Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - viernes, 16 de agosto de 2024
A Fantasía domina todo

Herba seca espallada polo chan. Nubes brancas sobre un ceo azul. Tempo que pasa nunha camiñada curta. Piar de paxaro entre unha silveira. Cabeza de lagarto, estirada, ó sol. Xuncas que se moven ante a suave brisa, por lle chamar dalgunha maneira. A calma, o bochorno e o silencio -en cada intervalo do piar do paxaro- sosegan a andaina, xusto no medio e medio do atallo.
Pingas de Orballo E ninguén me seguiu o ritmo. Porque andaba só, ando só. Sempre se dixo que mellor só que mal acompañado. Certo. Mellor andar ó ritmo dunha doniña, á velocidade dun vencello, coa pachorra dunha tartaruga, incluso cos nervios dun alacrán. Aínda que, con este, se te pica, busca cura e sancristán, que mañá te enterrarán. Mal asunto. Requiescat in pace polo despiste, pola confianza.
Sigo andando na procura dunha fantasía que aínda hai que fabricar. Non sempre asoma á boa de Deus. Algunhas veces hai que asfaltarlle o camiño para que non tropece, para que non se atranque. A fantasía, sen obstáculos, é coma soñar esperto unha e outra vez, unha e outra vez...
Coches que pasan. Ruído que deixan. Pomba que se achega. Bonita pulseira nun nocello de muller. Sorriso no xesto da mesma muller. Banda sonora que soa, que escoito. Pasos que trepan xa nas baldosas da beirarrúa. E a andaina que segue, lenta pero segura. Baixo unhas nubes xa máis grises que brancas, sobre un ceo con menos espazos azuis. Tempo que non se detén e o barullo empeza a dobregar ó silencio; por culpa dos coches e motos, en particular, e do ambiente, en xeral. A rúa, ancha e longa, non é o mesmo que o atallo, estreito e curto. Tan só a fantasía domina todo.

Correr ten o seu mérito

Corrín para rachar o silencio e para que a conciencia se bambeara sobre a galla dunha cerdeira. Corrín sobre uns gatiños que acabaron de aumentar a familia e sobre o desexo dun querer e non poder. Corrín detrás da procesión do San Salvador en Baños de Molgas, ata que cheguei á súa altura e pillei unha das súas andas. Corrín detrás do tempo e por diante dun pensamento. Ó mellor era dun sentimento.
Pingas de Orballo Correr cando non se ten moitas ganas xa ten o seu mérito. Por iso case é mellor correr desde un sofá ou unha cama ou desde a cadeira dunha terraza ou desde dentro dun coche e que sexa este o que acelere. Correr por correr, ás veces, tampouco procede.
Porén, sigo correndo por unhas frases que se dixeron ou escribiron e tamén por unha faldriqueira que, pouco a pouco, se fixo para matar o tempo. Corrín arredor da fonte da Lameira e subín, correndo, os 103 chanzos da igrexa de Baños de Molgas. Baixeinos amodiño para correr os sete da Aira de Arriba. Deixei que a vista correse cara ó ceo azul na procura dos estoupidos dos fogos artificiais que se lanzaron antes da procesión. Corrín tras as badaladas que seguiron toda a procesión do patrón de Baños de Molgas.
Correr, cando se quere realmente correr, mesmo é bonito e axita as ideas para enlearse finalmente nunha estrutura poética que se axusta, que se acomoda ó ambiente dunha habitación en penumbra. Agora cada quen que pense nunha carreira rápida ou ó ralentí. Eu corro sobre a ilusión, sobre o soño que espera estomballado no sofá, na cama, na noite.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES