Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Preguntas ante as contradicións do sistema (V)

Sampedro, Pilar - jueves, 26 de septiembre de 2024
Turismo e consumo. Lingua e respecto.

Como consumidores non sempre somos tan responsables como deberiamos: non mercamos atendendo ao que pensamos noutras facetas da vida, máis alá do momento de estirar a man e coller o produto. Por exemplo, gústanos a beleza, seguramente a maioría das persoas que viaxan a Santiago o fan pola fermosura do lugar, pero á hora de facer as súas compras destrúen ese encanto e enchen a cidade de comercios horribles de "todo a cen", porque de aí saen os recordos que queren levar. Preguntas ante as contradicións do sistema (V)Preguntámonos unha e outra vez a razón pola que proliferan as tendas de regalos horrendas e pechan aquelas que escollen o que venden con gusto, aquelas que constrúen espazos dignos... e a resposta non pode ser máis clara: a xente prefire estes lugares porque pensa que son máis baratos e que ademais aí, dentro, poden atopar tesouros agachados que a xente que os vende (como non semella moi ben dada) non controla. Como nos anticuarios nos que uns e outros semellan querer enganar, nun xogo de argalleiros que se pillan as mans. Cada vez que pasamos por unha boa tenda, tradicional e con gusto, sabemos que vai durar pouco. Cada vez que vemos produtos que responden a un interese cultural nun escaparate, sabemos que non vai ir adiante, que acabará caendo e sendo ocupado polo mal gusto que todo o invade. Dicía un meu profesor: un día de pronto saes á rúa, miras o teu barrio e notas que xa están aí, como invasores que todo o ensucian, chegaron os donos do comercio "chino" e ocuparon o espazo que fora gardado dende antes de nacermos.

Nun lugar como Galicia onde o alimento non pode ser mellor, onde a cociña é case paleolítica de tan boa que non precisa máis que a mínima preparación, a súa capital, Santiago, está chea de establecementos de restauración doutros países. Semella un chiste. Virán ao ceo buscando o inferno, encherán de plástico as rúas de granito, cores "charramantes" e letreiros horribles no medio da cidade medieval. Encherán de lixo o paraíso... e ninguén dirá nada. Mirarán para outro lado ata que non teñan cara onde mirar; daquela pecharán os ollos, ou non, xa estarán tan acostumados que adorarán ao santo do nefando. Aínda peor, imos mercar leite e non sempre collemos o do país, o que etiqueta en galego, o que apoia a cultura galega. Pásanos o mesmo co viño e xa non podemos dicir que non sexa bo... Pagamos os produtos que veñen de lugares afastados consumindo enerxía a mans cheas nese transporte transoceánico en lugar de consumir o de proximidade que lle dá traballo á nosa xente e ao tempo aforra ese combustible que está matando o planeta.

Xa non nos asusta matar mares, transformar o país nunha leira de eólicos, continuar coas celulosas (ai, ese galego que sendo presidente do goberno saínte de España se atreveu a darlle 50 anos de continuidade á celulosa dunha cidade que sen dúbida podía vivir doutra cousa). E a alguén lle pareceu mal que o declararan persoa non grata, pero isto aínda pode ser peor, se en google pos Rajoy e Pontevedra as primeiras dez noticias falan da agresión dun familiar enfermo en lugar de facer visible este asunto no que el golpeou a toda a cidadanía.

Producir en masa para abaratar custes, fabricar o pensado para ser vendido a grandes masas de persoas, as "baratijas", a imitación, o artificial ata na luz excesivamente branca do local, a busca da falta de estilo e do horrendo non pode ser gratuíta; seguramente está buscado para facernos peores porque o contrario fainos superiores: mellóranos.

Cal é o noso poder? Unicamente o voto e a compra! Se non o exercemos responsablemente non temos dereito a queixarnos. Votamos contra nós, mercamos contra o país e o planeta. Daquela... non temos dereito ao lamento.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES