dos romanos, igual que antes os gregos, eran..., ¡ídolos! O único que non puideron levarse foi este Miño, que lle dá unhas apertas ben cariñosas á cidade; ¡levalo, non, pero utilizalo para carrexar os seus espolios, si, que, de chegados ao mar, transbordaron! Vou intentar debuxar aquí un daqueles barcos, para que tamén ti os aborrezas:

Estes días andei de policía, pero con poucos acertos: O único dos acertos foi o lugar do nacemento de San Froilán, que me dixeron, e incluso me levaron para velo, no Regueiro dos Hortos; unha decepción pois alí, fóra das silvas e das ortigas, lembranza do Santo..., as verbais, e namáis!

A outra indagación fíxena para cheirar algo daquela gran figura, Egeria, que seica se recorreu a metade da Terra Santa, e iso que era muller; ¡chegou a onde non chegaban os homes! Pero en Lugo, nin nomeala, que nin homes nin mulleres me souberon dar referencias, e iso que preguntei a novos e vellos; fáltame preguntarlles aos curas.

Por quen tamén preguntei foi por María Castaña, e desa si que lle preguntei aos irmáns Rielo, Isaac e Nicanor, que están no Seminario; dixéronme que gardase o secreto, que non dixese que lles preguntei, pois no Seminario, de castañas, as asadas, pero, desoutra, non queren oír!

As miñas cartas son pequeneiras, pero o meu cariño, a miña adoración ás túas fotografías, vai a máis. ¡Deus, que decepción me vou levar se cando chegue á numero 52 me dás cabazas! ¡As cabazas seica teñen moitas vitaminas, mais, para min, témolles!

O teu... ¿O teu, que? ¡O teu futuro, pois iso quero, e a iso oposito..., aínda que só Deus, ti e máis Deus, sabedes a competencia que teño, que teño ou que terei!

Xosé María

22.
Pacta sunt servanda... É o que lles di meu pai aos veciños da nosa bisbarra cando lles fai, cando les redacta, todo tipo de escrituras; ¡pois eu, contigo, tamén!

Así que me fun á catedral, e poñendo de testemuña ao Santísimo redactei, in mente, o meu pacto contigo. ¡Mellor xuramento, imposible!

Voume rebentar a estudiar para facer o Bacharelato por libre, ¡aquel Bacharelato da beca á que tiven que renunciar, etc.!, nos tres anos que estarei comprometido co Exército, no seu Ministerio. Con iso xa farei as oposicións do Banco Exterior de España (doulle máis importancia ao exterior que ao interior), e seguidamente, se para daquela me queres, ¡con fogo nupcial se entende!, casoiro, casoiro sacramental, que é o único válido. Así tamén te libras desas escolas da montaña luguesa, e comigo poderás pedila "da residencia do consorte"

¿Que ao final das 52 cartas prometidas aínda non te tes pola miña prometida...? ¡Daquela, nese caso, drama, ningún, que me vou para Herbón (Padrón), cos franciscanos, para casarme con Deus!

¡Mira que cho estou pactando diante do Santísimo, na súa exposición permanente!

Teu tío avó, Díaz Sanxurxo, que o beatifican nestes día, para algún día subilo aos altares, que é o que se merece como mártir que foi, sendo bispo, daquela que lles predicou aos de Tonkín... Pois eu, tamén, a predicar a Tonkín, ao Norte de Vietnam, que alí segue sendo fácil iso de chegar a mártir. Xa no Ceo, cerca do teu parente, recibiremos a túa visita, a da túa alma, e con iso..., casámonos, definitivamente, vestidos de anxos, que para daquela non me vas dicir que non!

¡Dixen; agora cúmprase!, que é como din os ditadores ao final das súas arengas. O teu,

Xosé María
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES