Privilexios duns poucos a conta dos dereitos da cidadanía
Outro aspecto a repensar serían eses privilexios duns que lle quitan os dereitos á maioría. Sei dunha Casa da Cultura que non abre en horario de tarde porque a persoa que traballa nela pediu horario de mañá e concedéuselle. E, por que non darllo se así rematan coa cultura? Evítase, desta maneira, que a xente que traballa poda ver exposicións ou asistir a algún acto cultural? Para que manter a cultura se é superflua (semella dicirse coa boca pequena)? Si, algún conseguiu os seus dereitos a conta de todos nós e contra todos nós; logo dirán aquilo de que ela non dixo que non

contrataran a outro... Noutros casos, os conserxes dos institutos -por exemplo- piden todos as mesmas horas non quedando ningún para cubrir as actividades que poden ter lugar no horario de tarde noite ou en fin de semana, co cal temos moitos auditorios que a comunidade educativa non pode utilizar pero, a quen lle importa? A dirección faille favores aos traballadores a conta do erario público, por que non lles paga do salario propio? Hai tantos asuntos que deixamos pasar... tantos nos que decidimos facer favores co que non é noso, tanto no que retiramos dereitos á cidadanía a conta dos favores que nós facemos... pero, a quen lle importa? Pois a todos/as!
A conciliación, que gran palabra! Claro que queremos que todo o mundo concilie cos coidados (de pequenos/as e de maiores -porque eles tamén precisan coidados-, de enfermos/as e necesitados/as) pero iso non pode implicar deixar os servizos en mínimos e sen atender ao público. Para poder atender ó particular, deixamos o común á intemperie? Ben sabemos o que iso significa, o público non ten valor, o funcionariado unha vez que supera a oposición pode traballar segundo o seu parecer, mentres que as empresas privadas se gardan moito deses "pormenores". Xa verán elas a quen contratan... Dirán: realmente sexamos serios, se temos que contratar a alguén veremos cal é a súa situación, se menstrúa ou non, se pode ter fillos ou non... e tomaremos unha decisión. Si, nada disto é correcto, pero a empresa é negocio e non está pensado para facer favores senón para conseguir dividendos, quen non o entende? Polo tanto, os dereitos serán para as persoas que traballan para a Administración ou para o que paga o público, ningunha empresa se vai dedicar á solidariedade se non se lle obriga e xa irán tentando a quen teñan que facelo para conseguir non pagar e si cobrar.
O teletraballo instaurouse coa pandemia. Iso significaría que a xente que o utiliza traballa por obxectivos, resolve o planificado e faino ben, non se trata de ver se está conectado senón de que o traballo se realice. Asisto cada día, dende a miña fiestra, ás colas diante dunha entidade pública que o que fai é darlles un teléfono para que soliciten cita en Madrid; están aí, pero non lles mandan pasar para atendelos nin lles dan a cita senón que han de pedila telefonicamente. Atenderanche dentro de tempo porque moitos teletraballan, e cando entras... aquilo é un balneario. O funcionariado está contento e ata te trata ben, non sei se resolven (creo que moitas veces non o fan) pero dan bo trato e ás veces xa case chega. O teletraballo veu para quedar porque o obxectivo seguramente sexa acabar co público, pasar todo o posible a mans privadas, privatizar os servizos.
Dende a miña casa observo un par de edificios públicos. De vez en cando temos que ver como alguén deixa as luces prendidas nun destes espazos, ás veces sucede toda unha fin de semana. Preguntámonos: É que ninguén é responsable de apagar cando marcha? É que teñen un acordo coas compañías eléctricas para que paguemos sen necesidade dende a Administración? O cabreo vai en aumento: farán o mesmo na súa casa? Isto lémbrame unha compañeira que tiña fama de moi despistada na escola, tanto que algunha vez chegou a perder os exames do alumnado -porque lle quedaron encima do coche cando o prendeu- e cousas polo estilo, todo o mundo a trataba con condescendencia... pero un día coincidín nun aeroporto con ela a toda a súa familia, a que non saben quen se facía cargo dos billetes e equipaxe, quen levaba a organización? Pois si, a que no traballo ía "descansada" na casa era quen o dispoñía todo. Cousas que pasan.
Permitimos que isto suceda, si, sen dúbida. Deixamos facer como si non fose con nós. Como cidadáns non reclamamos todo o debido. Como traballadores/as toleramos que o noso traballo tape o que non fan outros; por corporativismo non denunciamos aos que rouban do público con toda a desvergonza, incluso chegamos a ver como estes acosan aos compañeiros que traballan porque os deixan en evidencia.