Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Preguntas ante as contradicións do sistema (III)

Sampedro, Pilar - jueves, 12 de septiembre de 2024
Da liberdade de expresión, promesas electorais e fake news. De dereitos e educación

Que son as "tertulias" que vemos a través da televisión ou escoitamos pola radio? Que son os informativos que pasaron do formato de conferencia a mesa redonda, nos que comentan e falan en vez de dar a noticia e deixar que ti penses, ou darche os datos e non opinións para que te fagas idea. O colmo é cando falan (sempre) uns por riba dos outros e o máis que se din é "eu deixeiche falar a ti". É que non é iso, é que non se pode falar e escoitar ao tempo, é que iso é a lei da selva na que se escoita ao que ten a voz máis forte ou é máis insistente (xa se preparan para iso) non ao que ten a razón; escoitase ao que ten máis capacidade de evadirse e escoitarse a si mesmo sen oír aos demais (que case sempre coincide do mesmo lado da balanza). Todo este ruído impide a comunicación e o coñecemento.

Está tan estendido este sistema (de falar todos a un tempo) que se vai trasladando ao mundo real de forma que de vez en cando xa che pasa cos coñecidos e incluso coas amigas e non sei como poderán facer na escola para que a rapazada non siga esta moda que é a que sae por imitación e por estar valorada a través dos medios de comunicación. No fondo estamos falando da defensa da incomunicación, da perda de empatía, o egocentrismo polo que un se escoita a si mesmo e cre ter a razón sen poñela en contacto coa razón dos demais. O profesorado a traballar a asamblea de clase, a ensinarlles a pedir a palabra, a falar de un en un, a escoitar aos demais, a axustarse ao tema e non repetirse, a sistematizar o discurso... para que cheguen á rúa e encontren isto.

Se todos queren ser you tubers ou influencers, futbolistas famosos ou modelos, por iso, como van valorar a educación e a aprendizaxe? O esforzo por aportar valor á sociedade en lugar de frivolidade? As mulleres dos políticos son influencers (non mentimos, léase presidente de Vox ou presidente da Junta de Andalucía) e non senten vergoña de dicilo senón todo o contrario. A escola contra o mundo e por riba dirán que ten que divertir e, ao tempo, falarán do valor do esforzo.

Si, falar todos a un tempo, moita letra e pouca información, a chamada protección de datos... todo buscado, todo planificado para que cada vez o mundo sexa un lugar máis escuro e menos diáfano.

A educación non pode ser unha illa, como a utopía dos escritores/as. A educación está inmersa na sociedade e non pode defender uns valores contrarios aos que a sociedade valora, do contrario estamos enganando á rapazada. Dicímoslle hai que ser ovellas e entregámolos a un medio no que se ven atacados, en todo momento, polos lobos que os rodean.

Houbo un tempo no que tentabamos que os centros de ensino fosen o máis democráticos posible, alí exercían os dereitos e reclamaban. Cando saían, o mundo do traballo explotábaos e acababan convertidos en cordeiros mansos que non protestaban. Era incomprensibles e non o podiamos entender. Aqueles que esixían deixaran de facelo, os que nos esixían ao profesorado obedecían sen protestar ao empresariado.

Que pasaría se cando os políticos chegan ao ecuador do seu mandato tivesen que dar conta á cidadanía e non aos adversarios doutros partidos? Que pasaría se cando rematan o mandato tivesen que explicar a razón pola que non cumpriron as promesas electorais? Como se pode permitir que prometan a lúa se non achegan nin unha vela?

Que pasaría se en lugar de falar ou escribir para o X (antes twitter) traballasen para o común? Non estamos interesados en ver quen é máis listo, quen contesta mellor ao outro, senón en ver quen goberna mellor, a favor da cidadanía. Cada vez que un político ou un xornalista di unha mentira debería ser xulgado sen necesidade de denuncialo cando sabemos que o fai por cuestións ideolóxicas ou de mala fe. Cada vez que alguén pon en marcha unha fake news ou alguén lle dá continuidade sen indagar o que hai de verdade, debería pasar polo xulgado... e igual o mundo era un pouco mellor.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES