Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Á Beira do Camiño: A festa do clero lucense

miércoles, 13 de mayo de 2009
O pasado luns, conforme a unha xa vella e ben asentada tradición, os curas da diocese de Lugo, tanto do rural como da cidade, celebramos a festa do patrón do clero secular de España. A festa de San Xoán de Ávila, canonizado por Paulo VI no ano 1970. Uns 150 curas da diocese do Sacramento honramos tamén a oito compañeiros cregos diocesanos, que compartiron connosco as súas vodas de ouro co sacerdocio.

Xoán de Ávila, foi un cura valente e renovador na defensa das correntes humanísticas do século XVI. Pola súa coherencia de vida, polo seu testemuño persoal e polo xeito de vivir e proclamar o Evanxeo de Xesús, foi perseguido e condenado pola Inquisición. Por parte do clero e fieis de todo España (e por recoñecidos santos dese século dos que El foi mestre e orientador) foi tamén nomeado “o apóstolo de Andalucía”.

Lugo é unha diocese esencialmente rural. Con 1.138 parroquias, dispersas e moi illadas. Con 290.000 habitantes, nun amplo espazo de 7.700 quilómetros cadrados que abarca as Zonas do interior das provincias de Lugo, Pontevedra A Coruña. (Zonas de Lalín e de Melide). Un mundo rural, con maioría da súa xente moi avellentada (tamén o clero!) e coa súa xuventude emigrada á cidades e vilas da entorna. Sen futuro; con esperanza!

Entre chairas, vales e montañas, centos de curas rurais e urbanos (onte e hoxe, e sempre!) viviron fortemente comprometidos e mergullados nos problemas do seu pobo, souberon compartir as súas vidas e os seus saberes e calidades (tamén os seus defectos e limitacións) e tamén asumir como propias, as preocupacións, sufrimentos e aspiracións das persoas gastando o seu tempo e a súa vida neste nobre e altruísta empeño. Gastaron as súas vidas nunha entrega valente, xenerosa e solidaria. En todos os eidos da vida. Entrega que, non sempre foi ben entendida e sobre todo suficientemente valorada.

A diocese de Lugo, co seu bispo D. Alfonso Carrasco Rouco ao fronte, deron grazas a Deus, nunha solemne Eucaristía concelebrada na nosa catedral lucense, seguida dunha comida de fraternidade, no Seminario. Cómpre sermos agradecidos aos nosos pastores. Dentro dos diversos estamentos que a sociedade actual dispón para o servizo gratuíto e altruísta cara as persoas e comunidades, non son os que se esconden, quedan chantados ou se botan atrás. Ao revés; con escasas excepcións, son sempre os primeiros. Cando todos se van, sobre todo no rural, eles permanecen. A pesar de seren poucos e a maioría maiores. Son conscientes de que aínda hai moita necesidade de escoitar, atender, paliar e mesmo curar os aínda abondosos silencios e soidades que abondan neste noso País.

Desde aquí, vaia o noso agradecemento. Cordial e sincero. Que compense e rebaixe un chisco a incrible falla de sensibilidade e profesionalidade e mesmo o significativo silencio que se deu ao redor desta festa, por outra parte, entrañable e moi importante. Parabéns e Felicidades: Aos das vodas de Ouro e a todos os cregos da diocese de Lugo!
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania