A Navalla do Manuel para Luis de Sober
Rajo, Manuel - miércoles, 11 de septiembre de 2024
Coñece "As Naias" na parroquia de Bulso, pero tamén coñece ben as outras dezaseis mámoas que hai no seu Concello, Sober. Estou a falar deste home que é Luis Fernández Guitián, para Manuel, para Saleta, para min e para moitos que o aprecian é "Luis de Sober". Ao meu entender, queda completamente identificado.
Non fai moitas datas, recibo unha chamada telefónica do amigo Alfonso Blanco Torrado que despois de atencionarnos como é debido faime o encargo de dicir unhas palabras sobre o mencionado "Luis de Sober", co gallo do acto que estamos a celebrar. Resumindo, un amigo encárgame que fale sobre outro amigo común. Aínda que non son o mais indicado para este menester, debido á costume, penso que boa costume, de ser amigo do amigo, aceptei o encargo de bo grado e aquí estamos.
Falar dun amigo non sempre é doado, ou si. Sinalar as virtudes dun xeito ecuánime sería o correcto, pero dar co punto de equilibrio require tempo e destreza. Agardo no exaxerar as súas virtudes, pero movido por esta ecuanimidade, tampouco quero caer no contrario.
Aristóteles dicía, "o desexo de ser amigos é un traballo rápido, pero a amizade é unha froita de maduración lenta". Luis sabe, que sen ter presente a frase antes citada, no noso caso cumpriuse.
Creo que quedou claro de onde é o Luis. Dos anos que carrexa non vou a falar, só dicir que ten tres menos ca min, aínda que os leve peor (aquí pode haber división de opinións). Este músico, con carreira de Maxisterio pola Escola Universitaria de Ourense, foi mestre do Conservatorio de Música de Ribadavia e creou e dirixiu a banda xuvenil de música. Logo foi mestre no Conservatorio Profesional de Música de Pontevedra, onde tamén dirixiu a banda do centro. Pasou despois ao Conservatorio Profesional de Música de Ourense, onde foi mestre de clarinete e clarinetista da Banda Municipal de Ourense. Foi director da Banda e da Escola de Música de Sober e tamén creou a Banda Xuvenil de música. Creou os Encontros Musicais da Ribeira Sacra e O Baile á luz da lúa, entre outros.
Foi correspondente en Sober do xornal El Progreso e da Axencia EFE.
Ademais foi quen de cantarlle ao amor, mellor ao seu amor, Laura (hoxe súa dona), e ademais facelo por escrito en "Poemas a Laura" (2002).
Tamén o podemos atopar como co-fundador da Feira do viño de Amandi (1981) e logo na creación da Feira da Rosca, cousas que persoalmente lle agradezo, pola querenza que teño polo viño que como dicía Séneca "lava inquietudes" e pola rosca de Sober, auténtico manxar.
Non me corresponde a min valorar os méritos polos que o fixeron acredor da "Navalla do Manuel", pero si quero dicir aquelo, polo que entendo que non se equivocaron na elección. Luis coñeceu e tratou a Manuel e Saleta. Compartiu cousas con eles, outras non, pero sempre se comportou como un bo amigo. Defendeu dende sempre o noso idioma, algo que non é negociable. Algunha vez me ten dito, que ten que defendelo porque non sabe falar outro distinto, anque penso que esaxera un pouco, pero tampouco moito. Ama sobre tódalas cousas, Sober, despois evidentemente dos vínculos familiares e das amizades. Ama a Galiza. Gusta do viño. O 9 de marzo de 1991, no castelo de Vilamarín en Ourense fundamos a Irmandade dos Vinhos Galegos, no que nomeamos Druída Maior e Roi Xordo (recordando ao fundador de Irmandade Fusquenlla alá polo 1431) perpetuo ao noso Patriarca da Literatura Galega, Manuel María. Luis, no seu día pediu a entrada, e logo das deliberacións e cacicadas pertinentes foi admitido, acompañándonos dende aquela até hoxe.
A súa traxectoria, a súa forma de ser e de proceder, a súa sensibilidade, a seu amor á música, o seu amor aos amigos/as, o seu amor a Sober, o seu amor a Galiza pero sobre todo o seu amor ao viño (dicía un home da miña tribo, Xusto, gusta do viño, é bo home), fai de Luis un home bo e xeneroso que sen lugar a dúbidas merece a navalla da que vai a ser un honesto propietario.
E para rematar, nesta carballeira de Santa Isabel, ao pe do pai Miño, e baixo a atenta observación de Manuel e Saleta, seguro de que contentos de ver como os recordamos, quero acabar cunhas palabras do Manuel referentes á (1) navalla, "para min a navalla é un instrumento de uso indispensable. En primeiro lugar serve para cortar o pan e o compango. Serve para cortar unha vara e andar polos camiños. Incluso, se fai falta, para meterlle medo a un semellante". Agardo que o amigo Luis, corte o pan e o compango, e corte varas, pero que non teña a necesidade de meterlle medo a ningún semellante. Dixen.
NOTA:
(1) A Faíña, A Xamona (en Barallete, lingua dos afiadores).
A Esgilodeira (na Verba dos Arxinas, canteiros).
A Faquexa (no Latín dos Chafoutas, albaneles).
Todas xergas, argots, vinculados aos oficios na Galiza.
Palabras de Manuel Rajo na entrega a Luis Fernández Guitián, de "A Medalla do Manuel" en Outeiro de Rei, no cabodano de Manuel María, o 8 de setembro de 2024.

Rajo, Manuel