Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Correspondencia entre Blanco-Amor e Ramón Piñeiro (2)

lunes, 02 de septiembre de 2024
A documentación que analizamos nesta segunda entrega, é continuación da anterior, leva a mesma tendencia, asunción de novos retos, coas súas fortalezas e debilidades, acentuadas polo incremento da idade e as fraquezas económicas, que comezan a notarse en Blanco-Amor.
Sexto documento (EBA-859), da Fundación Blanco-Amor, é unha carta manuscrita por Ramón Piñeiro nun folio polo anverso, coa data 1-VIII-71, na que comunica o envío do documento coa recollida de firmas do manifesto de Luís Seoane, ademais dos numerosos motivos que o ten a diario tan ensarillado:
"Levo una temporada sin un minuto de acougo. Viaxes e visitas ocúpame todo o tempo. Este vran acudiron a Compostela dúceas de amigos -e de amigos de amigos- procedentes de diversos países. Teño que pagar o tributo inevitable por vivir en Compostela, que non deixa de ser un privilexio, adicándolles tempo e atención aos visitantes amigos. Ocupación moi grata, abofé, máis que chegou a ser tan intensa nesta tempada que teño en completo desorden as miñas cousas: correspondencia, xestións pendentes, GRIAL, asuntos familiares, etc. E sospeito que igual acontecerá co agosto.
Por eso non quero demorar máis no meu poder o escrito que me mandaches, pois o tempo corre e eu seguirei ensarillado nesta roda cotián que me absorbe o tempo que corre. Recollín unhas cantas firmas: García Bodaño, García-Sabell, Sebastián Martínez-Risco, Marino Dónega, Xosé Manuel Beiras, Fermín Penzol, Ramón Piñeiro. Mándochas. Seguro que ti terás moitas máis".
Sétimo documento (EBA-860), da Fundación Blanco-Amor, é unha carta manuscrita por Ramón Piñeiro nun folio polo anverso, coa data 8-X-71. Na que lle comunica a grata noticia da xubilación de Fermín Penzol, o seu regreso a Galiza e a forma creativa, sutil, humilde e silenciosa de recoñecerlle o inmenso legado, que deixa en herdanza á nosa terra e a súa xente:
"Dentro de poucas semanas virá para Galicia, xa xubilado o Fermín Penzol. Como sabes ben, o Fermín é un home calado, discreto, xeneroso, cordial e galego da mellor lei. Adicou a vida a arrecadar libros e papeis, non para se compracer na sua posesión senon para llos entregar ao seu país. Alí en Vigo están e todos nós dispomos deles.
Matinamos en lle facer un sinxelo homenaxe, íntimo, no que se combinen a súa inclinación a eludir a publicidade coa sana paixón de bibliófilo, e demos na seguinte idea: facer un libro moi ben editado, de tirada reducidísima e non venal, no que os amigos galexiáns refreixen en traballiños breves -duas holandesas- a imaxe que cada un ten do Penzol ou as consideracións que lle suxire a sua personalidade. Logo xuntámonos un día na Fundación e entregámosllo. Será para el unha grande sorpresa, porque nada sabe.
Como formas parte da familia galaxiá, convidámoste a tomar parte nesta homenaxe. Si concordas mándanos as duas holandesas neste mes".
Oitavo documento (EBA-861), da Fundación Blanco-Amor, é o telegrama enviado por Ramón Piñeiro o día 31 de xaneiro de 1972 desde Santiago ao domicilio de Blanco-Amor en Ourense, no que lle comunica a grata noticia do seu nomeamento como académico:
".- ELIXIDO ACADEMICO POR UNANIMIDADE PARABENS APERTAS.- PIÑEIRO.-"
Eduardo Blanco-Amor faleceu antes de tomar posesión da súa cadeira como académico numerario. A todos os efectos é considerado numerario, como data de ingreso dáselle a da súa elección (31/01/1972) (1).
A proposta partiu dos académicos: Ramón Otero Pedrayo, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego.
Lamentablemente, con frecuencia os premios e recoñecementos, chegan tarde, cando por idade, saúde delicada, situación económica precaria, risco de exclusión social e soidade, que ben por separado ou aliadas, afectan ao seu estado de ánimo, e impiden que o goce sexa pleno. No caso de Blanco-Amor, en maior ou menor medida, confluían as cinco variables, que con diferente intensidade formaban parte do seu vivir diario.

Noveno documento da Fundación Penzol (RP1973-1 - RP1973-2), é unha carta manuscrita nun folio por ambas caras, en papel timbrado, co nome de Eduardo Blanco-Amor, desde Barcelona o día 14-I-73.
Eduardo trata diferentes asuntos, que no fondo gardan relación entre si. Os temas centrais son o coloquio de Ourense, ao que estaban invitados os intelectuais do seu núcleo, e que non asistiron de forma presencial, no seu lugar enviaron comunicados escritos, esa ausencia restoulle valor ao acto. Por o medio, entra a crítica ao seu libro "Farsas para títeres (2)", en edición bilingüe dese mesmo ano, feita por xente escasamente documentada, a consideración, agradecemento e respecto que sinte por Ramón Piñeiro, que de forma sutil está sendo o seu valedor e o diagnóstico preocupante da nosa literatura:
"Somentes agora me puden facer coas adhesións ao coloquio de Ourense; os rapaces de "Breogán" quédaránse con eles para facer un folleto, ou algo de iste xeito.
As túas palabras destacan, como sempre, por o seu mesurado fervor, notable rigor e craridade intelectual, que é o xeito mais doado de falar entre xentes que se estiman polo que son en si e polo que dan de si, e que poden [louvar] sin ferir e toser razonadamente e aínda fortemente sin cair na eisaxeración.- ¡E andamos tan escasos de isto na nosa terra!
Coas palabras que chegan [ilexible] de Domingo García Sabell, Paco del Riego, Fernández de la Vega, Neira Vilas, Díaz Pardo e as tuas naturalmente, a novela queda compensada (...)".
O coloquio voltou ledo, intelixente e moi positivo. Si os que mandástedes palabras escritas houbérades podido vir a decilas, estou seguro que resultaría a xuntanza que tanta falta nos está facendo pra tratar de por ao día a nosa problemática literaria que se nos está indo das máns, cando no minoritarismo, no partidismo ideolóxico ou xa na inoportunidade respecto ao tempo en que debe de ser tratada en debate.
(...) É grande magoa o non contar con núcleos garantes dun mínimo de oixetividade para o tratamento ceibe destas cuestións".

Décimo documento da Fundación Penzol (RP1974-1), é unha carta escrita a máquina, nun folio por unha cara en papel timbrado, co nome de Eduardo Blanco-Amor, desde Vigo o día 6 de novembro de 1974.
O centro do relato é o gran premio de Galaxia. A través do texto, Blanco-Amor solicita consello, confirma rumores e fai propostas, co fin de coidar o talento que está agromando na creación literaria galega:
"Meu bon amigo: non sei por qué ti tes que sere quén, de cote, apande cos meus pedidos de consello para os choios literarios galegos: mais o caso e asi, e que se lle vai facer...
Teño a seguridade -e onte confirmoumo o Carlos Casares que moitos mozos escritores padecen o "complexo Blanco-Amor" á hora de facer a sua autocrítica, e máis aínda entrar con íl nunha competencia literaria. Isto hónraos moito e a min obrígame. Teño a seguridade, cando moito, de que os meus libros -especialmente a novela derrotada - marcan un fito que os mozos tratan de superar, si é que hai tal superioridade, con novos alentos. Si o concurso de Galaxia non se organizou pensando nos novos, coido que se perde o tempo. O tempo das letras galegas quer decir a sua continuidade nos que veñen, non a consagración dos que nos imos.
Vou daquela, pubricar un artículo falando distes premios e deixando esbarar, como si non querelo, o feito da miña abstención. Sei que isto animará a algúns que eu conezo e a aoutros que non conezo. Si o meu país querme favorecer, ou reconocer a miña laboura dentro e fora de Galicia, que me premie a obra feita -axudando ao mesmo tempo a que aínda está por facer- sin porme no caso de ter que competir cunha xeneración que conozo e estimo e a que non hai que porlle pexas reáis ou por eles imaxinadas, que ven a dare no mesmo, para que concurran con confianza e sen pretexto para non concurrir, ao gran concurso de Galaxia.
Non sei que che parece, quixera deixar isto resolto denantes de irme a pasar unha tempada fora do país a unha casa onde me dan moradía para que poida rematar tres obriñas galegas que os trafegos nos que un anda, prívame de suficiente serenidade e continuidade. Si che parece fálasme e vou a Santiago a que xantemos xuntos, e si tes tempo, a que falemos brevemente do caso".

NOTAS:
1. Eduardo Blanco-Amor. Real Academia Galega
https://academia.gal / membro / e...
Nado en Ourense o 14 de setembro de 1897 e finado en Vigo o 1 de decembro de 1979, Blanco Amor constitúe un dos grandes fitos da renovación narrativa galega.

2. Farsas para títeres. Edición bilingüe – TEATRO. gallaecialibros.com
https://www.gallaecialibros.com / detalle_producto
Farsas para títeres. Edición bilingüe. Autor: Blanco-Amor, Eduardo. Teatro Galicia. Ediciós do Castro. A Coruña - Galicia. 1973. 1ª edición.
Rivero, Manuel
Rivero, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES