Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Menciñeiros, capadores e albeites. Vacas, feiras, tratantes e moinantes (40)

Otero Canto, Xosé - viernes, 06 de septiembre de 2024
Manuel de Severino, Alcalde de Castro de Rei (In Memoriam).

Manuel de Severino era un home non moi alto, bo mozo, bastante forte, vestía moi ben, sempre de sombreiro e traxe.
Era de Loentia e tiña unha casa de dous pisos, xa daquela, no Campo da Bouza Boa de Loentia. El e os seus pais eran ricos, tiñan un moi bo capital para o momento do que falamos pois había tamén outra casa e outro lugar alí ao lado, case enfronte da casa del, chamada a casa de Esperante.
Manuel de Severino foi alcalde durante moitos anos do Concello de Castro de Rei e Menciñeiros, capadores e albeites. Vacas, feiras, tratantes e moinantes (40)daba mitins na chamada Feira do Barro da feira da Castro de Ribeiras do Lea.
Na Feira do Barro era onde poñían os cacharreiros, nos últimos tempos, principalmente os de Bonxe, esta feira estaba enfronte da casa de Óscar, onde hoxe está o restaurante Cóndor, do outro lado da estrada, xunto á casa de Óscar, tiña este a gasolineira. Era moi rudimentaria para hoxe en día, pero para aqueles tempos estaba moi ben. Había que darlle a unha bomba para que subise a gasolina a dous tanques transparentes e segundo se vía que ía enchendo, paraba de darlle e logo poñía unha goma que ía dos tanques ao depósito dos coches, outros levábana en bidóns pequenos. Os depósitos tiñan numeración para realizar a medición, estaba no espazo en que hoxe ocupan os taxistas.
A Feira do Barro estaba ao lado da estrada que vai da Gulpilleira a Gontán do outro lado da carballeira, onde hoxe está o palco da música e onde antes se facía a festa. Esta feira do barro estaba tamén ao lado da feira das zocas na que se expoñían estas polo chan, como barquiños mouros ou xoguetes de picariños, que levaban uns números por dentro dicindo que pé sería o preferido para navegar os invernos de lama e fame. Moi ben, pois alí mesmo había un castiñeiro moi groso que desapareceu, como case todas as cousas boas deste mundo, alí poñíanlle un bocoi baleiro dos que se empregaban para o viño e enriba deste poñíanlle unha mesa sen pés ou taboado onde Severino se poñía de pé e onde daba os mitins. Severino ía falando e íase movendo ao redor do taboado para corresponder a toda a xente que se poñía ao redor do bocoi para escoitalo, xuntábase moita xente porque Manuel de Severino sabía falar moi ben. Todos lle chamaban Severino, pero era Manuel de Severino.
Daba gusto oílo, tamén falaba moi ben o fillo, chamado igualmente Manuel, sendo o máis vello dos seus fillos, este estivo casado e tivo tres fillos, e non o mataron porque escapou, escondeuse e cando acabou todo, aínda despois da guerra, un bo día apareceu e non lle pasou nada, de casualidade. Outro dos seus fillos escapouse para Buenos Aires e viña todos os veráns, casado cunha muller moi guapa, aínda que el era tamén bo mozo.
Seguindo co Manuel de Severino, pai, suponse que os dous nomes serían porque cando nacía unha criatura poñíanlle o nome do santo do día en que nacía ademais do nome que lle querían poñer, xa fose pola continuidade dunha saga ou porque lles gustase o nome.

Texto: Xosé Otero Canto
Ilustracións: María Guerrero
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES