Boa tarde a todas as persoas que, ilusionadas e emocionadas, acudimos hoxe aquí chamadas pola memoria de Manuel María.
Foi moi agradable compartir o xantar, recitado de poemas, ofrenda a unha persoa tan querida e, agora, participar na entrega da "navalla do Manuel" a Luís (Fernández Guitián): moitos parabéns. E a Fina, María ou María José (Neira Maseda) que hai tan só uns meses que non está físicamente entre nós, pero que na memoria -e no corazón- segue e seguirá a acompañarnos.

Para achegarvos a súa traxectoria, chamoume Alfonso hai un par de meses. Caro me custou combinar palabras para expresar sentimentos artellando un texto que estivese minimamente á altura dunha muller tan grande, e á vez tan humilde, como foi María.
Consciente de que é merecedora de moito máis, pero incapaz de plasmalo mellor, paso a compartir con vós estas humildes palabras.
MARÍA JOSÉ NEIRA MASEDA
Naceu na casa, en Muimenta da Terra Cha, no mes de maio de 1960. Contan que foi un parto longo e difícil, pero unha vez tomada a decisión e coñecendo a súa tenacidade e capacidade de loita, era visto que non ía dar marcha atrás.
Agardaban por ela Matilde e mais Rosendo, moitas amizades e tamén unha extensa familia á que non dubidou en encher de coidados cando o precisaron.
Nos seus primeiros anos en Muimenta, sendo adolescente en Barcelona e de volta en Lugo aos dezaseis, María íase facendo cada vez máis consciente de que a este mundo que habitaba era preciso darlle unha voltiña para facer del un lugar máis xusto, igualitario e acolledor.
A iso, a contribuír activamente nesa transformación, dedicou gran parte do seu tempo, dos seus coñecementos e capacidades, da súa alegría e bo facer durante os case sesenta e catro anos que tivemos a sorte de tela entre nós.
As loitas en solitario son máis difíciles de librar. Consciente diso, e xa desde ben nova, contou con Lois como eterno compañeiro co que facer unha fronte común nesa pugna por conseguir un mundo mellor. El mudou o seu Guitiriz natal, o seu Corvite de Arriba

na parroquia de Buriz, polo fogar común que crearon en Muimenta e ao que non tardou en sumarse o seu fillo Iago.
Desde ese núcleo seguro, sólido e desbordante de cariño, María foi quen de desenvolver unha vida marcada polo crecemento persoal no ámbito profesional e pola súa gran contribución a esa sona que ten Muimenta como lugar de grandes proxectos comunitarios que parten da veciñanza.
No profesional foron moitas as horas dedicadas a mellorar a súa formación na rama da contabilidade e tamén moito o tempo traballado na tenda de comestibles que por aquel entón rexentaba xunto con Lois. Esa capacidade de esforzo e tenacidade levouna a ser quen de cumprir un dos seus soños, o de emprender como xestora na súa propia asesoría: Suliña.
Se o tema da contabilidade e os seguros eran a súa paixón, non o era menos o activismo social que practicou ata os últimos días da súa vida. Foi unha peza importante para poñer a andar a primeira ANPA do colexio de Muimenta; constituíu un piar fundamental na Asociación Cultural e Veciñal; María presidiu tamén a Asociación de Empresarios e pertenceu a cinco comisións organizadoras de MOEXMU (Feira de mostras e exposicións). Xa en Lugo, foi unha persoa comprometida activamente co Colexio de mediadores de seguros formando parte da súa xunta de goberno na que exerceu como tesoureira ata esa baixa forzosa que tivo lugar hai tan só uns meses. Ademais, cómpre sinalar o seu compromiso co BNG sendo parte activa desta formación política a nivel comarcal durante máis de trinta anos. A María gustáballe lembrar que o detonante deste activismo fora a súa participación nun acto reivindicativo que tivo lugar na Mariña en maio de 1979. Ese día, arredor de dez mil persoas colléronse das mans formando unha cadea humana que se estendeu entre Xove e Viveiro. Acción que contribuíu a paralizar o proxecto de construción dunha central nuclear na primeira destas localidades. Aquel día, con forza e ilusión, aferráronse vinte mil mans e entre elas as de María e as de Lois, pero tamén unhas manciñas ben pequenas que comezaban a se formar no seu seo.
E María seguiu dando a man a quen a precisou. Cando non podía chegar, mandaba recado aínda que só puidese ser en forma de aportacións económicas. Así, foi socia colaboradora dunha chea de entidades que teñen entre os seus obxectivos a defensa do ecoloxismo e mais dos dereitos humanos, marcadamente dos da infancia.
Parafraseando ao escritor Pepe Arias, recollo a súa coñecida cita: "Só morren as persoas que son esquecidas". Estas palabras lévanme a agradecer infinitamente á Irmandade Manuel María e a Xermolos ter reparado na nosa querida veciña e amiga para recibir a "Navalla do Manuel" con todo o que iso significa.
Coa navalla e mais con María, seguiremos a compartir o pan, o queixo e mais a vida celebrando cada un dos pequenos logros aos que ela contribuíu e dos que segue a ser partícipe a través da súa pegada que permanecerá para sempre na nosa memoria e nos nosos corazóns.
Moitas grazas!
Palabras de Sabela Núñez Singala na entrega de "A navalla do Manuel" a María Xosé Neira Maseda, a título póstumo, o 8 de setembro de 2024 en Outeiro de Rei.