Rompendo o círculo
Cabada Castro, Manuel - domingo, 15 de septiembre de 2024
As culturas ou os pobos chamados "tradicionais" adoitan ver os acontecementos de forma cíclica. Algo así coma o que ocorre coa sucesión do día e da noite: despois da noite vén o día ou ao revés, pero sempre de forma máis ou menos igual e repetitiva. De modo que incluso tras morrer unha persoa, esa persoa podería revivir dalgunha maneira nalgún outro descendente ou noutra persoa concreta desa sociedade.
Un antropólogo e historiador das relixións romanés, chamado Mircea Eliade, escribiu moito sobre este modo "tradicional" de proceder caracterizándoo como o "mito do eterno retorno". As cousas e acontecementos repítense así indefinidamente e os que participan desta mentalidade desexan que iso sexa así. Por iso, canto se lles presenta como "novo" prodúcelles medo e angustia. En tal sentido fala el do "misoneísmo" desas sociedades, é dicir, do odio ou alerxia cara a todo o que significa cambio ou novidade nos modos de proceder.
Pois ben, a sociedade ou o grupo social no que viviu Xesús participaba tamén en boa parte desta mentalidade. Así se explica por que, ante a pregunta que lles fai Xesús aos seus discípulos sobre o que a xente pensa ou di acerca del, respondan con naturalidade que a xente di que el é algún dos profetas mortos que volvera á vida. Ben sexa o Bautista, que había pouco que fora decapitado por Herodes, ou algún outro profeta máis antigo. Opera aquí todo un círculo (entre vivos e mortos), algo así coma a pescada que se morde a cola. Deste xeito, para a xente tampouco Xesús escaparía dese círculo: os profetas viven, morren e reviven doutra forma na figura doutros profetas aos que lles ocorrerá o mesmo.
Pois ben, Xesús afirmouse sempre, polo contrario, como saíndose dese modo "tradicional", circular, de ver as cousas. A súa realidade non pertence, pois, a ese círculo férreo do que non se podería saír. El vén do Pai, el é "o" fillo benquerido polo Pai Deus. El non é un máis dos que xa viñeran ao mundo. El non é simple repetición de alguén anterior.
Algo deste modo de verse e de percibirse Xesús a si mesmo debeu de presentir Pedro cando á nova pregunta que lles formula Xesús sobre o que eles, é dicir, os seus apóstolos e discípulos, pensaban sobre el, responde en nome dos demais: "Ti es o Mesías", ou sexa, o unxido, o querido, o mandado por Deus Pai ao mundo.
Xesús é, polo tanto, para Pedro algo máis ca unha persoa corrente que xorde no mundo como repetición doutro importante personaxe anterior e que vive, morre e quizais poida revivir tamén pola súa parte noutra relevante persoa posterior. Non. Xesús pertence, si, á dimensión humana, ao "círculo" dos humanos, mais está tamén "fóra" del. El é así a palabra, a definitiva palabra que o seu Pai Deus dirixe nel ao mundo. E así como Deus Pai é infinito, super-infinito, misterioso e incomprensíbel así o é tamén esa palabra, Xesús, que segundo comenta Xoán, se fixo carne e plantou a súa tenda entre nós. Xesús e así humano coma nós, mais sáese ao mesmo tempo do círculo cerrado dos nosos pensamentos e concepcións.
Por iso Xesús, en canto imaxe viva de seu Pai, é e será sempre tamén "desconcertante" no que di e no que fai. Primeira mostra do desconcertante que é Xesús. Cousa que naturalmente non lle gustará moito ao bo de Pedro; máis ben, todo o contrario. Unha maneira de saírse Xesús do normal, do estabelecido, do que poderiamos chamar "politicamente correcto" é o de que el se sae por onde menos o imaxinaría Pedro. Efectivamente, Xesús anúncialles o desastrosas que van ser para el a vida e a morte que lle esperan. Debeu de ser moi clariño e explícito nesta descrición do que lle esperaba, pois Marcos comenta ó respecto: "E dicíao con toda claridade". Non deixa desde logo de resultar tráxica e case algo cómica, se non se tratase de algo tan importante, a responsabilidade da que aparenta revestirse agora Pedro ao chamar a parte Xesús para intentar convencelo, "rifándolle", de que se deixase de tales insensateces.
Claro que Pedro tiña razón desde o "politicamente correcto", mais eses son os camiños e os modos humanos de vermos nós as cousas, non as "miras de Deus", tal como llo advirte o seu Mestre ó se dirixir a el cun alcuño nada suave ("Satanás"), que a Pedro lle debeu de cortar automaticamente a fala.
Xesús non veu a este mundo, para garantirnos unha vida plácida, harmoniosa e cómoda, senón para aprendernos como levar unha vida digna, xusta, respectuosa e amorosa con todos, a pesar dos sufrimentos e contratempos que nos poidan vir (e nos virán) dun lado ou doutro.

Cabada Castro, Manuel