Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lendas

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 26 de septiembre de 2024
Galicia é unha das terras na que abondan as lendas. Existen lendas profanas e relixiosas, pero sobre todo, abondan as relacionadas coa relixión cristiá.
Sabemos, que detrás de cada lenda, xorde unha historia real, pero como estas historias foron pasadas de boca en boca e a nosa memoria non é perfecta, estas historias foron pouco á pouco deformándose e xa non se parecen en nada á que un día foi a súa historia real.
A curiosidade destas historias e sobre todo das que tratan de relixión, ao longo dos séculos fóronse espallando, non so por toda Galicia e España, se non tamén polo resto de Europa, e é así, como a mesma historia ou lenda, aparece contada en distintos lugares, pero cos mesmos obxectivos, pero distintos motivos ou formas.
Vou presentarvos aquí, dúas lendas relixiosas, que son moi bonitas e interesantes e destas dúas lendas, veremos os mesmos feitos, pero distintos motivos. Unha das lendas, trata da visita dos Reis Católicos á igrexa de Santa María do Cebreiro no Camiño de Santiago, onde aconteceu o famoso milagre do que hoxe se chama o Santo Grial galego e que forma parte do escudo de Galicia e veredes como estes feitos acontecidos aos Reis Católicos cadran perfectamente co sucedido entre 1672 e 1682 na basílica de San Martiño de Mondoñedo en Foz.

O MILAGRE DO SANTO GRIAL GALEGO
A lenda do milagre do Santo Grial do Cebreiro, espallada por Europa, conta como nun día de inverno con fortes nevaradas nestas terras, un veciño da vila de Barxamaior achegouse, como era habitual nel, para escoitar misa a pesar das inclemencias do tempo. O cura Pelagius, síntese molesto por ter que celebrar unha misa un día de tanto frío e todo por culpa dun ao que o crego cualificou de caprichoso, e tan so por un pouco de pan e un pouco de viño. No momento da consagración, a hostia transfórmase en Lendascarne e o viño en sangue e inmediatamente, a imaxe da Virxe, colocada ao lado do altar maior, cae prostrada de xeonllos, para adorar o corpo e o sangue do Redentor.
Esta historia espallouse por toda Europa na Idade Media, na voz de clérigos, xograres e peregrinos. E é aquí, onde poderemos observar, que o que lle aconteceu aos Reis Católicos é moi semellante ao que lle aconteceu ao bispo de Mondoñedo, Frei Sebastián Arébalo Torres cando chegou a San Martiño de Mondoñedo en Foz.

OS REIS CATÓLICOS
O milagre do cura Pelagius, tamén foi coñecido polos Reis Católicos, que en 1486 peregrinaron a Santiago de Compostela e doaron o relicario que, xunto co cáliz, se exhibe na igrexa de Santa María do Cebreiro. O cáliz e a patena son pezas famosas do románico. A tradición popular di que a raíña Isabel quería levar consigo as reliquias do Cebreiro. A comitiva real quixo partir de novo para Castela, pero os cabalos paralizados foi imposible facelos continuar. O medo apoderouse da expedición real, e vendo este glorioso acontecemento, a raíña Isabel pensando que sería un aviso Divino, mandou que as reliquias permanecesen indefinidamente na igrexa de Santa María do Cebreiro.

A MULA DE FREI SEBASTIÁN ARÉBALO
Aquí podemos observar, que os feitos son moi similares.
Un día, chegou a San Martiño de Mondoñedo en Foz de visita, o bispo Frei Sebastián Arébalo Torres (que rexeu a diocese de Mondoñedo dende 1672 a 1682). Cando viu a imaxe do Bispo Santo, preguntou, a quen representa tal imaxe?. Os fregueses contestáronlle, que era a do Bispo San Gonzalo (Bispo Santo).
Frei Sebastián, ao ver que tal santo non estaba nin beatificado nin recoñecido polo Vaticano, prohibiulles o culto da imaxe como a de San Gonzalo, pero si que á imaxe a intitulasen a San Nicolás ou San Rosendo, ou sexa, cambiarlle o nome á imaxe polo doutro bispo, pero santo.
O bispo Frei Sebastián quixo proseguir a súa visita, o cal se desprazaba sobre dunha mula que ao parecer era moi mansa, pero cando o prelado quixo subir de novo ao animal, este enfurruñouse de tal xeito que o bispo non puido montar de novo. Cheo de admiración pola reacción da súa mula, considerou o feito como un aviso Divino, polo que deu orde ao Lectoral Antonio Nievares para que convocase aos pobos comarcais e facer público o novo milagre do Bispo Santo e non só devolverlle o culto que lle correspondía á imaxe, se non de ordenar a súa festa con data concreta, o luns de Pentecostes.

