Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dous asasinatos coincidentes no tempo

miércoles, 04 de septiembre de 2024
No 18 de agosto de 1936 xa estaba desatada a enorme e brutal represión por parte dos autores do golpe de estado que sumiu ao noso país nunha longa noite de pedra, e a implantación do terror a clave do sinistro plan deseñado para rematar cos opositores á rebelión. O castigo "exemplar" foi a eliminación física dos que ideoloxicamente defendían os valores republicanos, praxe que comezou a se aplicar perante a guerra e que se mantivo na interminable posguerra. Ao mes exacto de comezada a contenda, o 18 de agosto era asasinado en Víznar (Granada) o poeta e dramaturgo Federico García Lorca, e na miña vila o médico Eduardo Sánchez Fraga, aquel con 38 anos e este con 27. A Lorca matárono as 4,45 da madrugada e a Sánchez Fraga cando tamén alborecía o día no muro do cemiterio da igrexa de San Xulián. A ambos os dous, que casualidade, Dous asasinatos coincidentes no tempoacusábanos entre outras cousas de comunistas (imputación moi recorrente, abofé) e de simpatizantes da República, cargos que non figuraron no xuízo porque nos dous casos non houbo xuízo. "Paseáronos" porque si, así sen máis.

Sobre Lorca hai moito escrito e posiblemente vaise escribir máis. Era un personaxe sobradamente coñecido e converteuse no paradigma dos represaliados a nivel do Estado. Sánchez Fraga, o médico dos probes, só era sonado en Mugardos onde gañou a estima e o respecto da xente menos favorecida da vila. Nacera en Betanzos pero o seu pai era mugardés, e cando rematou a carreira decidiu instalarse na casa da súa avoa e exercer a profesión na vila. Foi amigo do alcalde comunista Juan Prieto Balsa (eleccións de febreiro do 36) e testemuño na súa voda. Acusárono de pasar información a Moscova dende unha emisora que tiña na casa e de poñer unha carga explosiva na ponte do Esteiro, falacias insostibles que xunto as envexas teceron a tea de araña na que quedou apresado. Faltoulles tempo aos seus verdugos para detelo e levalo ao buque prisión "Plus Ultra" que estaba fondeado na Ría. Sen xuízo previo na madrugada do 18 de agosto foi levado nun bote ao peirao da vila e de alí nunha camioneta ao cemiterio onde consumouse o asasinato. Foi unha das primeiras vítimas; denantes, o 24 de xullo, "pasearan" ao seu amigo Juan Prieto Balsa. Na miña vila contabilizáronse preto dun centenar de mugardeses executados dentro e fora dela, segundo un traballo do historiador e amigo Bernardo Máiz.

Aquel 18 de agosto, hai agora 88 anos, case a mesma hora, entre Víznar e Mugardos, a mil quilómetros, xurdiu unha sinistra coincidencia: dous seres humanos no mellor das súas vidas foron inmolados en aras da sen razón. Hoxe quixen lembralos. Gloria haxa para eles.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES