Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Correspondencia entre Blanco-Amor e Ramón Piñeiro (3)

Rivero, Manuel - lunes, 09 de septiembre de 2024
Nesta terceira entrega estamos visualizando o final da traxectoria vital dunha persoa que tivo que loitar e traballar toda a súa vida, pasando por etapas de esplendor, vales de decepción e mesetas de indiferenza.
Undécimo documento da Fundación Penzol (RP1976-1 e RP1976-2). Carta manuscrita en papel timbrado de Eduardo Blanco-Amor, por ambas caras, desde Ouras (Portugal) o día 27 de abril de 1976, ao seu benquerido amigo Ramón Piñeiro.
A través do texto, lamenta o retraso da segunda edición de "Xente ao Lonxe", o seu prezo de saída e as consecuencias negativas do seu retraso. Fai comparacións con outras editoriais, comenta as sinerxías que se crean, ou efecto contaxio, ao ter varios libros do mesmo autor a venda. Engade dúas notas, unha ao pé de páxina e outra na marxe esquerda, nas que comenta os problemas coa edición da obra "Farsas para títeres" e a grata experiencia das firmas de exemplares o Día do Libro no Corte Inglés:
"Meu querido amigo:
Fai dous meses, cada vez que lle pregunto ao escelente Valentín Arias, cando sae a segunda edición de "Xente ao lonxe", contéstame que cando teña a portada, a andar. Conozo ben, ao asimade escelente, Lois Mariño, e sei que e quen para ternos sin facer nin desfacer outra media ducia de meses. Tampouco o medo ao prezo, me parece argumento. Catrocentas pesetas para un volume de 350 páxinas, é hoxe o prezo normal, que non fará máis que acrecer tanto canto se tarde en poñelo en marcha.
De todolos xeitos, as razóns ademitidas, se ben son de todo punto respeitables, non son únicas para un escritor que caeu na disgraza de tere iste oficio como unica profesionalidade.- A edición de 50.000 exemplares de "La parranda" pore o "Círculo de Leitores", xunto coa aparición , en Seix Barral, de "Aquella Gente", (sae ao fin do mes) a de "La Catedral y el Niño" en Ediciones del Centro (1) situaliza e prima ¡e! Como Soles, un libreiro temo dito de que "uns libros venden aos outros". Faime, pois, o favor de poñer man no choio a ver si despega dunha vez".

Duodécimo documento da Fundación Penzol (RP1976-tx1 e RP1976-tx2). Tarxeta de visita de Eduardo Blanco-Amor, manuscrita por ambas caras, emitida en Barcelona, coa data do 16-VI-76.
Breve texto no que fai un análise comparativo entre a dor física e a emocional, xunto coas excelentes noticias das publicacións pendentes:
"Querido Ramón: Anque algo mellor, aínda ando amolado dos cadrís. Pero doime máis o que pasa con "Xente ao lonxe", que verdadeiramente tenme enfadado ate a saturación = Ei che vai no recorte para o teu arquivo - As "Farsas para títere, de Cuadernos para el diálogo, xa saiu, mutilada fai uns días, xa che mandarán de Editorial .-"Aquella gente.." de Seix Barral, sae a fin do mes, e La Catedral y el Niño, en Xulio".

Décimo terceiro documento da Fundación Penzol (RP1977-1). Carta de Eduardo Blanco-Amor, manuscrita por unha cara, desde Ourense o 5, de marzal do 77.
Texto relacionado cos movementos en favor da autonomía da Galiza, proceso no que Blanco-Amor estivo profundamente implicado:
"Querido Piñeiro
Estiven en Madrid dende o 14.. Acabo de baixar do tren e atopome coa tua carta.
Totalmente de acordo.-
Non só polos direitos ouxetivos da Galiza en si, senon para que a idea da sua autonomía non sirva de pendón dos grupos oportunistas que usan dela como recurso electoral, sin conocimento, sin fervor, e sin convinción, ou seña sabendo que minten. Ogalá que cheguen estas liñas. Unha grande aperta e ¡adiante! E. Blanco-Amor"

Décimo cuarto documento (EBA-862), da Fundación Blanco-Amor. Carta manuscrita por Ramón Piñeiro nun folio polo anverso, coa data 8-III-77. Na que lle comunica, que a súa carta non chegou a tempo, para poder incluír o seu nome no manifesto en favor da autonomía e a posición favorable de sectores transversais da sociedade a favor da mesma:
"Infelizmente, a tua carta chegou o luns e o documento colectivo fora entregado o sábado. Conste que o sentimos.
Supoño que lerías o "chamamento" na "Voz de Galicia".
Polo que imos comprobando, hai moita xente que pensa coma nós, sobre todo xente non comprometida en militancias partidarias. A reacción dos partidos non sabemos cal será, inda que hoxe xa hai dous que manifestan o seu apoio. Dixéronos -coma que non sabemos si será certa - que celebraron algunha xuntanza para estudar o chamamento.
Teño que che aclarar que evitamos intencionadamente o presentar o escrito como un chamamento dos "vellos galeguistas". Quixemos que o conxunto dos firmantes refrexase unha postura independente fiel a Galicia e de diversas xeneracións. Tamén evitamos facer un alarde numérico de firmas, polo que nos pareceu discreto o número de 30 firmas, que por ausencia da tua quedarán en 29.
En fin, xa veremos como evolucionan as cousas. Unha forte e cordial aperta do teu amigo. Ramón Piñeiro".
Décimo quinto documento (RP 1979-1 e RP 1979-), da Fundación Penzol. Carta manuscrita por Blanco-Amor, nun folio timbrado co seu nome, coa data 29-VIII-79, texto, no que o seu estado de saúde ocupa o centro do relato. É un indicador anticipado do final da súa experiencia vital, en apenas tres meses, producíase o seu desenlace (1-12-79):
"Benquerido Ramon Piñeiro:
Andiven fora e recibin, noutonte, a tua carta. Puxinme de presa a facer o artigo sobre Seoane.- Podes contar con él o día 2 ou tres. Non ando ben, desde fai uns días. Ó erguerme do leito danme uns mareos ou vértigos que me duran, polo menos, toda a mañán, que é cando traballo, pois dende sempre fun escritor diurno e madrugador. Isto dos vértigos tenme moi preocupado dende fai tres semanas; e o que mais me amola e a dificultade de pasar as cousas a máquina, pois a miña letra non é fácil de entender e ainda teño que poñer moito tento para que se entenda a epistolar.
Os médicos- perdoa que volva ao tema- andame a tratar a circulación xa vai para 15 días e non vexo melloría; e, a mais, a miña tensión e os análisis son normais. E coma xa non estou en idade de embarazo, non sei a que atribuir tan fastidiosa molestia. Conta, pois co artigo- unhas catro ou cinco páxinas de Grial- para o 3 ou 4 de agosto.
Unha grande aperta e moitas gracias por térerte acordado de min, o que non sempre ocurre para este tipo de angueiras".
Rivero, Manuel
Rivero, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES