Encontros
Quedei cun escornabois no cruce de camiños das Pedradarcas. Non apareceu; pese a que o esperei media hora máis do debido. Con quen si me atopei foi cunha doniña no Formigueiro. A esta non lle fixen caso polo detalle ese de que non quedara con ela. Eu só me confío, só me abro con quen quedo. O meu veciño Filomeno quixo coller un día o tren na estación de Baños de Molgas para que o levase a Ourense, pero como non soubo abrir a porta do vagón, quedou en terra, é dicir, na plataforma,

esperando a velas vir. Puido coller o autobús, pero dixo que el só viaxa en tren ou en catamarán. De rapaz só viaxou en burro e, unha vez, no lombo dun carneiro vello.
Eu quixen viaxar unha vez a un foguete espacial que botaban desde o Outeiro do Corno, moi cerquiña de Os Milagres, mais como non levaba o traxe de astronauta, non me deixaron subir. Custándome ir buscalo ó faiado da miña casa, case preferín quedar en terra. Quedei.
A miña veciña Saladina pediulle permiso ó cura para cantar no enterro da súa amiga Inocencia. Este non llo concedeu. Díxolle que ós enterros só se ía rezar polos defuntos, e non a cantar. Porén, Saladina botouse fóra da igrexa e do cemiterio, aganchou, agatuñou ó alto dun canastro da Aira de Arriba e cantou catro habaneras. Era tal a Saladina coma para que lle negaran os seus desexos.
Ó final parolei cun sapoconcho que se estaba a bañar na fonte da Lameira. Si, con este quedara máis tarde. E non me fallou. Botamos un bo cacho contándonos a nosa infancia. El é moito máis vello ca min. Xa tiña polo menos 100 anos cando eu nacín. Moito máis vello. Vaiche boa!
Quixen...
Quixen abrazarme ó silencio. Eu era o silencio, son o silencio. Como tal, paso amodiño polas corredoiras dos sentimentos e deixo que a penumbra escureza ou ilumine o recanto da memoria. Esa memoria na que bule un fío de consolo ou unha reata de esperanzas baixo un nobelo de cor branca.

Todo o que foi aínda está e o que está, será ou non. Todo baixo o silencio dun asubío o sobre o barullo dun longo ergutío. Todo flúe dos recantos dos pensamentos, aqueles que multiplicaron a nostalxia da infancia pola señardade da adolescencia. O resultado aínda está hoxe en suspenso. Como unha película de Hitchcock, como una novela de detectives.
Quixen bicar os obxectos da penumbra, pero a luz descubriume finalidades incertas e a escuridade non me deixou ver o coiro suave do desexo. Quedei na metade dun soño, bambeando sobre unha ilusión aleatoria. Que ninguén pense que, das gaiolas, se sae facilmente.
Todo o que abarca o silencio é como unha chaira na que as inspiracións corren sen atrancos e buscando a meta que se atopa no medio do bosque do devezo. Nada de obstáculos, nada de arrodeos; todo de fronte e penetrando con forza, con ansia e con gozo. Porque hai lagoas nas que se afunden as ganas.
Quixen folgar en silencio. Pero é imposible. Os latexos petan no peito e obríganme a iniciar movementos... cara á ese futuro que será ou non será, cara á ese tempo tranquilo, manso, que estará ou non estará, e cara á esa ilusión núa que, esta si, seguro que sempre brillará. Quixen alcanzar a gloria no silencio. Non me importa alcanzala con barullo, con rebumbio, con boureo.