Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - martes, 20 de agosto de 2024
O Rei do polo asado

Ás catro da tarde o rei do polo frito baila un tango sobre os cornos dun escornabois, mentres a uns cinco metros un raio de sol, tan só un, pega con forza sobre unha flor, tan só unha, de toxo. Antigamente, o rei do polo frito era Ramoncín. Hoxe en día é Satiro, o fillo da Clotilde, o rei do polo asado, que montou unha granxa de pitos cando xa non quedaba ninguén na aldea.
Pingas de Orballo Empezou tan de cero que foi a derradeira veciña a que lle regalou unha galiña ó desaparecer tras a última casa da aldea. A partir de aí, Satiro, O Garnacho, foi paso a paso, ovo a ovo, pito a pito ata o imperio de hoxe. Porque ten un imperio.
Fixo a granxa e pódese dicir que nin a estreou, xa que como non hai ninguén, deixa os polos soltos por toda a aldea e por todas as fincas da mesma. Tampouco se dedica a vendelos, non. El mesmo, no forno comunal, que está na mesma praciña da aldea, asa alí os polos e cada dous días sae co seu furgón a venderllos ós supermercados. Vende poucos neses lugares pois, cando chega a eles, xa leva o furgón practicamente baleiro... a xente 'atrácao' polo camiño.
Quen os asa realmente é a súa dona, Carmiña Lucero, a filla do Paisano, que, polo que se ve, ten boa man. Os que a coñecen ben, din que sempre tivo boa man. No forno, Carmiña sempre anda coas pernas ó aire (a calor e moita) e nestas vense contusións a esgalla, como se fose á guerra, a causa de manexar, manipular na leña para quentar o forno. A pesar diso, o Satiro sempre lle di que ten unhas pernas bonitas. Ela sorrí, el ri e marcha bailar unha polca sobre o pico dun dos seus pitos.

Latricar

Latriquei con forza. Latriquei moito tempo. Latriquei de seguido. E cando rematei, quedei baleiro. Quedei feliz. Quedei libre.
Latriquei sobre a disposición dos puntos sobre os is e da curvatura dunha vara aguillada cando camba. Baduei sobre a nugalla cando non hai ansia ningunha e sobre o voo dun saltón cando decide voar (o saltón tamén salta) Esbardallei sobre un guión mal escrito e peor representado e sobre unha tatuaxe debuxada nun cacho de pel branca.
Pingas de Orballo Falei, case berrando, sobre a cuadratura do círculo e sobre a inercia dunha pelota que sae con forza dun pé con destino ó infinito e máis alá. Tamén latriquei, case en silencio, sobre o soño que se soña cando se deixa caer a cabeza sobre unha almofada branca, e sobra a vía do ferrocarril que se perde na negrura do túnel.
Baduei sobre a política que, por interese, ninguén me entende e sobre os versos que non consigo rimar aínda que elabore todo un poema. Baduei sobre o veleno que levamos nas entrañas e sobre os latexos que mancan no peito. Latricar, baballar, baduar, esbardallar, larapetar, laretar, airear palabras, espallar frases, predicar aínda que sexa no deserto, pregoar sentimentos, publicar pensamentos e ventilar desexos, simplemente, deixa a un no ceo.
E quedo libre, si, cunha sensación de baleiro, pero co estímulo de saber nadar entre indirectas que semellan directas, entre sensacións que se acomodan ó sofá da inercia. E con calma, con somnolencia sigo latricando, polo baixiño e amodiño, sobre a felicidade que se deita nun recanto da memoria, da miña memoria.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES