Son moitos os anos que se anda á busca do Santo Grial. Arqueólogos, historiadores e ata gobernantes de países, como por exemplo, o propio Hitler, trataron de saber que foi desa sagrada reliquia.
Pero, que é o Santo Grial?. O Santo Grial é a suposta copa ou vaso de cando Cristo celebrou a súa derradeira cea cos seus discípulos, pero a min, persoalmente non me encaixa. Segundo se conta, o Santo Grial foi levado por Xosé de Arimatea, parente de Cristo, ata o monte Gólgota ou monte Calvario e cando o soldado romano Lonxinos espetou a súa lanza contra o costado de Cristo na cruz, ao derramar, segundo se di, sangue e auga, Xosé de Arimatea recolleu esa sangue e esa auga nese recipiente.
A palabra "graal" -pronúnciase "graal" en francés antigo, galego-portugués e inglés medio, "grazal" en textos provenzais e "greasal" en catalán- parece ser unha adaptación do termo latino "gradalis", que implica a idea dun prato, cunca, ou bandexa con viandas que se pon á mesa en diferentes momentos (gradus), dunha comida. A este respecto, Helinand de Froidmont di no seu Chronicon (século XIII): «Gradalis ou gradale en francés, é un prato ancho e profundo, no que a comida se presenta cerimoniosamente, unha a unha, ante un home rico durante o desenvolvemento da comida. Na lingua vernácula chámase "greal", que sacia e ao mesmo tempo acolle unha comida. Está feito de prata ou dalgún metal precioso similar, mentres que o seu contido é unha abafadora serie de manxares caros.
O Santo Grial podería estar en varios lugares, segundo diferentes teorías:
1ª. Segundo os investigadores José Miguel Ortega del Río e Margarita Torres, o Santo Graal está situado na basílica de San Isidoro, en León.
2ª. Outra teoría apunta a que o Santo Grial podería estar agochado nun antigo castro abandonado, que se atopa no golfo de San Matías, entre as provincias de Chubut e Río Negro (Arxentina).
3ª. Na catedral de Valencia, desde o século XV, gárdase un grial que se cre que é o verdadeiro Santo Grial.
O Santo Grial de O Cebreiro
A lenda do Santo Grial do Cebreiro é unha das historias máis fascinantes do Camiño de Santiago. Segundo a lenda, no século IX un crego chamado Pelagius celebraba misa na igrexa de Santa María a Real do Cebreiro, na provincia de Lugo. Durante a consagración do pan e do viño, a hostia transformouse en carne e óso, e o viño en sangue, o que se considerou un milagre.
Este milagre estaba asociado co Santo Grial, o cáliz que Xesús usou na Última Cea. A igrexa de Santa María a Real converteuse nun importante lugar de peregrinación para os fieis que percorren o Camiño de Santiago.
Sangue real
No libro de Dan Brown, O Código Da Vici, asegúranos que o tal Santo Grial en realidade refírese a Sangre Real, pois despois da morte de Cristo, María Magdalena refúxiase en Francia, concretamente na Provenza onde había unha comunidade xudea.
Neste libro de Brown, asegura que o Santo Grial en realidade quer dicir Sangue Real, referíndose a María Magdalena embarazada de Cristo con quen tivo unha filla chamada Sara Kali a Raíña Negra, máis coñecida en Saintes-Maries-de-la-Mer, como Santa Sara a Exipcia. E claro está, Cristo en realidade reclamaba o reino de Palestina, porque El era descendente do rei David e do rei Salomón, pero ao estar Palestina baixo dominio romano, non podía ser proclamado rei á parte de que os xudeus non o aceptaban como tal.
A toponimia focega
No Concello de Foz, fixen un traballo sobre a toponimia da costa de Foz, dándose uns resultados altamente curiosos en canto á interpretación dos topónimos se refire.
Todos sabemos, que fronte a Foz, no veciño Concello de Barreiros, existe unha rocha, que Villaamil e Castro inclúe na historia de Foz, e dela, di que se chama pena do Altar, porque no seu día foi unha ara de sacrificios dos druídas, de aí, o seu topónimo ALTAR.

Pero o máis curioso deste tema, é que un dos topónimos de Foz, preto da praia da Rapadoira é o acantilado que dá ao mar, coñecido como A SOALTA. Hai quen lle chama A SUALTA (con U en vez de O), que tamén é válido. A interpretación deste topónimo causoume grande interese e invitoume a facer un estudo sobre del.
Di así: A SOALTA.- No tócante aos prefixos SU- /SO- temos a posibilidade de que sexa unha partícula aumentativa de orixe celta so- / su-: "bon" ou "o bon"; "grande" ou "o gran", frecuentemente prefixada a nomes, en especial de divindades. Ou sexa que A Soalta quer dicir GRAN ALTAR.
A interpretación deste topónimo é GRAN ALTAR e se desviamos a mirada de cara ao leste, observamos, que á nosa dereita, está a pena do ALTAR en Barreiros. Pero a cousa non queda aí. Vexamos: cando fixen este estudo toponímico, incluín unha parte curta do río Centiño, e dáse a casualidade, de que o río Centiño pasa a escasos metros da basílica de San Martiño de Mondoñedo, un dos templos máis importantes do prerrománico español.
A imaxinación fóiseme a describir este percorrido de ALTAR, GRAN ALTAR e a BASÍLICA, facendo liñas rectas e me encontro que forman un curioso triángulo. E xa sabemos que o triángulo, cristianamente falando, chámaselle "O OLLO QUE TODO O VE", ao tratarse do Ollo de Deus e o triángulo representa ás Tres Persoas da Santísima Trinidade.
Que significa isto?, pois isto significa, que a pena do Altar, a Soalta ou Gran Altar, lévanos a San Martiño por mediación deste triángulo, onde indiscutiblemente hai un Altar, o que está na basílica.

Pero é máis, dicíavos que se miramos ao leste da Soalta ao lado dereito, está a pena do Altar, e polo tanto, ao lado dereito do altar da basílica de San Martiño, encontrámonos coa capela sur, en dita capela están os frescos en gótico primitivo galego dos séculos XIV, XV e XVI, onde na parte superior podemos ver a silueta de un ollo bordeada de anxos por arriba e de dúas cordas pola parte de abaixo, do estilo dos famosos ollos turcos, e no centro podemos ver a Cristo vestido de Rei cunha bóla do mundo na man e unha cruz. Na parte superior, ou sexa, sobre da imaxe de Cristo, vemos ao profeta Elías, profeta Moisés, o patriarca Abrahán e ao rei David.
Pois resulta, que na parte superior, rascando xa no teito do templo, podemos ver claramente un cáliz pintado exactamente igual a como nos presentan que sería o Santo Grial, e a cada lado do cáliz, o que parece un león con cabezas de anxos.
Agora xorde a sospeita, se debaixo do debuxo podería estar agochado o verdadeiro Santo Grial, deixando apartados a tódolos demais. Quizais debaixo dese debuxo haxa un burato oculto polos frescos e no interior dese burato, teñamos a resposta da existencia do verdadeiro Santo Grial. Esa pintura indicará o lugar onde se oculta o Santo Grial?. A isto, podemos engadir, que o último bispo de San Martiño chamado Don Gonzalo Froilaz, morto no século XII, pertencía á orde dos Templarios, orde que buscaba incansable o Santo Grial e a Arca da Alianza. Puido ser agochado aí o Santo Grial por ese bispo?.
Informada a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, puxo nas mans do arqueólogo Rubén Carballo Amieiro, xunto con outros dous arqueólogos e historiadores, Manuel López Crego e Iria Comesaña Agrelo, os traballos de analizar o lugar para saber se se trata dunha coincidencia ou é un feito real, un enigma encriptado da valiosísima peza histórica.
Estes profesionais enviados pola Xunta de Galicia, van tratar de localizar a peza utilizando un detector de metais, pero en realidade, non se sabe se a Sagrada Copa era de algún tipo de metal ou se se trataría dunha peza de alfareiro feita con terra "sigillata", (barro selado), moi usada polos romanos, ou por outra parte, tamén podería tratarse dunha peza feita en pedra esculpida, xa que se sospeita, que o pé no que vai colocada a copa ou vaso, crese que é moi posterior aos tempos de Cristo, que a sitúan sobre do século XIV, o vaso ou copa do século I e o pé do século XIV.
Os traballos destes arqueólogos comezarán a principios de ano.
NOTA: O final desta historia sobre do Santo Grial na basílica de San Martiño de Mondoñedo é ficción, produto da miña imaxinación. Todo o resto é real.