Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Menciñeiros, capadores e albeites. Vacas, feiras, tratantes e moinantes (42)

Otero Canto, Xosé - viernes, 20 de septiembre de 2024
Na Feira de Monforte

Antes, a feira estaba case no medio de Monforte, era unha feira cerrada con casas por unha beirarrúa, muro por outras dúas partes ademais da zona pola que se entraba, formando así as catro partes laterais coas que se pechaban os murmurios dos feirantes. Había unha pista polo medio e para un lado estaban as vacas e para o outro os cabalos e as ovellas, e cerca das vacas estaban os cochos. Menciñeiros, capadores e albeites. Vacas, feiras, tratantes e moinantes (42)Os tendeiros colocábanse todo ao redor da feira, aínda que o polbo estaba tamén ao lado das vacas. Isto ocorría aló polo ano mil novecentos oitenta e cinco aproximadamente.
A feira de Monforte cae o día 24 de todos os meses, mais eu cando caeu o día 6 fun á feira a Sarria, pois as feiras en Sarria son os días 6, 20 e 27, e merquei unhas cinco vacas, e no medio delas viña unha que lle daba a gota, despois, contra o día 14 fun a xunto do home que ma vendera, que era de cerca de Monforte. Díxenlle o que me pasara coa vaca e eu levaba dous certificados do veterinario conforme lle dera a gota, habendo tamén testemuñas de que viran á vaca dándolle o mal. Ao primeiro negábase a collela, mais cando lle ensinei os certificados e lle dixen que o ía denunciar, contestoume que lla levase para o día 24 á feira de Monforte.
Así o fixen, e, estando na feira, xa en Monforte, o día sinalado, busquei ao home que ma vendera e díxenlle que tiña alí o camión coa vaca, vai o home e meteuse dentro do camión para mirar a ver como ía a vaca, eu metinme detrás del e recordeille que me tiña que volver os cartos e que baixara a vaca. Naquel intre volvéuseme negar a collela e eu volvín dicirlle que ma tiña que coller, senón que non me mandase levala a Monforte, ademais que eu tiña os certificados conforme a vaca non valía e que daquela mesmo o ía denunciar á Garda Civil. El levantou de caxata para pegarme e voume eu e collín a tranca que tiña o camión para pechar a porta de atrás da caixa do gando e con ela pareille a caxata que viña dereita á miña cabeza, parándolle tamén o golpe. A xente que pasaba quedouse toda mirando, a Garda Civil foi alí ao ver tanta xente xunta e eu comenteille o que pasaba e ensineille os certificados de dous veterinarios conforme á vaca lle daba a gota. E nestas díxolle a Garda Civil ao vendedor:
- Ten que coller a vaca por lei e se non o fai, nós certificamos que vostede se nega a recollela.
O home quedouse un pouco calado no medio dos barullos que trataba de facer para non recollela. Proseguiu dicindo a parella da garda civil:
- Nós temos a obriga e o deber de denuncialo, así que faga o que queira. Nós imos escribir agora e desde que o fagamos ímolo poñer por "rebelde" ao non querer collela e, a este señor, ao que lle mandou traer a vaca, son dúas denuncias; unha, a da vaca que lle dá a gota cos seus certificados e outra, a de mandarlla traer á feira cos seus gastos correspondentes, e despois, a ver como se entende vostede.
A mesma garda civil díxome a min o seguinte:
- Cerre ben a porta do camión e péchea porque pode dicir moi ben que a vaca viña mancada (se é que a manca el ou un amigo seu).
Así o fixen e cada pouco miraba para o camión, por se acaso.
Aló pola tardiña baixa, cando ía saír coa vaca de volta para a miña casa outra vez e denuncialo para o día seguinte, aparece un fillo seu que me dixo:
- Vou levar a vaca porque vén aí o papá para darche os cartos.
Eu contesteille.
- Non, non se abre a porta do camión ata que me deades os cartos porque eu deille ao teu pai cento sesenta mil pesetas por ela.
Contestou o pequeno
- Espera que vou a xunto do meu pai que me dea os cartos que eu logo volvo.
O home non lle quixo dar os cartos ao fillo e díxolle
-Que espere! Que xa vou agora!
Eu esperei un pedazo a que chegase o home, pero antes xa eu chamara a garda civil para que estivese presente teméndome que tívesemos un lío. Ao pouco aparece a garda civil, que lle dixo:
- Entréguelle os cartos a este home porque xa o vimos mirar a vaca antes, e a vaca está ben porque está remoendo e non ten ningunha ferida e se non a quere coller que se marche o novo dono e acóllase vostede ao que lle diga despois o xuíz.
Vaise o home, sacou os cartos e deumos diante da garda civil, que dixo:
- Suba ao camión, (díxomo mirando para min) e baixe a vaca, entréguella a este señor e que se vaia, mais debe pagarlle antes o porte, se é que llo quere cobrar.
Eu fixen mal como sempre, perdoeille os gastos do porte e eu moi contento por desfacerme da trampullada e do home que de mal nome lle chamaban O Gafo de Bóveda.

(Continuará...)

Texto: Xosé Otero Canto
Ilustracións: María Guerrero
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES