No ano 2007, entre o Concello de Foz e a empresa Herbronce de viveiro, encomendáronme a misión de redactar uns textos de historia e turismo para facer uns enormes carteis que medirían 2,80 de alto por 1,45 de ancho, subvencionados por Terras de Miranda, ditos carteis, un total de 26, eran para colocar, tanto no casco urbano como nas parroquias.
A empresa Herbronce entregoume un papel escrito á man cunha serie de títulos por cada un dos temas a tratar en cada cartel.
Dáse a casualidade, que un deses murais informativos era dedicado ao recente canonizado Inocencio de la Inmaculada Concepción da parroquia de Santa Cilla para colocalo diante da casa patrucial nesa parroquia focega.
Para informarme da vida deste beato, fun á biblioteca onde había un libro dedicado a el coa súa biografía e canonización. E así me puxen a traballar no texto do beato e tamén do resto dos monólitos como Herbronce lles chamaba aos paneis.
Rematado o meu traballo, recibo unha chamada de Herbronce preguntándome se lles tiña todo o traballo feito e despois da resposta positiva, preguntáronme tamén, se lles tiña feito o do beato Inocencio Canoura, respondéndolles eu que si, que o tiña feito, pero a persoa da empresa Teresa Pérez Rodríguez, coméntame, que vaia pensando noutro texto distinto, "porque cremos, me dixo, que ese monólito para ese beato vai quedar descartado", pero que xa me avisarían de novo para confirmarmo.

Efectivamente, aos dous ou tres días, vólvenme a chamar Teresa de Herbronce e me di, que busque outro texto para ese monólito, porque o cartel para o beato Inocencio Canoura, queda definitivamente descartado "por orde de arriba", nunca souben onde era "ese arriba", despois imaxineime se sería da Lei de Memoria Histórica.
Eu nada preguntei das razóns polas cales se descartaba a historia deste beato, historia que a min me parecía interesante para poñer diante da súa casa, pois este beato foi asasinado polos chamados "roxos", e parecíame interesante entre outras cousas, porque na historia de Foz, apenas houbo veciños entregados á causa relixiosa, pois coido que en total non creo que pasemos de seis, tres monxas e tres cregos en toda a nosa historia.
Manuel Canoura Arnau (Santa Cilla do Valadouro - Foz (Lugo), naceu o día 10 de marzo de 1887 nesta localidade focega, o foi asasinado en Turón Mieres del Camino (Asturias), o día 9 de outubro de 1934. O seu nome como relixioso era Inocencio de la Inmaculada Concepción. Foi un sacerdote e relixioso pasionista, asasinado durante a Revolución de Asturias en 1934. Considerado mártir pola Igrexa Católica e canonizado en 1999 polo papa Xoán Paulo II. Xunto a Inocencio Canoura, foron asasinados outros oito frades pasionistas, que tamén canonizou o papa ese mesmo día.
Aos poucos minutos de darme a noticia Herbronce, chega o alcalde Xosé María García Rivera (PSOE), o cal me di "así que, o monólito de Canoura, queda descartado?", ao que eu lle respondín, "pois así me acaban de comunicar os de Herbronce". A resposta de Rivera foi "que conste que o Partido Socialista de Foz, non se pronuncia ante os feitos". Quedei como estaba.
Ao día seguinte, chegou a concelleira María Xesús Díaz Cao (PSOE), á miña oficina e díxome "así que, o monólito do meu veciño Canoura, quedou descartado?", ao que eu lle respondín "pois así me dixeron onte os de Herbronce".
A concelleira quedóuseme mirando e díxome, "pero ti, non sabes o por que, non?", ao que eu lle respondín "pois non. E onte estivo aquí Rivera facéndome o mesmo comentario que me fas ti, pero nada me dixo, so dixo, "que conste que o Partido Socialista de Foz, non se pronuncia ante tales feitos".
A concelleira que estaba xusto na porta da oficina, arrimouse ao marco da porta e díxome "pois voucho contar. Este Canoura tiña un irmán en Santa Cilla, que era socialista. Canoura, o relixioso, convidouno a pasar uns días con el no convento de Turón, pero nunca máis se soubo do seu paradoiro, sospéitase que foi asasinado xunto con outros, porque eran socialistas e neste caso, el delatado polo seu propio irmán o frade, hoxe canonizado, de aí, que a vinganza fixera efecto no convento de Turón e asasinaron aos oito pasionistas. Ambas partes tiveron moito que rascar".
Hai que destacar nesta cruel historia de Inocencio Canoura, subido aos altares polo papa Xoán Paulo II como xa dixen, que ao seu sobriño, fillo do irmán asasinado, nunca lle quixo dicir onde estaba soterrado seu pai, ou sexa, onde soterraran ao seu propio irmán asasinado. Negoulle ao seu propio sobriño o dereito de coñecer a sepultura ou enterramento de seu pai.