Correspondencia entre Blanco-Amor e Ramón Piñeiro (1)
Rivero, Manuel - lunes, 26 de agosto de 2024
Os documentos que se conservan nos arquivos das fundacións Penzol e Blanco-Amor, abarcan un período de vinte anos (1959-1979), nese intervalo de tempo os dous intelectuais compartiron: proxectos, inquedanzas, confidencias, estados de ánimo, apoios, sacrificios, entusiasmos, traballos e ilusións.
Co paso do tempo, ese esforzo, guiado polo amor a terra, as súas raíces e as súas xentes, tivo recompensa; varias das metas conseguidos, sen a súa contribución, non serían posibles, con probabilidade, terían diferente formato ou languidecerían entre o silencio, o paso do tempo e o anonimato.
Ese amplo e variado epistolario, transmite: respecto, confianza, afecto, fortaleza, tenacidade, innovación e creatividade. É difícil encontrar perfiles tan diferentes e a vez tan complementarios.
A esencia dos relatos epistolares, prodúcese cando se ten o privilexio de poder analizar a súa forma e o seu fondo, tanto dos emitidos como dos recibidos, correlacionar datos, descubrir as variables independentes e dependentes, con elas tecer as historias de vida dos protagonistas, nun tempo, espazo, modo de ser e de interpretar a realidade.
O primeiro documento é da Fundación Penzol "RPIÑEIRO1959-1 - RPIÑEIRO1959-2", leva a data do primeiro de agosto do 1959. Carta extensa, escrita a máquina, nun folio por ambas caras, en papel timbrado co nome de Eduardo Blanco-Amor, na parte superior esquerda.
Por o seu contexto, coñecemos que había correspondencia anterior:
"Recibín a túa carta co recorte del "El Progreso" no que Anxel Fole se ocupa da miña novela. Vése que lle gustou. Niste mesmo correio mándolle un exemplar, adicado a Lugo, sin direición pois non a teño. Coido que lle chegará sin mais indicacións co seu nome".
O centro do relato, é a primeira edición da "Esmorga (1)":
"Eiqui o libriño está tendo gran suceso de venda, coido que é o que mais se ten vendido, dos pubricados en galego, relativamente ó tempo que leva na rúa. Dinme os editores que xa vai valeirada a mitade da edición; eu supoño porque se din nil porcalladas. A xente é así , ¡qué se lle vai facer! En cambio non hai res de crítica. A prensa nacional non se ocupa da literatura "dialectal", e os galeguistas son os únicos que teñen un par de follas, téñeme botado a pauliña e xa podo dar un couce no ceio ou escribir outra nova Iliada que non se moverán disa sua aitutude tan intelixente. Coisa maneira de levar as cousas están arrodeando de xenreira e de desconfianza o belido ideal polo que eu loitei e sigo loitando, naturalmente corenta anos da miña vida".
Vai cerrando cunha información de D. Ramón Otero Pedrayo e tres peticións:
"D. Ramón está romatando a sua xeira de conferencias. Foron grandes eisitos personaes: aínda que a xente está eiquí afeita a un mais ordeado rigor eispositivo nos conferenciantes que veñen da Europa, as suas condicións, certamente abraiantes, de orador poden con todo e producen nos auditorios unha sorte de fascinación que está por enriba da materia temática; unha sorte de rapto poético irrestibre. Ten traballado arreo pero está moi campante e manifico de saúde. Agora vaise a Mendoza á Universidade de Cuyo e despois coido que o Uruguay".
"Cando teñas tempo, mándame algunha cousa pra revista do Centro. Supoño que a recibes. Pagamos pouco - 350 pesetas pro mais adiante, cando o país se compoña anda como o carafio! será mais".
"Non te esquezas e dille a Fole que me mande algún conto".
"Tamén che prego que me digas a quen sería doado mandarlle a noveliña".
O segundo documento (EBA-855), da Fundación Blanco-Amor, é unha carta manuscrita por Ramón Piñeiro nun folio polo anverso, que lle envía a Bos Aires o día 15-X-59.
A Esmorga, segue a ser o centro do relato. Confirma a chegada do exemplar enviado a Fole:
"Recibín a túa carta. Nefeito, xa lle chegou a Fole o exemprar asinado do teu libro. Levo falado dil con varias persoas que o conocen Fole, Carballo Calero, Filgueira, del Riego, Alvarez Blázquez e atopo coincidencia en estimar "A Esmorga" como unha interesante aportación as nosas letras. Celebro de veras ise eisito editorial de que me falas na tua carta. Vai sendo hora de que ocurra eso cos libros galegos".
Agradece a invitación para colaborar coa revista do Centro Galego, non se compromete debido ás numerosas obrigas e problemas, aos que debe atender de forma prioritaria:
"Agradézoche moi sinceramente a honrosa invitación para colaborar en GALICIA. Non sei cando darei feito algo. Estou continuamente entrambilicado en problemas e obrigas estraliterarias e somentes escribo baixo o apremio de compromisos concretos. E teño varios pendentes por falla de tempo".
Informa que facilitaron o seu enderezo a unha estudante de doutorado, recomenda a quen lle debe de enviar un exemplar da Esmorga, coa súa xustificación, tal como llo solicitara na anterior carta e informa do estado de D. Ramón Otero Pedrayo:
"Démoslle as tuas señas a unha rapaza francesa que prepara unha tesis sobre García Lorca.
Para que a lean os rapaces novos de "Brais Pinto (2)", non estará mal que lle envíes un exemplar a Xosé L. Méndez Ferrín, a quen xa conoces persoalmente. Pódesllo enviar a dirección do Centro Galego de Madrid San Quintín, 6 Madrid, pois é alí onde teñen o domicilio social de "Brais Pinto".
D. Ramón ven moi ledo e animado, e moi apreciado de todos nós".-
O terceiro documento (EBA-855A-855-B), da Fundación Blanco-Amor, é unha carta manuscrita por Ramón Piñeiro nun folio por ambas caras, que lle enviou once anos despois (8-X-70). Por o contexto, hai indicios claros, que houbo correspondencia entre eles neste intermedio tan longo de tempo.
Ortega y Gasset, centra a atención da primeira parte da carta:
"Recibín os dous exemplares que me mandaches do teu folleto "Volviendo a Ortega y Gasset", un para Domingo e o outro para mi. A Domingo entregareillo o seu cando regrese a Compostela, pois istes días está de viaxe.
Agradézoche que me teñas enviado un exemplar, tanto máis que tratándose de unha edición privada o ser dos "pre-destinatarios" é unha boa prenda de amistade. Agradézocho moito.
Lin con moito gosto e con doble interés polo autor e polo tema o teu folleto, tan vibrante de sincera gratitude. En realidade pode ser o símbolo de un dos homenaxes que mellor merece Ortega: o dos seus discípulos de fora das aulas, que son moitos, moitos, e que estou tentado a decir que eran os seus preferidos, poisque é inneigable que Ortega escribía a súa obra para eles máis que pra os asistentes ás aulas. Pra istes contaba co maxisterio oral, co trato directo.
Por azares da vida, eu non disfrutaba dos beneficios dise xeneroso maxisterio orteguián que con tan intenso - e nobre- calor cordial agradeces nas páxinas do teu folleto. Non fun leitor de Ortega deica hai 5 anos, cando xa eu tiña 50 e síntome solidariamente partícipe nesa gran deuda colectiva que a España do século XX ten con Ortega. Por eso, tamén, comprendo perfeitamente o ton das tuas palabras cando "confesas" esa deuda e tratas de a pagar coa única moeda valedeira: a gratitude sincera".
Cerra a carta con dúas preguntas e a información do envío da páxina literaria do Progreso:
¿Diches cabo á tua novela? Agardo que si. Estou certo de que será espléndida e que arrequecerá notablemente a nosa narrativa.
No relatorio das tuas obras que figura no folleto, vexo aununciada "en preparación" unha Antoloxía de prosistas galegos. Alégrome ben, porque é unha antoloxía que se bota de menos e tú eres persoa con autoridade e criterio calificado pra facela moi ben. Eso si, sempre que figuren nela páxinas de "os biosbardos".
Mándoche esta páxina literaria do "Progreso" de Lugo supoño que xa a conocerás".
O cuarto documento (EBA-857), da Fundación Blanco-Amor, é unha carta manuscrita por Ramón Piñeiro nun folio polo anverso, coa data do 9-VI-71, na que agradece o agasallo do libro sobre Castelao, que leu con agrado, considera que o texto sae editado no momento oportuno, para defender a Castelao das apropiacións indebidas:
"Querido Eduardo: Recibín -e lín- o teu libriño sobre Castelao (3). Conocía xa algún dos artigos nel incluídos, pero foime moi grato lelos de novo xuntos cos que non conocía. O conxunto resulta interesante e moi atinado, porque compre defender a Castelao das "apropiacións indebidas" que verbo do seu nome tratan de levar a cabo algúns grupos pouco escrupolosos".
Cerra o texto lamentando o retraso da publicación da novela, sobre a que estaba traballando:
"Sinto moi de veras que non poida saír de inmediato a tua novela. Tanto o Basilio coma o Paco del Riego tíñame falado dela con loubanza".
O quinto documento (EBA-858), da Fundación Blanco-Amor, é un breve texto manuscrito por Ramón Piñeiro nunha tarxeta polo anverso, coa data do 30-VI-71.
Na parte superior esquerda con pluma de tinta negra escrebe o enderezo de Blanco Amor: Capitán Cortés 43. Orense.
Confirma a recepción do escrito, para recoller as firmas da adhesión a Luís Seoane, coa que está de acordo e ofrece a súa colaboración:
"Recibín o escrito que me mandaches de adhesión cordial a Luís Seoane. Estou completamente de acordo coa iniciativa e presto gustosamente a miña colaboración para a recolleita de firmas.
Nistes días teño que facer un viaxe. Na semana que ven ocupareime de recoller algunhas e falar cos amigos para que recollan outras. Coido que é xusto e oportuno".
NOTAS:
1. A esmorga EDUARDO BLANCO AMOR. Fundación Ortega Muñoz
https://ortegamunoz.com suroeste escaparate-de-libros
18 jul 2022 - Tras esta frustrada tentativa, la primera edición de A esmorga tuvo que salir a la luz en la capital argentina en 1959, imprimiéndose allí...
2. Brais Pinto (Madrid, 1958-1974?) [Semblanza] / Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes
https://www.cervantesvirtual.com
Brais Pinto (Madrid, 1958-1974?) fue un grupo gallego de acción política y cultural cuya principal empresa editorial fue el sello Brais Pinto.
3. Desa primeira edición, non encontrei referencias. Da a sensación que é unha recompilación de artigos publicados, xunto con outros de nova elaboración, en cambio si hai referencias da edición do Castro do ano 1986:
CASTELAO ESCRITOR - EDUARDO BLANCO-AMOR
Agapea https://www.agapea.com Eduardo-Blanco-Amor Cas...
El autor de Castelao escritor, con isbn 978-84-7492-283-7, es Eduardo Blanco-amor, esta publicación tiene ciento dieciocho páginas. Ediciós Do Castro edita...
Editorial: Ediciós do Castro (1 enero 1986). Idioma: Español. Tapa blanda: 102 páginas. ISBN-10: 8474922836. ISBN-13: 978-8474922837

Rivero, Manuel