Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os amantes de Rois (5)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 08 de octubre de 2024
-.-

10.
As pombas mensaxeiras. Túa prima, a Manoliña de Celestino, de tanto cartearme contigo, ¡eu, contigo!, (está facendo de carteira, ou polo menos recollendo as cartas que boto na caixa do Correo, para que as leve seu pai á Liña de Castroverde), díxome: "¿Igual queres chegar a ser primo meu? ¡Non perdas ningunha festa, ensaia moito, e encoméndate á musa Terpsícore, pois miña prima, que nos vén de raza, baila os sete bailares, que nin que sexa unha musa, pero non te celes, que sempre o fai con seu irmán, co Manuel, que é outro danzante con alas".

¿Con alas? ¡Iso confirmoume que es un anxo! ¡Ai, Deus, que che estou escribindo en galego, pero..., seredes políglotas os do Ceo? Daquela sería oportuno que che falase en verso, ¡outra encomenda de Terpsícore, que rime as miñas ideas, os meus latexos. Intentareino, aínda que sen consonancia, pois forzar a rima ten pouco de autenticidade; ¡é artificioso!

Bendito sexa, e que no Ceo estea, o inventor das cartas, o das misivas, fose home ou muller. E que sexa maldito, que non saia do inferno, aquel dos naipes, esoutras cartas, esas que tantas desgracias levan ocasionado.

Con cartas non hai distancias; e logo que por carta dicimos o que temos matinado, o que nos sae do peito. A palabra é boa, pero a mellor de todas é aquela que non sae da boca. ¡A palabra mal dita é maldita!

Eu namoreime de ti polos ollos, cos ollos, aquel día en Lugo, e iso que dos nosos beizos non saíu, daquela, unha soa verba, que nada nos dixemos, verbalmente; ¡pola miña parte, daquela mesmo, aínda que en silencio, xa cho dixen todo: Quero esta rapaza para nai dos meus fillos! ¡Amén! Os beizos xa falarán máis adiante, despois do xuramento conxugal.

Quero que estas cartas sexan unha chave: a chave mestra, que lla dou á Mestra, que lla estou dando, para que a meta no seu chaveiro, para que a conserve ben gardada, pois nela, con ela, estoulle dando a chave do meu corazón, por días de vida. Máis é, que tamén lle pedirei ao Resucitado que nos resucite xuntiños, pegadiños, por toda unha eternidade. ¡Non che podo dar máis, pois os bicos están para despois, para despois das cartas!

Vou ter que levalas a Mosteiro, pois no correo de San Cibrao igual nolas abre túa prima, facendo de defensora túa; ¡agora non hai censura, pero quedou a curiosidade, no vapor, que seica se poden abrir ao vapor, e despois pegalas de novo, con un tubo de goma. ¡O noso son secretos de Estado..., en estado de solteiría, por suposto; en estado de esperanza!

Cando abras o meu corazón dille...; pero date présa, que igual se derrete..., de tanto quererte!
Xosé María

11.
Falando outra vez de túa prima: Como contigo non podo, nin quero nin podo, nin debo, ter secretos, pregunteille á Manoliña de San Cibrao, facéndome o bobo, que é a mellor forma de inquirir:

-Se túa prima é tan bailadora como dis, irá a tódalas festas, así que botará nun noivo en cada unha delas?

-¡Diso, nada, pois é tan boa estudante que ata o fai nos festivos, que mo dixo súa irmá; pero eu, no que a coñezo, engado: Estuda Maxisterio, e coas súas calidades non o fará mal, pero eu auguraríalle mellor porvir en Periodismo, pois é tan meticulosa que non admite verdades a medias, que sempre fai por investigar máis e máis; segundo ela mesma me ten dito: "O importante das cousas é saber, coñecer, ás causas motivadoras". Así que, se falas con ela, xa podes ser virtuoso, que te vai confesar, a fondo, veniais incluídos.

Miña admirada Estrela: As miñas cartas non terás que lelas coa lupa, pois estou sendo sincero, e seguirei así, por días de vida, maiormente contigo, que es a luz da miña conciencia, miña estrela vital. O meu perigo véxoo, está, en que sendo tan amiga das verdades, igual te metes monxa... Daquela, eu, ¡frade! E se algún día deixan casar aos cregos, non me ocultes o teu enderezo..., para levarte ao altar das arras, ao nupcial!

¿Arras? ¡Como es da "Casanova", procurarei aforrar para ofrecerche, algún día, unha casa noviña, ben guapa e ben axardinada, noutro paraíso terreal, na terra que máis se lle pareza ao daquela Eva, que a estrearás ti, ti mesma; e por ter de apelido Castiñeira, vou tratar de conseguir unha leira, na que plantarei, eu mesmo, un cento de castiñeiros; despois asarei as castañas, para ofrecerchas na tarta nupcial.

No interim, bico as túas fotos, ¡e xa van mil, mil veces!
Xosé María

12.
Teño un primo segundo, (curmán de meu pai)... Trátase de Manuel Lombardero Paz, que é Director Coreográfico no teatro Martín. Cando vaia a Madrid voulle pedir que me dea unhas leccións para que, de casada, me aceptes por parella, para quitarme o complexo de que bailo mal, de que non sei suplir ao teu irmán Manuel. Non será ningunha molestia senón unha ofrenda, un mérito dotal. De meu primo, referíndose á opereta "¡Cinco minutos nada menos!", con Maruja Tomás e Maruja Tamayo, dixo a prensa, "... sus brillantes cualidades de bailarín, Manolo Lombardero, animador de las brillantes evoluciones desarrolladas por el pimpante conjunto de vicetiples coreográficas".

¡Ai a música; se puidese converter esta caligrafía, estas letras, en notas musicais, para con elas agradar esas orellas túas, con pendentes de perlas nas túas fotos! Agora, na primavera, aquí na aldea os paxaros non se cansan de rimar, así que os vou escoitar, a ver se lles capto algunha composición que valga para retransmitircha:

Pío, pío, que se está quitando o abrigo,
agora que a primavera lle pide
ensinar os braciños.
E con eses brazos de anxo
apertará ao elixido,
que se é de Montecubeiro
igual o fai con moito cariño.
Pío, pío,
¡que rapaza máis guapa,
axeitada para facer,
con ela,
o niño,
que así sairán,
de guapos,
os fillos!
¡Pío, pío!

Os paxaros, serán, son, adiviños? ¡Os de Montecubeiro coido que si, que sempre cantan antes do amencer, e non paran de facelo ata que o sol se despide dos Campos de Cirio! Isto quere dicir, isto significa, que aledan o camiño da Uceira, ese que hai que levar para ir ás mozas a Rois, con día, pois de vistas as estrelas xa pode anoitecer!

¿Estou toleando? ¡Claro, certo; por ti!
Xosé María

13.
Deus valeuse dunha estrela para indicarlles aos Magos o portal do seu barrelo, do seu Fillo, do noso Salvador. Pois ese mesmo Deus puxo unha Estrela, outra, no meu camiño, no meu Camiño do Ceo..., e con ela quero subir, de par súa, despois de deixar a nosa marca aquí na terra, un algo que sexa de utilidade para as xeracións vindeiras.

Onte o noso crego falounos dos dereitos e dos deberes matrimoniais, e pedinlle unha copia daquelas verbas para que me sirvan de "código de conducta", por se chego a casarme contigo. Díxome que veñen, que se conservan, na primeira carta de Paulo aos Corintios. Copio:

"... para evitar a fornicación, que cada home teña a súa muller, e que cada muller teña o seu home. Que o home cumpra coa súa muller, e o mesmo a muller co seu home. A muller non é a dona do seu corpo, éo o home; e do mesmo xeito, o home non é o dono do seu corpo, éo a súa muller. Non vos privedes un ao outro, a non ser de común acordo por algún tempo, a fin de terdes vagar para a oración; despois volvede ao mesmo, para que non vos tente Satanás por culpa da vosa incontinencia. Isto que vos digo é unha concesión, non un precepto". Tomeino, e consérvoo, como exercicios prematrimoniais, que por algo hai que empezar; non si?

¿Palpaches que hai sinceridade nas miñas cartas, ou aínda non? Un detalle acerca da nosa situación: Ti criácheste aí abaixo, baixando da montaña para pasar á Terra Cha; eu son de máis arriba, pero só en canto ao barrelo. Desde a montaña vese máis terra, máis porvir, e por tanto, máis beleza. Xesús subiu á montaña para que o visen e o oísen mellor; quería ensinarnos, dicirnos, algo moi importante: O Noso Pai, as Benaventuranzas, e unhas cantas disciplinas básicas da nosa, ¡da súa!, Relixión. ¡Isto é o que desexo das miñas cartas: que suban ás estrelas os meus pensamentos..., anque aparenten ir costa abaixo, tal que de Bergland a Rois.

Deus deulle a Moisés, ¡por escrito!, aquelas táboas da Lei. Cando as nacións firman pactos tamén o fan por escrito. Pacta sunt servanda, seica dicían os romanos; ¡estas cartas son os meus pactos, así que, cumprimento subseguinte! As mentiras dinse oralmente, para non deixar probas; as cartas, ao contrario: ¡son probatorias!

Insisto en que non quero contestación, ata o final delas, as 52 anunciadas, prometidas. Se vou ao Médico, os análises damos por escrito, ¿non si? Pois eu estoume dando a analizar, en corpo e alma; quero que chegues a coñecerme ben, a fondo, ¡un ano de análise! Non me cansarei de repetircho, así que, lendo, repasando, gardando, as miñas cartas, ninguén te poderá acusar de inxenua, de enganada. Seguirás sendo virxe; tamén no espiritual. Lucifer enganou á Eva, e Eva ao Adán; entre nós non pode haber más que fidelidade, e para iso me retrato, de antemán..., nas miñas cartas!

Non as ensines a ninguén, nin varón nin femia, de íntimas que son, e logo que pode haber malos conselleiros; ¡só te admito a ti de xuíz dos meus secretos, das miñas entretelas!
Xosé María
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES