Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Internet, ai a internet!

Cabada Castro, Manuel - miércoles, 11 de septiembre de 2024
Pódese vivir sen a internet? Por suposto. Problemas, porén, vas ter con tal renuncia. Pois o da internet é moita cousa tendo en conta o conglomerado técnico, ideolóxico e pecuniario que o acompaña e sostén. Quen non ten un móbil, un ordenador, unha tableta ou calquera outro tipo de artefacto equivalente? Vaia tipos raros -pensarán ou dirán- este rapaz, esta moza, este vello..., pretendendo viviren á marxe!
Nestes tempos e dende xa cativos os integrantes da especie humana estamos a ser conformados segundo uns modos de vivir minuciosamente programados polos intereses das grandes empresas tecnolóxicas que invaden practicamente o mundo enteiro. Vas nun tren -valla a miúda mostra- e tócache sentar enfronte ou ó lado dunha nena ou dun neno aínda case na idade de seren levados no colo. Velaí os verás fuchicando xa con loábel destreza, neses minicacharros de alta efectividade e maxia, feitos naturalmente de xeito exclusivo ou preferente para eles. Cómpre condicionar e manipular axiña! Noutros tempos a un neno ou nena coma eles tocaríalles o biberón ou xogar cun xoguete rudimentario de cartón ou materiais semellantes. Pois non! Seus pais, que os acompañan, velaí os verás moi contentes, ben convencidos obviamente de que de tales gromos xurdirán seguramente xenios á altura dun Einstein.
Cando algúns entramos hoxe en día, vivindo nalgunha máis ou menos populosa vila ou cidade, en calquera tenda que se prece, onde os tales misteriosos trebellos, pantallas etc substitúen os modos de se saudaren e encontraren os seres humanos ata non hai moito tempo, asáltannos non poucas veces a tentación de fuxir decontado pra nos liberar (alomenos durante un tempo) da frialdade e cousificación á que temos chegado pola nosa submisión ós aludidos trebellos tecnolóxicos. Confeso que pola miña parte algunha vez sucumbín a tal tentación: a fuxida. Pra me oxixenar e liberar. A verdade é que desexaría ser sempre gaivota libre ou onda ondeante nun mar libre e de si dono.
Tales modos de estruturas programadas resultan ser en realidade algo moi eficaz para converter un concreto ser humano nun ninguén. Tendo en conta, ademais, que funcionamentos deste tipo nin sequera están ausentes de institucións explicitamente dedicadas, en principio alomenos, ó coidado físico ou psíquico das persoas ás que, por outro lado, presumen atender e servir.
Fálase, neste contexto, non poucas veces dun xeito quizais excesivamente aséptico da denominada "fenda dixital", que en principio cumpriría -así se pensa- superar ou abolir. Prímanse aquí seguramente, unha vez máis, os máis ou menos soterrados intereses económicos en detrimento do máis humano do humano, que -quéirase ou non- habita sempre alén das cómodas e expeditas cousificacións.
Certamente, o ata aquí dito non é todo (nin moito menos ) o que se podería dicir, dun xeito moi xeral, sobre tan importante cuestión, pois é ben verdade tamén, por outra parte, que esta nova dimensión dos modos dixitais do vivir humano seguramente lles redescubre a non poucos urbanitas (e non só a eles) moitos modos de existir daquilo que podemos chamar o mundo "natural", que eles ou non viviron ou practicamente esqueceron, se é que nalgún momento dalgún xeito os afectou.
Tal vivencia "natural" da complexidade e misteriosidade dos variados modos de existir da realidade (comportamentos das sociedades humanas, do mundo vexetal, animal etc.) dan sempre moito que pensar sobre o fondo sentido da existencia, do mundo, do universo etc. Todo iso é felizmente apto para abrir o pensamento a profundidades da realidade e do misterio da existencia alén das banalidades de calquera divertimento. É dicir, está claro que a vivencia das limitacións do que aquí denomino simplemente "internet" podería abrir tamén camiños cara a un axeitado modo de comprensión do que, na súa máis fonda estrutura, son o humano, o natural, o cósmico etc. Xurdirían así, case inesperadamente, posibilidades de que os seres humanos da época dixital se abrisen paradoxalmente dun xeito novo a dimensións que afectan e afectaron sempre, de maneira explícita ou implícita, a historia humana. Abriríase así, dalgún modo, unha nova e sorprendente vía cara á comprensión do humano e do conxunto da realidade, percibidos agora máis nidiamente como algo inabarcábel ou ilimitado?
En relación quizais co aquí dito, quero aludir aínda á casual sorte que tiven de ler hai pouco unha entrevista realizada a Sara Barquinero (ver "El País Semanal" 2.497, do 4 de agosto de 2024), que leva como título "Ahora la gente escapa de internet, pero antes escapábamos a internet". Velaquí o que a escritora e filósofa comenta en p. 31: "Antes internet tenía un componente que funcionaba parecido a unas vacaciones. Nadie te conocía, nadie esperaba nada de ti. Ahora, para mucha gente internet es una herramienta de trabajo, una presión constante, una notificación en su móvil. Ahora escapar es apagar internet y quedar con la gente"...
Poida que esta última frase nos interpele (e con razón) en relación co ata aquí comentado. Que é o que preferimos? Renunciar a sermos e comportármonos como humanos (sendo incluso capaces de servírmonos de cousas como a internet, sen que esta, é dicir, sen que os manipuladores e donos da mesma nos convertan en dóciles servos seus) e apostar, xa que logo, pola "xente"? Sermos ou non monicreques ó servizo de escuros e poderosos intereses ou -polo contrario- persoas humanas libres, que están coa "xente", é dicir, con cantas e cantos son quen de "dar a cara", ou sexa, que teñen rostros ou facianas coma ti ou coma min nas que se manifestan fonduras e interrogantes que están sempre alén de calquera máquina, por moito que tal máquina se mova, ruxa ou tente impoñérsenos?
Velaí a cuestión, o desafío. Non se trataría, xa que logo, de se internet si ou non, senón de pór esta ó servizo do coñecemento do humano e de toda a ilimitada realidade na que está inserto.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES