II.3. O XUIZO Á SARDIÑA.
Entre os anos 2003 ao 2006 inclusive, as persoas que compoñen o consello xudicial para xulgar á Sardiña son as mesmas. Así, o xuiz chámase D. Ataulfo Alfonso Alfaguara das Torres Tortas. O fiscal, D. Fernando Federico Fernández da Filgueira. E o avogado defensor, D. Inocencio da Verdade da Boa.
ANO 2003.
O xuizo comeza cunhas palabras do SR. XUIZ:
Na vila de Vilalba no día... mes... do ano... de Deus de... , ten lugar nesta praza e neste intre o xuízo sumarísimo no que se aclararán os feitos imputados á acusada: Dona Sardiña da Auga Salgada, representada polo seu avogado defensor D. Inocensio da

Verdade da Boa, e actuando en nome do Ministerio Fiscal D. Fernando Federico Fernández de Fernández.
Ten a palabra o Excmo Sr. Fiscal.
SR. FISCAL.
Coa venia, Señoría. Preséntome ante este tribunal para reclamar a máxima pena para Dona Sardiña da Auga Salgada -aquí comparecente- que demostrou con tódolos agravantes a súa falta de civismo ao permitir e incluso alentar as máis deleznables conductas e actuacións que viñeron redundar moi negativamente no benestar dos vilalbes. O Ministerio Fiscal acusa a Dona Sardiña da Auga Salgada dos seguintes cargos:
1º. Por non poñer un pasamáns nas perigosas escaleiras que comunican a Praza de Santa María co auditorio municipal, facendo que a xente arrole por elas e chegue a trompicóns ata o río.
2º. Por permitir que veciños con evidentes mostras de falta de respeto ós cidadáns pinten as fachadas con cores doentes, que marean con só ollalos.
3º. Por deixar que persoas, que non merecen tal calificativo, destroces o mobiliario urbán, algo que é de todos e que todos debemos contribuir a manter polo ben común.
4º. Por arolar o sono reparador dos veciños das rúas da zona da movida co cunda cunda das músicas máis cañeras.
5º. Por perfumar polo verán as rúas no arrecendo cheirón dos contenedores, que refrescan as vías respiratorias de maneira fétida e noxenta.
Por todo o devandito e o que calo por falta de probas, solicito deste Tribunal se lle aplique a Dona Sardiña da Auga Salgada a máxima pena prevista.
SR. XUIZ.
Ten a palabra o Avogado defensor.
AVOGADO DEFENSOR.
O letrado defensor expón unha serie de actitudes e comportamentos levados a cabo por Dona Sardiña da Auga Salgada, que a eximen de toda culpabilidade. Distingue os seguintes:
1º. Por ter acadado que as nobres leiras de Lanzós e as fermosas pradellas de Mourence reciban a moi agardada e ben recibida visita das obras da variante.
2º. Por facer que moitos veciños conscientes da importancia de preservar o caso antiguo da vila, arranxen as súas vivendas contando cas axudas que se lles prestan dende...
3º. Por animar, xornada tras xornada, ós rapaces do Disco Troco Vilalba-Breogán que arrasan alá por onde van, e cando quedan na casa tamén.
4º. Por poñer máns á obra para que se poida desfrutar das salutíferas augas do Alligal dunha maneira máis hixiénica e cómoda.
5º. Por reunir, con moitos meses de antelación a comisión de festas do San Ramón. ¡Andá! E rima e todo.
6º. Por traer ó auditorio municipal a solemne sesión da Real Academia Galega na que Manuel María ingresaba en tan ilustre institución.
En definitiva... porque entre todos nós facemos de Vilalba un lugar agradable para vivir, para desfrute propio e admiración de forasteiros.
SR. XUIZ.
Eu, o Ilmo. e Excmo D. Ataulfo Alfonso Alfaguara das Torres Tortas e outras herbas, que non medran por falta de regadío. Honorable xuíz desta praza de Vilalba por gracia de Deus e un par de bos capóns. Ollando e escoitando tanto ao Excmo. Sr. Fiscal D. Fernando Federico Fernández como a Excmo. Sr. Avogado Defensor, D. Inocencio da Verdade da Boa, podo dictar e dicto a seguinte sentencia:
Condeno a Doña Sardiña da Auga Salgada, natural do Mar de Achola e veciña do Río de Acó, a ser queimada neste mesmo acto. Non obstante, gozará o vindeiro ano dunha merecida resurrección, acadando deste xeito o solemne beneficio soamente reservado a quen ten demostrado fefacentemente a súa boa vontade, aínda que pegando algún que outro tropezón polo medio, pero sen chegar a caer de fociños no delicto.
Asinado e rubricado.
En Vilalba a día
mes
de
ano.
ANO 2004.
SR. XUIZ.- PALABRAS DE INICIO.
As mesmas que no ano 2003.
SR. FISCAL.
Fai mención ás seguintes infraccións cometidas polo presunto imputado.
1º. Por deixar que os coches aparquen onde lles pete, sen respetar vados nin as beirarrúas nin os pasos de cebra, co consiguente perigo de que se enferruxe a grúa municipal.
2º. Por permitir que os edificios multipliquen misteriosamente alturas, baixuras e anchuras.
3º. Por non vixiar ós que se adican a destrozar o mobiliario urbán, que dito de paso, pagamos todos cos nosos cartiños.
4º. Por non facer que os donos dos cans, que cagan onde lles cadra -os cans non os donos- deixen as cagadas no chan esquencendo a súa obriga de recollelas.
SR. AVOGADO DEFENSOR.
O letrado defensor fai alusión a unha serie de motivos, que exoneran á imputada de todo acto delictivo. Estes motivos refirense ao seguinte:
1º. Por facer que Vilalba sexa un importante nó de comunicación, que reportará sen dúbida ningunha grandes beneficios para nosa vila.
2º. Por axudar á baixada nos niveis de colesterol facendo un fermoso paseo fluvial dende a praia ata o Rañego, harmoniasamente integrado no entorno e prevendo a súa ampliación en datas vindeiras.
3º. Por coidar parques e xardíns, por limpar as rúas, por axudar a restaurar as casas do casco antiguo
4º. Por organizar, dende hai moitos anos, as escolas deportivas, berce de vocacións, e maneira máis saudable de encher o tempo de lecer de nenos e maiores.
SR. XUIZ. Dicta sentencia usando case as mesmas palabras que no ano 2003.
ANO 2006.
SR. XUIZ. Palabras de comezo do xuizo.
As mesmas que nos anos 2003 e 2004.
SR. FISCAL.
Fai referencia aos diversos cargos e faltas, que foron realizados pola suposta culpable.
1º. Votar pola esquerda nas últimas eleccións autonómicas, xubilando ao noso paisano Manuel Fraga e, de peso, privando ao noso ex-alcalde de pisar as alfombras de San Caetano, que o pobre home xa se vía, polo menos, de conselleiro e quedou en deputado da oposición
2º. Seguir a traballar, para deixarnos sen Autovía de Ferrol á Vilalba e, tamén, sen

parque de bombeiros, que seica o han facer cando teñan ardido todas as casas de Vilalba. Tamén, foi falar cun señor de Oviedo para que non nos deixara ampliar o paseo fluvial ata os Freires, deixándonos sen unha nova ruta do colesterol.
3º. Traer a gripe dos paxaros para tratar de fastidiarnos a feira dos capóns, meténdonos o medo no corpo, empezando polos municipais, que se puxeron todos de baixa a un tempo por culpa da gripe do "pito".
4º. Poñer polo Nadal uns piñeiros enriba dunhas alfombras vermellas ás portas dos comercios. Máis dun esbarou nas alfombras molladas e aínda non se sabe que fixo despois coas pobres árbores.
5º. Conspirar cos donos de todos os bares de Vilalba para que en todos se poda fumar, esquecendo aos pobres non fumadores, que agora van ter que tomar o café na casa. Tamén acordou coas tabaqueiras baixar o prezo do tabaco, para que se fume máis.
SR. AVOGADO DEFENSOR.
Acúsase inxustamente á miña defendida de moitas culpas, sendo que da maioría son responsable os políticos de diverso pelaxe, que circulan polas institución. Eu teño que defendela porque fixo moitas cousas boas.
1º. Se votou pola esquerda, foi porque hai que dar de comer a todos, e a alternativa é boa, que a xente apoltrónase moito.
2º. Se non deu conseguido a autovía de Ferrol, polo menos xa hai un cacho feito e agora non a van deixar sen rematar, e conseguíu que o paseo do río se faga en terra, e non en formigón.
3º. A Feira dos Capóns púidose facer a pesar da gripe aviaria, e se non puido salvar aos municipais foi porque traballan demasiado pegados ao "pito".
4º. Aínda que se fume nos bares, xa non se pode en ningún sitio máis, co beneficio correspondente para os non fumadores, e o tabaco, aínda que baixou unha temporada, xa empezou a subir e non ha tardar en custar máis que o caviar.
Por todo isto, e outras moitas cousas que non lembro por culpa do garrafón, e que me está dando unha resaca do carallo, pido para Dona Sardiña da Auga Salgada a absolución neste proceso.
SR. XUIZ.
Logo de escoitar, tanto ao Sr. Fiscal como ao Avogado Defensor, dicta sentencia condenatoria sobre Doña Sardiña da Auga Salgada, utilizando case as mesmas palabras que nos anos precedentes.