Lenda da furada da serpe
Contaban os máis vellos de San Martiño de Mondoñedo do Concello de Foz, que fai moitos anos existía una enorme serpe que traía aterrorizada a toda a parroquia.
A serpe vivía nunha grande cova dun monte que era do Rocho, neses montes do Pedrouzo na Ermida. Actualmente ese monte é propiedade de Emérita de Antón.
Contan que no fondo desa cova podíase ver un carro e os restos das vacas que, un día por intentar escapar, caeron ao fondo do burato sen poder ser rescatadas. Nas madrugadas de San Xoán, á luz do sol, nun determinado punto, déixanos ver o devandito carro e os seus restos.
Segundo os máis vellos contan, a serpe ía beber auga a un regato situado nos prados da Acernada preto da Casa de Dora, e dicían que parte do rabo desa serpe quedaba na cova mentres a cabeza chegaba a ese regato do río Centiño para beber, ou sexa, que a serpe medía máis de dous quilómetros de lonxitude.
Un día, os veciños xuntáronse para facerlle fronte e matala, e así o fixeron, e din que o seu sangue ao caer á auga do regato, fixo nacer nas súas augas unha especie moi particular de herba.
Dende aquela, os veciños de San Martiño chámanlle a esa cova "A Furada da Serpe".
Lenda da lavandeira
Toda persoa que atente contra a vida dos nenos nados ou sen nacer (o aborto), ao morrer, a alma desta persoa "vagará en pena", e non irá nin ao ceo nin ao inferno nin atopará o perdón Divino no Purgatorio.
Esta "alma en pena" adoita a transformarse en muller e aparece nas noites de lúa chea á beira dos ríos ou regatos lavando os cueiros do neno ou nenos que ela matou.
Esta muller canta fermosas cantigas, e coa súa preciosa voz intenta atraer ao camiñante, o que por certo consigue. Cando o camiñante está cerca dela, a lavandeira sorrinte pídelle que lle axude a retorcer as sabas que está lavando. Se o camiñante lle axuda a retorcer as sabas como a lavandeira lle pide, tamén a súa alma "vagará en pena" e nunca atopará acougo, pero se o camiñante lle responde, que Deus ou a Virxe che axuden! a lavandeira desaparecerá e no lugar onde a lavandeira estaba, quedarán charcas de sangue, sangue do neno que ela matou.
NOTAS: Esta lenda aconteceulle a meu avó e a outros dous amigos, unha noite que ían pescar en Fazouro, Foz, na coñecida zona das Penas da Salsa. No chamado Rego de Pardiñas, alí se lles apareceu cantando e lavando, pero ao ver que eran tres, esfumouse.
Destacar, que foi cantada por Fuxan os Ventos en 1976. Tamén foi interpretada por outros autores, como Carlos Núñez, o grupo Nordés, entre outros.