O cubano na feira de Castro
Acórdome ben, fun á feira a Nadela o penúltimo día do mes, isto foi polo verán, correría o ano 57 ou 58 do 1900 e entre varias vacas que merquei estaba unha que fun rexistrar, e vina seca dos dous tetos de diante; era unha vaca teixa, boa, e deixeilla
quedar ao home porque a tal vaca non valía.
Logo, veu outro home e comprouna e ese mesmo home vendeulla na mesma feira a uns señores de Carazo, mais os señores cando chegan á casa vírona seca dos dous tetos polos que non corría o leite e levárona, a devandita vaca, á feira de Castro e vendéronlla a un señor chamado O Cubano, mais cando a foi rexistrar viuna seca dos dous tetos de diante e díxolles que non a quería porque era seca.
Eran dous irmáns os que a vendían: Raimundo e Reinaldo, e dixéronlle que a vaca que a tiña que levar de todas as maneiras, que a tiña que levar á forza porque a mercara. Vaise un deles, Raimundo e pegoulle un empuxón e tirou co Cubano que caeu deitado polo chan da feira.
Eu estaba alí, moi cerca, vino todo. O Cubano cando se deu levantado, que era o que a mercara, xa había sete ou dez veciños dos vendedores para facerlla levar. O Cubano escapou correndo e díxome a min:
- Váleme, váleme. Que me queren matar!
Eu levantei a caiada e segundo viñan chegando tras del dixen:
- Quietos, quietos! E ti Cubano, ponte tras min.
Tracei unha raia coa caiada diante deles e díxenlles:
- O que se atreva a cruzar a raia "píncholle a cabeza".
Neste intre xa viñeran axudarme catro ou cinco homes. Eu pregunteille ao Cubano o porqué de querer pegarlle e contestounos:
- Compreilles a vaca, pero fun rexistrala e atopei que era seca dos dous tetos de diante.
Dixeron os acompañantes e os que alí estaban
- Ímola ver e así saímos de dúbidas.
Eu segundo a vin xa lles dixen que non facía falta mirala porque esa vaca mirara eu na feira de Nadela e vin que era seca dos dous tetos de diante, e deixeina quedar, aínda que despois veu outro home que a comprou rebaixándolla ben que foi o que llela vendeu a eles inxectada nos tetos secos, esta inxección de leite dura unhas 24 horas e despois o leite inxectado cunha palla e unha xiringa vaise sumindo e xa non da leite polos tetos.
Os vendedores e os veciños queríanse repoñer, mais eu respondinlle;
- Non andedes con bromas, collede a vaca e marchádevos e se non queredes estade no voso sitio pero a este home (O Cubano) deixádeo andar e non vos metades con el. Ben vedes que todos os que estamos aquí defendémolo porque ten a razón. Vosoutros tedes que darvos co home que vola vendeu, que está aquí na feira, porque vos enganou, ou vosoutros fostes cómplices diso.
Collemos ao Cubano polo brazo, que se chamaba Xeromo e dixémoslle:
- Véñase comigo e cos demais que con vostede non se van meter máis.
Os do outro bando, colleron a vaca de alí a un anaco marcháronse para a casa e non sabemos máis do que pasou coa vaca que non daba leite polos tetos de diante.
Sei que o Cubano morreu debe facer xa dous anos.
Pasados xa moitos anos deste caso, fun á casa do que vendía a vaca a Carazo e compreille unha vaca que tiña na casa e despois de mirala e ver que estaba limpa de trampas, díxenlle:
- Esta non será como a outra?
Respondeume "Non". Mais non me dixo nin lle dixen nada máis do ocurrido había moito tempo, tróuxena para a casa e resultou ser unha boa vaca e... santas pascuas!.
Texto: Xosé Otero Canto
Ilustracións: María Guerrero