Escena II
Abaixo. Diante da igrexa, ¡catedral!, de Vilabade.
Na praza cuadrangular, entre a igrexa e mailo pazo dos Osorios, co castelo de Castroverde ao fondo, preséntase Don Lope, rodeado dos seus vasalos, e recibe a El Rei:
DON LOPE.- ¡Meu Señor Don Afonso..., que das Asturies sodes Rei!
AFONSO, Afonso II, Rex.- ¡E do Castro Verde, tamén, que ti es Conde, Conde meu, e por ende, vasalo!
DON LOPE.- (Desde a escalinata. Visiblemente nervioso: cústalle moderarse).- Iso ía engadir, que por vasalo me teño, Señor Don Afonso. Pero..., ¡lembrádevos de que por aquí, nas terras do meu Condado, ao Rei Silo das Asturies, parente e antecesor voso, fixémoslle morder o pó! Mais despois diso, despois de poñelo ao noso raseiro, despois de aplacarlle aqueles fumes..., aquí mesmo, cabe do meu castelo, rendémoslle vasalaxe, eu e mailos meus colegas, por..., ¡por iso, para que houbese paz! Os galegos, Señor, barafustamos moito, pero deseguida nos quedamos quedos, mansiños, suevos, acougados, tal e como aquí me vedes..., ¡sempre que non haxa abusos do poder!
AFONSO.- (Condescendente, diplomático, maino).- Acepto, e renovo en min aquela vasalaxe que lle fixestes ao Don Silo..., que as pasou moradas aí arriba, nese Campo da Matanza, rematando aquelas fazañas no Monte Cubeiro, por xunto da Fonte de Matahomes, enchendo de ósos un Rego. En calquera caso, vindo ao presente, ben que vos estou honrando coa miña Real Visita, inaugurando, ou mellor dito, reinaugurando, de paso que paso, este Real Camiño do Lucus, agora de Santiago..., para que podades ir aló, comodamente, para bota-las instancias..., ¡cando os tempos da vosa Real Autonomía sexan chegados!
DON LOPE.- (Facendo espaventos).- ¡Vos, Señor, El Rei, con estas bromas! ¿Instancias á Xunta? ¡Pero, Don Afonso, se nolas devolven todas, todiñas! Sempre din que se lles esgotou o Presuposto..., e que o próximo está sen formalizar!
AFONSO.- (Paternalista).- Meu Don Lope, Señor deste Castro tan Verde, e tan bo vasalo meu..., ¡para conseguir cousas hai que comezar pola comedalla, polo Intermediario, polo Cacique, polo Conseguidor, e tamén polo Señor Sancti Iago! ¡Parece mentira que o digades vos, un home tan cabaleiro..., tan cabal! Ten presente, e sabido, meu Conde, que os Xunteiros sonche..., ¡a feito!, querubes frauteiros, aló arriba, de par de Deus. ¡Só se chega a eles upándose na sela do cabalo de Santiago! ¿Entendeislo, Don Lope?
DON LOPE.- (Xa flexible).- ¡Será iso, Señor; será, que para entende-la Xunta fai falta ser Rei..., polo menos! Mais, xa que é a hora do xantar, se vos prace platicaremos polo miúdo..., ¡despois da Misa de Gloria, que nos espera o meu Capelán! Seguidamente, para abrir boca, aí nese Campo da Feira, ¡que teño o castelo en obras, cun cento de choias choiando!, daremos conta duns xabarís, coellos, perdices, arceas, patas traseiras do porco..., ¡e moitas manxares das de por aquí, dignas dun Rei!
AFONSO.- (Amigable).-Fagamos, pois, esa enchente protocolaria, ¡segundo é costume nestes actos! Despois da Misa, naturalmente, que quero proseguir na restauración desde Camiño, agora santo..., para levarlle os votos a Santiago!
DON LOPE.- Diso dos votos...; coido, Señor, que as eleccións Xerais xa pasaron, ¡sen pena nin gloria, mais pasaron! Para as outras, para as Autonómicas..., ¡inda non foron convocadas!
AFONSO.- Refírome, Don Lope, aos votos do Señor Sancti Iago, ¿ou xa non lembrades que o Fillo do Trono é agora Xunteiro Maior do seu Campus Stellae?
DON LOPE.- ¡Xa o sei, meu Señor Don Afonso, xa o sei, pero é que a estas horas téñolle tanta fame que nin vexo o Camiño, por mais que o teña debaixo dos meus pés!
AFONSO.- Comeremos e desfrutaremos, pois, dese ágape medieval, en paz e concordia..., ¡como corresponde á nosa liñaxe!
DON LOPE.- (Timidamente, cautelosamente, ao galego).- ¿Señor, deixamos aos criados, por esta vez, sen que sirva de precedente..., que coman igualiño cá nós? ¡É para relos contentos, para que voten ao dereito cando volvades por aquí..., aos votos!
AFONSO.- (Posto en autoridade, concesivo pero esixente).- ¡Sendo por unha vez, e sen que sirva de precedente..., que coman! Despois diso que se poñan a cavar na decrúa destes vedros..., que xa recollerei os quintos á volta..., ¡pois para vivir dos votos xa témo-los de Santiago! ¿Non vos parece, Don Lope?
DON LOPE.- (Doéndose dos servos).- Meu Señor, esta xente precisa comer, do quente, pois os montes desta parte do país sonlle recios, raizudos, malos de roturar...
AFONSO.- (Un tanto avinagrado).- ¡Estis galegos..., como son, como se aproveitan dos votos! Sexa, pois; por esta vez que coman connosco eses criados, pero despois da nosa pernada..., ¡do que sobre!
DON LOPE.- (Incrédulo).- Diso da pernada... ¡Señor, o que mande Vuesa Mercede, pero eu coidaba que sodes casto..., tal e como pregoa a vosa sona!
AFONSO.- (Ferido na súa honra con aquel equívoco).- ¡Casto son, que por casto pasarei á historia! Quixen referirme..., ¡á pernada do porco! ¿Ou non é certo que os xamóns sempre foron axeitados para o almorzo dos caciques?¡Pois logo...!
Con isto dito, meu Conde, non se fale máis, que para a Gran Historia queda inaugurado este Camiño, mesmo por sobre da calzada romana; polos séculos dos séculos, amén.
(Agora diríxese ao amanuense).- Escribán Real, tomade nota, en boa caligrafía, latín e galego, para as Crónicas Ovetenses. Tomade nota de que inaugurei, tal día coma hoxe, in person, esta Vía Real. ¡Pola gracia de Deus, e tamén pola de Santiago, pola miña palabra..., que é a palabra dun Rei!
Apéanse os cabaleiros e suben a escalinata, pero detrás de Don Lope. Entran na igrexa, e oen Misa.
... Gómez Vilabella, Xosé M.