Fodechinchos, verba e actitude
Santalla, Iago - miércoles, 11 de septiembre de 2024
Hoxe vouma xogar e, probablemente, perda. Probo sorte co azar moi a miúdo e non acostuma a sorrirme. Polo que sexa, non lle caio ben, mais eu recunco nel procurando facer un bo amigo. Hoxe heille dar unha volta máis e asumo o risco de pensar e dicir que aló por decembro a RAG dará a nova de que "fodechinchos" é a verba do ano.
O malo é que fodechincho define unha actitude e isto significa un comportamento fronte a unha realidade. Para min, ser turista significa ir a un lugar descoñecido con mente aberta e con desexo, non só de coñecer a realidade física senón a realidade social e cultural. Acostumo a fixarme moito nos carteis que anuncian actos, nas programacións culturais ou, no caso de haber festas, nos espectáculos de rúa. Todo me gusta? Claro que non pero teño respecto polo xeito de ver a vida dos demais e non teño afán de impoñer o propio.
Volvo a miña realidade e moitas veces observo no turista certa altivez que lle impide ver o que eu vexo ao saír fora como turista. Esa actitude aberta, de esponxa que intenta aprender doutra realidade, ás veces, bótase en falta, sobre todo nas redes sociais onde abunda o fodechincho soberbio que intenta sentar cátedra en cada terra que pisa como se do papa se tratara.
Pois ben, cómpre lembrar que o papa só é infalible en cuestións de fe. Polo tanto, non hai ninguén infalible en todo e crerse infalible é negarse ao propio coñecemento e, polo tanto, á evolución persoal.
Precisamos un turismo con mente aberta e respectuoso co medio. Non soberbios que veñan contarnos o que vemos todos os días tomándonos por imbéciles e aproveitándose de nós. Como dixo Celso Emilio (a quen nunca se pararán a coñecer) a Galicia sóbralle esterco e ben bo que o ten.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora