Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os amantes de Rois (4)

Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 04 de octubre de 2024
-.-

6.
Onte, ao volver da Misa, e iso que traía apetito, ¡isto de ir co xaxún para comungar en San Cibrao!, antes de entrar na casa pareime xunto do pozo, para gozar doutro retrato: ¡A nosa roseira, a grande, a "Valenciana", unha raza que non ten espiñas, abrira os seus gromos para mostrarnos..., a súa floración primaveral!

¿Que vin nela, na roseira? ¡Isto merece unha recapitulación: ¡Vinte a ti, os teus retratos, multiplicados! Ademais, sen espiñas! As espiñas son cousas dos homes, daqueles que se cren nos tempos da Eva, incitadora do pecado, do grande, do transmisible, do orixinal, e por iso se vingan das mulleres, de todas, a feito.

Hoxe, na Misa, don Benito falounos do Xénese... Pero máis nos conviña, máis necesitábamos, que nos lembrase á Nosa Señora, á Nosa Corredentora: Eva foi a Avoa, pero María adoptounos por Nai, que llo propuxo o seu propio fillo, Fillo de Deus, xerado por Deus, e non creado, pois ese erro, nestoriano, seica o teñen os musulmáns, que mo explicou meu pai; ese Deus, ¡o noso, o verdadeiro, o trinitario!, con carácter testamental, no mesmísimo Calvario, séxase, na súa agonía, presentándolle a María, por fillo, ao apóstolo Xoán, e con Xoán, aos outros redimidos. Despois diso, para un mellor rexistro, desde que resucitara, fora xa do sepulcro, ¿a quen se apareceu Xesús, de primeiras? ¡Ás mulleres! Con estes signos tiña que cambiar a Historia, tiñan que desaparecer as desavinzas conxugais, pero non foi así..., por culpa da nosa teima, do noso machismo inveterado, fomentado por Satanás, que está cabreadísimo de que a Virxe María redimise, Corredentora, aos fillos da Avoa, da Eva.

¡Temos que pasarnos ás roseiras sen espiñas, temos que pasar de Eva a María; temos que..., despois das estrelas adora-las flores, como fixen eu naquel momento, que me axeonllei diante da roseira, coa promesa de que lle pido a Deus a morte, a miña, antes que espiñarte, antes que causarche unha bágoa. ¡Mira que o poño por escrito!

Agora xa sei que en Valencia hai roseiras sen espiñas; o que me falta por preguntar, por saber, é se alí teñen separacións matrimoniais; se é que as teñen, mándolles unha roseira, destas, das deles, para que aprendan a fixarse no que teñen, no que Deus, por boca do seu Fillo, lles deu, nos deu, urbi et orbe.

As monxas e mailos clérigos fan votos de castidade. ¡Eu tamén, que non desexarei ningunha muller, ningunha das outras, nin guapa nin fea, que para iso xa teño, xa cobizo, unha estrela, a única que merece, e que ten, un E maiúsculo!

José de Espronceda, aquel tocaio meu, extasiouse contemplando que a lúa rielaba no mar... A miña Estrela tamén é Rielo, pero esta non riela no mar, que o fai nos meus ollos, incendiados polos dela, polos seus fogonazos. ¡Deus me faga merecente de ser alumado a perpetuis!

Este opositor, que opositará a pedir a túa man..., algún día!
Xosé María

7.
Volvín a encomendarme á Virxe María. Eu, modestamente, outro Xosé, ¡sempre con María!, que non son carpinteiro, pero si zoqueiro, algún día igual te levo a África, senón a Exipto polo menos á Occidental.

Este inverno, o próximo, volverei a poñer escola, ¡así sexa nas Quimbambas, e co que gañe, ¡facendo de Mestre sen selo!, penso ir para Lugo, unhas semanas, ademais de para verte, ¡así sexa de lonxe!, para aprender mecanografía e taquigrafía, pois con iso, cando cumpra os 18 anos, xa poderei ingresar voluntario, en Madrid, no Ministerio; e como aló seica hai academias que preparan para oposicións bancarias..., chegarei a ter un emprego que me valide para opositar ao teu casoiro. ¡Daquela xa verás que son de palabra, que as cumpro, que estou en camiño de ser o teu seguro servidor, que pide a túa man!

Pero antes de facerme mecanógrafo quero practicar moito a caligrafía, principalmente para que entendas ben o que che digo. O noso Cura, onte, na homilía explicounos unha, unha máis, daquelas recomendacións que nos deixou Xesús: "Por sus frutos les conocereis..." Ora ben, ¿a caligrafía non é tamén un froito dos nosos coñecementos e das nosas aptitudes? ¡Coido que si! Daquela unha Mestra, ¡futura Mestra!, está, ou estará, capacitada para analizar os caracteres persoais observando os caracteres da caligrafía persoal de cada quen. ¿A que aspiro? ¡A que me coñezas a fondo, e despois diso, de ben documentada, que te decidas a emparentar comigo! Daquela teño que esmerarme na letra para que a túa ditame sexa certa, atinada. Os erros matrimoniais poden levar á separación, que é outro tanto como caer no purgatorio, xa en vida!

Ti que es o meu Ceo, un Ceo anticipado, analízame ben, obxectivamente, espiritualmente, que iso tamén será un seguro para a túa felicidade,

Este opositor..., sen oposición,
Xosé María

8.
Estou no purgatorio, síntome no purgatorio. Ti fas unha carreira; eu, outra: a de que me aprobes, a de que me queiras. Os meus pecados foron as miñas fixacións noutras rapaciñas que non me satisfacían; serán virtuosas, non o dubido, pero non teñen o teu encanto, os teus..., os teus frechazos.

Miña nai, de cando a operaron en Madrid, tróuxome unha medalla da Virxe Milagrosa; ¡moito lle rezo para que faga comigo o milagre da túa aceptación, pois milagre será que te namores dun rapaciño sen carreira. ¿Sen carreira? ¡Non é exacto; estou facendo a de lograr o teu aprobado; o título xa o teño na carteira: as túas fotos! Non mas dedicaches, non mas firmaches, pero confío, espero o milagre, de que o farás dándome unha aperta, algún día. ¿Onde? ¿Que che parece na capela de Rois, na do Pazo de dona Paz, coas rúbricas, pola Igrexa, do voso Cura, e o rexistro que o firme o que sexa daquela Xuíz de Pol.

Do Purgatorio sáese perfecto, ou non se sae. A miña condena, auto aplicada, é, está sendo, dun ano, 52 semanas, 52 cartas. E a continuación, se me das o aprobado, ¡a Gloria! Teño en claro que casarme contigo vai ser un anticipo da outra, da outra Gloria, da eterna.

Un irmán de teu Avó veu casar para Bergland, cunha rapaza de Bergland; ¡eu quero devolvervos ese obsequio, en xusta, en grata reciprocidade!

Saberás que hai poderes irrevogables; eu tamén, tamén podo e tamén o fago, darche o poder de que sexas o meu ídolo, a miña estrela. ¡Amén!

Xosé María

9
Sigo matinando..., que o matrimonio é un Sacramento, e como tal, cousa divina, pero..., hai que merecelo; merecelo, cultivalo, e conservalo por días de vida! Eu ambiciono máis, aínda máis, que así llo pido a Deus: Que me conceda a túa man para non separala nunca das miñas, tanto Aquí Abaixo como despois na Gloria, na Eternidade.

Deus soproulle a Adán, e das súas costelas saíu Eva. "O home exclamou: -Agora esta é coma min, o mesmo óso, a mesma carne". ¡A muller igual có home; e o home igualiño cá muller, tanto nos dereitos coma nos deberes; a única diferencia está neses complementos que fan posible a nacenza das novas xeracións! Unha muller para un home, e un home para unha muller...; ¡parella definitiva, indisoluble, única!

O que Deus uniu, que non o separe o home. "El respondeu: -¿Seica non sabedes que o Creador os fixo varón e femia desde o principio, e que dixo: “Por iso deixará o home a seu pai e mais á súa nai, unirase coa súa muller, e serán os dous unha soa carne"? De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. Polo tanto, o que Deus xuntou, que non o separe o home. (Mateo 19, 4).

Outra: ¿Cal foi o primeiro dos milagres que fixo Xesús, mesmo ao comezo da súa vida pública? Pois, aló en Caná, nunhas vodas, converteulles a auga en viño..., para que celebrasen con ledicia o acontecemento!

Daquela, en consecuencia, se ti es desas mulleres que, coa mínima discusión, aceptan a separación matrimonial, aínda sen acabar de recibilas devólveme as miñas cartas pois, nunca me separarei de ti, nin desexo ser eu o separado: ¡nin separador nin separado! Para que isto resulte: ¡De discusións, nadiña; razoar si, sempre, que por algo e para algo seremos complementarios! Cando sementas trigo tamén pode saír, mesturado, algo de xoio; para evitar iso, estúdiame, a tempo, de antemán, que xa cho veño dicindo, dicindo e pregando.

Por hoxe máis nada, que con estas reflexións xa se fai, xa podemos facer, uns bos exercicios prematrimoniais.

Aos teus pés, miña señora, que seica é como se dicía, dicía e facía, daquela que inventaron o tratamento de "señora",

Xosé María
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES