Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nova asemblea de concellos e deputacións

jueves, 14 de mayo de 2009
Aprobada a Lei de Normalización Lingüística, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística atopou neste marco legal a oportunidade para desenvolver unha serie de iniciativas que, proxectadas en diversas direccións e ámbitos, fixeron posible que a lingua galega acadase maiores cotas de presenza institucional. Faremos mención a algunhas delas.

Pero antes é importante dicir que o alcance da cooficialidade lingüística establecido pola Lei de Normalización Lingüística é o que define a Constitución Española e o Estatuto de Autonomía. A sentenza do Tribunal Constitucional de 1986 definíu con maior precisión ese concepto. Pois ben, ao abeiro das disposicións legais a nosa Asociación conseguíu que, tanto a Xunta de Galicia como o Parlamento de Galicia, editasen en lingua galega as súas publicacións institucionais -Diario Oficial de Galicia (DOG) e Boletín Oficial do Parlamento (BOP)- abandonando o sistema da dobre columna como maneira de representar a cooficialidade. Preocupámonos de que a través de senllas propostas a grupos parlamentarios o Congreso aprobase unha iniciativa parlamentaria para que o BOE se publicase en galego, vasco e catalán, en edicións propias, con periodicidade mensual. Tamén preparamos e divulgamos entre os concellos a proposta dunha Ordenanza Reguladora do Uso da Lingua Galega para a súa aprobación corporativa.

Ao tempo que intentamos que o Estado asumise o plurilingüismo, a nosa preocupación centrouse na galeguización dos concellos galegos. Foi así como lle propuxemos ao Alcalde de Compostela, don Xerardo Estévez, a convocatoria dunha asemblea municipal para aprobar un decálogo de medidas que orientasen a política lingüística das corporacións locais. Isto aconteceu en maio de 1984, máis de cento oitenta rexedores municipais asinaron a “Declaración dos Alcaldes Galegos”.

Vintecinco anos despois, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, a Irmandade Xurídica Galega e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), volverán convocar aos alcaldes a unha asemblea en Compostela o próximo día 22 de maio para promoveren novas medidas normalizadoras. A nova declaración que se lles vai propoñer aos alcaldes galegos reclámase herdeira do espírito de unidade, tolerancia e colaboración que presidiron a elaboración da Lei de Normalización Lingüística de 1983, a Declaración de alcaldes de 1984 e o Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado polo Parlamento no ano 2004.

A nova declaración “O galego, a lingua propia dos concellos e das deputacións de Galicia” fará fincapé nos puntos débiles da normalización lingüística. Con esa finalidade solicitarase a adopción de medidas concretas para dar cumprimento á Lei de administración local de Galicia: a) Que se tramiten en galego os procesos xurisdicionais nos que sexan parte as corporacións e, especificamente, que os avogados e procuradores encargados de defenderen ás administracións públicas o fagan en galego; b) Que se redacten en galego as escrituras públicas, cursando instrucións oportunas aos asesores xurídicos; e c) Que se incorpore o galego como lingua habitual de traballo das policías locais, tanto a nivel interno como nas súas relacións cos cidadáns, e especialmente cos órganos xurisdicionais.

*Secretario da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia

González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES