Baixando pulsacións
Baixei as pulsacións co blues que Vangelis compuxo para "Blade Runner" e, amodiño, deixei que o momento empreñase co silencio da señardade. Xa chegará a hora na que a subela furgue no coiro da realidade. Esta, ás veces, quizais moitas veces, é dura. Porén, sempre saberei aliarme, mancomunarme cos soños nos que, a fantasía, vai moito máis alá incluso da verdade.

Xa tranquilo, baixo a quietude dunha treboada que pasou (ó mellor só na miña imaxinación), asubío un tema de Morricone que me manda a aqueles lugares nos que unha traizón resolvíase nun duelo de miradas e con moita música de fondo, e nos que unha verdade asomaba tras as reses soltas dunha pradaría inmensa. Puro Oeste!
Agora, pasada a imaxinación, a figuración, a fantasía, deixo que a vida flúa por entre un rock and roll nostálxico e cheo de movemento nos apousentos de Graceland. Sempre hai lóstregos de tempo que iluminan as ansias dunha aventura mitolóxica. Mellor sería filosófica, pero a filosofía non está para desenvolverse entre temas musicais cinematográficos. Cada quen que lle poña música á súa propia película, ó seu recanto de vida.
Baixei as pulsacións co tema de amor que Vangelis seguiu compoñendo para "Blade Runner" e, practicamente durmido, deixei que o instante empreñase co silencio da melancolía. Sempre chegará a euforia por un asubío detrás doutro asubío e por un rock and rollo detrás dun blues. Eu, por de pronto, bailarei baixo a penumbra dunha fantasía.
Feixe de ideas sobre o lombo
Un feixe de ideas sobre o meu lombo que, seguro, non saberei espallar nin explicar. É igual; o caso é cargar con algo, aínda que só sexa coa culpa... ou coa esperanza. A esperanza pesará menos; é máis lene, máis avelaíña. Penso. Non sei fixo. Por se aquel, o feixe aínda non o desato. Non vaia ser o demo que as ideas se escangallen sen xeito nin dereito.
Unha recua de temas musicais pexados ó Spotify que me alivian a alma. Agora mesmo o blues do autobús de Miguel Ríos, acompañado por Sabina e algún colega máis.

Como a música amansa ás feras, espero que dome tamén esas ideas que sigo sen saber como deixar caer. Para que non se manque ninguén. Sabemos que hai ideas que feren, mesmo que laceran. Cando as esparexa, quero facelo con tino, mansamente, se amolar a ninguén. Si, é difícil, pero todo consiste en saber conterme, en saber reprimirme.
Outro día lanzareinas (as ideas) con carraxe, con rabia e con intención de facer dano. Non sempre hai que ser un bendito. De cando en vez hai que ser antagonista de algo, do que sexa. E ver como se sulfuran algúns, incluso como se cagan de medo. Hoxe non; hoxe toca insinuar, dar a entender que podo ser un anxo ou un espírito maligno. Que teño un feixe de ideas sobre o meu lombo. Que pesa, pero que consigo aguantar. Sempre tiven lombo para aguantar con todo.
A recua dos temas musicais axuda moito na publicación ou non das ideas. En principio, Alberto Cortez dime que sentidiño, que todo chegará; para o bo e para o malo. Sigo, entón, co feixe de ideas sobre o lombo. Por agora, sen espallar, sen ciscar, sen pregoar.