SANTIAGO APÓSTOLO
Outras destas lendas que nos amosa a semellanza, é a de Santiago Apóstolo co santo mariñán de Lourenzá, Osorio Gutiérrez (O Conde Santo). Vexamos:
Conta a tradición, que Santiago o Maior, un dos apóstolos predilectos de Xesús, foi mandado decapitar polo rei Herodes Agripa I, para así ter conformes aos xudeus. Aconteceu sobre dos anos 43-44 da nosa era en Xerusalén (Palestina).
Os seus discípulos, recolleron os restos mortais de Santiago, e os meteron nunha lancha de pedra, que Deus guiou desde Palestina ata as costas galegas navegando por todo o Mediterráneo, mar de Alborán e subindo polo Atlántico, chegaría ao porto de Iria Flavia, na actual localidade galega de Pontecesures, navegando polo río Sar ata a localidade de Padrón (Iria Flavia, que é o nome dunha de súas parroquias), preto a Santiago de Compostela onde sería enterrado.

OSORIO GUTIÉRREZ (CONDE SANTO)
Aquí tamén podemos observar, que os feitos son moi similares. Como poderemos apreciar, neste texto fálanos da referencia máis antiga sobre do porto de Foz, extraído do libro "Foz, memoria histórica", de Xoán Ramón Fdez. Pacios e Pilar López Pérez. Di así.
"A referencia máis antiga sobre a existencia dun porto que puidemos atopar en Foz é do ano 969, atopámolo no "Boletín de la Comisión de Monumentos de Lugo", neste documento anónimo que leva por título "Mamoria de la Fundación del Monasterio de San Salvador de Lorenzana y de los abades que han tenido desde su fundación hasta Lendaseste presente año de 1723", fala sobre do sartego do Conde Santo e sitúanos na era de M e VII que vén a ser o ano 969, se ben á primeira vista este documento semella non achegar moitos datos, pois tan só dedícase a falar de como chegou o sartego a terras galegas, di: "Caminando el sepulcro con su cubierta sobre las augas todo el mar Mediterráneo... vino dar en el puerto que entonces chamaban Moreda y ahora de Foz, sin reparar los naturales estotro dia en lo que había traído la marea". Non puidemos atopar, afirman López e Pacios no seu libro, ningún outro documento onde aparecese o nome de Moreda para designar o que hoxe é Foz".

Como podemos apreciar, o sartego cos restos de Osorio Gutiérrez (Conde Santo), fixeron a mesma ruta que os de Santiago Apóstolo, o primeiro deles en lancha de pedra e o segundo, nun sartego tamén de pedra, pero tamén hai que destacar, que Osorio Gutiérrez foi decapitado en Palestina e os seus restos mortais introducidos nun sartego de mármore, que el mesmo comprou. O sartego foi botado ao mar Mediterráneo, cruzou o mar de Alborán, o Atlántico e o Cantábrico e chegou á ría de Foz, como podemos ler nese documento do século X.

OBSERVACIÓNS
Con relación ao que ese documento do século X, nos detalla do porto de Foz cando di "vino dar en el puerto, que entonces chamaban Moreda y ahora de Foz", resulta que Manuel Vázquez Seijas, historiador e escritor lugués, di que non pode ser, debido a que o topónimo "Moreda viene de moral o moreal, sembrado o plantación de moreras, extensamente cultivadas en la España Levantina y Meridional". Ou sexa, a do verme da seda.
Resulta que, eu teño outra teoría que pode abalar a realidade de que puido ser Moreda entes que Foz, pois dáse a casualidade, de que no Concello de Foz e sobre todo, o casco urbano, ten moitísimas figueiras bravas ou silvestres, que segundo o folclore popular, estas figueiras son da época celta e que os nativos as plantaban para protexer os poboados dos ventos e incluso lles servían a xeito de faro para ver os poboados desde o mar. Pois dáse a casualidade de que estas figueiras de nome científico "Ficus carica", é precisamente da familia das moráceas ao igual que a "moreira" ou as "amoras" das silveiras.
Puido ser, que os romanos bautizaran primeiro co nome de Moreda a Foz, e logo o cambiaron por Foz, que ven do latín "faeuce", que significa, desembocadura dunha ría, paso estreito entre montañas ou desfiladeiro.

NOTA: Sei perfectamente que as lendas aquí narradas, teñen outras versións, pero eu decidinme por estas que aquí narro, polo seu parecido entre elas.
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES