Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os amantes de Rois (7)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 15 de octubre de 2024
-.-

17.
Desde aquel día de Suegos estiven ausente, que non escondido; agora si, ata que pase o verán. Explicareime:

Estarei en Lugo, asistindo á Academia E.R.T., preparándome para a miña incorporación ao Ministerio. Coido que xa cho dixen: Optarei de fonda polo cuartel, que así, en Madrid, poderei estudar, ¡algo!, por libre. En pleno verán teño, e debo, colaborar nas faenas agrícolas. Pero a miña decisión con respecto a ti, miña Estrela, é a de ocultarme para que agora, nas túas vacacións, vaias ás feiras e ás festas, para que podas ver, para que podas escoitar, outros pretendentes, e así afianzas a túa decisión: Quérote libre, con plena liberdade electiva; serei o teu escravo, pero non, nunca, o teu tirano. Despois seguirei escribíndoche..., para que fagas en min, e de min, un curso selectivo, ¡por libre!

Coas fotos no peto, tamén te teño na paisaxe: De día, flores, todo ao redor, vaia por onde vaia, neste paraíso da nosa Galicia; e de noite, co ceo limpo de tempestades, as estrelas, ti en particular, que mesmo se me pousan encima da cabeza.

¿Flores, túas irmás? Se eu son feo ou guapo, como xa me tes visto, alí en Suegos, iso queda ao teu criterio. Pero, as túas fotos? Teño claro que Deus ensaiou con Adán, e despois, para crear á Eva, xa tiña experiencia: ¡Saíulle un encanto; demasiado, que así se namorou dela o malvado Lucifer!

Desde que te coñezo, cadora me gusta máis a nosa paisaxe..., en particular pola evocación que me trae! Pero, obxectivamente, ándame na cabeza que, se teño que vivir, meses ou anos, no deserto, téndote a ti, facendo fogar contigo, a miña vida será un oasis. ¿Vivir e durmir cunha Estrela? ¡O Ceo anticipado; máis, moito máis, có Paraíso Terreal!

Ata que te coñecín eu non cría na idolatría; agora, si: Adoro ao Deus que me fixo, e por Deus, como obra de Deus, adoro á máis fina delas. ¡Deus, que feliz serei se algún día te quitas ese abrigo da foto para abrigarte coas miñas apertas!

¿Vasme coñecendo? ¡Aquí me tes, humilde coma un reo diante do Xuíz!

Xosé María

18.
Como ves, esta é a primeira carta que che escribo á máquina, pero tes as anteriores se me queres facer unha análise grafolóxica. Xa sabes, esa técnica da psicoloxía que nos permite facer un retrato, profundo e bastante certeiro, dunha persoa, analizando e estudiando os raxos dos seus signos gráficos, séxase da súa forma de escribir. ¡Non deixes de facelo; e se non sabes, búscate en Lugo un especialista; nese Lugo que saben de todo, que por algo veñen da romanización.

Aquí en Lugo hai, teñen, temos, dúas catedrais: A da Virxe dos Ollos Grandes, que ten un coro tal que celestial; puxéronllo para adorar ao seu Fillo, a Cristo Sacramentado. E subindo á rúa de San Marcos, ¡un Noviciado! Esa Normal, ¡que nome tan axeitado!, é o das mozas normais, futuras monxas e/ou futuras mestras. Eu chamaríalles "Guías Turísticas" porque estades chamadas a ensinar o mellor turismo, o dos goces anticipados na paisaxe, no Camiño que leva ao Ceo.

Os demoníacos tamén teñen a súa igrexa, que seica a preside unha tal María dos Quintos. ¡Pero desa, Libera nos Domine!

De chegado a San Marcos vin que estaba aberta a porta da Normal, pero..., ¡sen rapazas; todas de vacación, obviamente! Pero oíase música... Entrei, e escoitei. Nisto saíu un conserxe, que me dixo: -Trátase de dona Xusta Latas, profesora de música, que está ensaiando..., para o próximo curso. Eu respondinlle: -Se me cobrase pouco, apuntaríame ás súas pasantías... -Pasa e pregúntalle; pero xa che anticipo que dona Xusta sen regalos anticipados..., nin che contestará os bos días!

En vista diso dinlle as costas, así que vin pasar ás irmáns Hermida López, ás dúas, pero non me atrevín a falarlles posto que elas seguiron coas becas, e eu..., coas ovellas!

No xardín do Cantón, agora Praza de España, as roseiras compiten coas miñas. Se estiveses aquí, e te vise, como vin ás Hermida, roubaríalle ao Concello de Lugo a rosa máis grande deste xardín..., para ofrecercha, para que realzase a túa natural beleza.

Pregúntome: ¿Porque utilizaron os romanos aos seus escravos para construír esta muralla ciclópea? O Alcalde, señor Portela, vaime dicir que foi..., ¡por se viñan os mouros! ¡Ca; está errado! ¡Fixérona porque, ademais do roubado, trouxeron "Sabinas", que era, que foi, outro roubo, e eran tan guapas que igual llelas birlaban aqueles celtiñas do Castro do Vallis Viridis!

A ti tamén che faría, tamén che daría, unha muralla..., por..., por se acaso! Fai o que che pedín: somete a miñas cartas caligrafadas a unha análise de personalidade, e se resulto grato, sincero..., a por min, que estou dispoñible!

Xosé María

19
¿Subir a Lugo, ou, baixar a Lugo? ¿Segundo o mapa, segundo onde nos criásemos; Os amantes de Rois (7)augas arriba no Miño, ou augas abaixo?

A Lugo súbese para estudiar, e de estudiados báixase de Lugo para controlar o rural, para manducar, para mandar! Coido que nos paramos pouco nesta polarización.

Os romanos sentaron o precedente de gobernar, de tiranizar, desde aquí; ¡leis que non quedaron escritas, pero que seguen vixentes!

O franquismo desfíxose dos Mestres neutralizadores, pero as rapazas, ¡maiormente as rapazas!, subistes a Lugo para ilustrarvos, que é igual a dicir, para ocupar o baleiro cultural que deixaron aqueles mestres, moitos deles expulsados da súa labor docente, pero moitos tamén expulsados da súa función vital, ¡séxase, fusilados! En termos da miña parroquia mataron ao ilustre ilustrador Argimiro Rico Trabada; cando se apague, ou esmoreza, a censura actual, tratarei de facerme coa sentenza que lle aplicaron, que merece un monumento.

Nese baleiro dos mestres está o voso futuro, a vosa fortuna, a vosa ocasión; ¡a ocasión que teredes de levantar o país, particularmente as aldeíñas, que é igual a dicir, de achegalas a Lugo, de subilas a Lugo!

Detrás das mestras, complementando a vosa función, será moi oportuna unha industrialización do noso campo, que é riquísimo en producións variadas, pero está moi necesitado de engadirlle valores, de perfeccionar subministres, de darse a valer.
Os amantes de Rois (7)
Do que non hai trazas é de que ás mulleres vos suban ao presbiterio; pero a min iso, polo que a min me afecte directamente, importarame pouco, pois conto con terte a ti para que me perdoes as miñas caídas, as miñas imperfeccións, ¡que xa as procurarei evitar, pola conta que me ten, se quero, ¡e quero!, salvarme.

Estes días, que estou no teu Lugo, e podo pasar, e pasear, por diante da túa Normal, séntome..., máis cerca de ti, da miña, potencial, mestriña.

Xosé María
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES